Ti que brillas nas tebras

Seguramente que todos coñecemos o canto: “Señor, ti que brillas nas tebras dános a túa luz”.

Nesta época do ano en que temos os días máis curtos de luz por falta da luz solar, lembro este canto. Escuridade física na que se desenvolve a espiritual. Ante este deserto espiritual, o Señor, no viril eucarístico, brilla como a luz e ilumina a tebra e resplandece como sol ante nós, adoradores da súa divina presenza. E dános a súa luz. E recibímola abundante se a pedimos e non desertamos da fecundidade da oración no encontro adorador.

Este tempo, cheo de resonancias de María Inmaculada e con horizonte no Nadal, convídanos e alenta a unha nova cor e sabor eucarístico. A afrontar o futuro con esperanza, que é o mesmo que con luminosidade. A Inmaculada e o Nadal esclarecen e animan o noso camiño cara á grandeza que nace do Si de María e que se fai Luz e rostro próximo no Neno de Belén. A estrela de Belén hoxe condúcenos á Eucaristía, ao altar, onde Cristo nace, está e agárdanos.

A tebra social e a debilidade dos anos, quizais socavaron a nosa presenza nas quendas de Adoración pero non logran afectar a nosa fe eucarística. A pandemia e aqueles factores puideron frear a vitalidade da Adoración Nocturna. Pero agora, superados os temores da pandemia, podemos recuperar aquelas quendas vivas e numerosas que na noite recibían a “LUZ que brilla nas tebras”. Animo a acollela.

Un adorador que leva a LUZ consigo, irradia luz. A luz é fecundidade. É multiplicadora. Tebra e luz son incompatibles. Refuguemos a apatía e o pesimismo. As penas e os achaques. A Luz, Cristo eucaristía, que brilla na noite da nosa catedral convídanos e chama. “Señor, Ti que brillas na tebra, dános a túa luz”.

O Nadal ben pode ser o renacer con Cristo ao compromiso adorador. As quendas na Catedral, e na diocese, xa piden a volta ao encontro gozoso con Cristo eucaristía nas noites do silencio grato a Deus. Respondámoslle.

Que a luz do Señor ilumine vidas e fogares.

Daniel García García

Director Espiritual Diocesano de Adoración Nocturna

Boletín informativo A. N. E. nº 382

Aplicación da Lei de Protección de datos na Diocese de Lugo

O Delegado de Protección de Datos, Alfredo Losada, participou na formación permanente que organiza a Diocese de Lugo, e deu unha serie de recomendacións para a protección de datos.

Hai dous principios básicos

Un é a responsabilidade activa. Trátase de manter os datos seguros, utilizar os datos só para a finalidade para a que foron recabados. E o outro principio é o consentimento. Neste caso estamos a falar da necesidade dunha manifestación expresa e inequívoca de que se consente o uso dos datos. Ademais, hai que poder demostrar ese consentimento. 

Importancia dos formularios

Nas páxinas web ten que aparecer un aviso legal, unha política de privacidade, unha política de cookies. Tamén están os formularios para os sacramentos. A Diocese dispón de formularios de catequese; para participar en actividades a través dun blog, revista;  para formar parte dun grupo de comunicación (tipo whatspp, telegram) para favorecer actividades de catequese. No caso dos arquivos parroquiais, cando chega unha solicitude de datos, pode autorizarse unha representación para que outra persoa represente a quen está interesado nunha información custodiada nas parroquias. No caso do formulario de bautismo recóllese a posibilidade de usar a imaxe dos fillos e tamén ser partícipes das actividades pastorais organizadas pola parroquia ou a diocese.

Que facer ante as vulneracións de seguridade

Hai que ser proactivos, comunicar inmedatamente calquera vulneración en materia de protección de datos. Cando haxa un risco real para a liberdade e os dereitos das persoas, é importante abrir e notificar a incidencia ao Delegado de Protección de Datos e nun prazo de 72 horas á Axencia Española de Protección de Datos. Esta información é relevante tanto para a defensa dos datos persoais de todos os fregueses, como tamén o cumprimento que conleva a elaboración de protocolos, uso de formularios redactados consonte a normativa vixente en materia de protección de datos.

Encontro diocesano ao inicio do Ano Litúrxico

O vindeiro 28 de novembro terá lugar o encontro diocesano ao inicio do Ano Litúrxico. Comézase no Santuario da Saleta en Silleda para logo acudir ao Santuario do Corpiño en Lalín.

O inicio do Ano Litúrxico é sempre unha boa ocasión para encontrarse, reflexionar e rezar xuntos. É unha reunión aberta a sacerdotes, consagrados e laicos. Presidirá o Bispo, D. Alfonso Carrasco.

O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

  • 10:30 h en Siador, Nosa Señora da Saleta. Visita a igrexa e oración

  • 12:00 h: O Corpiño. Reflexión “Ano Litúrxico, posibilidade de encontrarnos con Xesús” a cargo de D. José Joaquín Borrajo, Vicario Xeral da Diocese de Ourense.

  • 12:30 h: Tempo de oración e reflexión persoal.

  • Oportunidade de recibir o Sacramento da Confesión

  • 13:15 h: Eucaristía. Ó final da mesma: invocación mariana

  • 14:15 h: Xantar.

A comida será nun restaurante no Corpiño (15€); un autobús sairá ás 8:45h. da mañá da Ronda da Muralla á altura da Porta de San Fernando, Lugo e regresa ao final do encontro (15€). É necesario anotarse, para a comida e o autobús, antes do día 25 de novembro nos teléfonos 982 21 42 65 (horario de tarde de 18 a 20h.), zona de Pontevedra 679 55 8108.

Organiza: Delegación Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico

Primeira sesión da Escola de Formación sobre a Eucaristía

O 22 de novembro comezou a Escola de Formación sobre a Eucaristía que a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza este curso, con sesións bimestrais. Na primeira, o licenciado en Teoloxía Litúrxica, José Sánchez Piso, explicou os ritos introdutorios.

Cando se fala das partes da Misa debe facerse desde a espiritualidade, a tradición, a teoloxía, o dereito, a estética, as rúbricas,…

Nun momento da súa intervención referiuse Sánchez Piso a un cambio: “o Misal actual substitúe a fórmula “Preparado o sacerdote…” por “Congregado o pobo…”. Non significa que o sacerdote non deba estar preparado, pero está poñendo o acento no pobo. Xa non é a Misa do cura á que asisten algúns, senón que é a Misa da Asemblea presidida polo ministro ordenado. Como facer que realmente unha morea de individualidades que viñeron da súa casa fagan unha asemblea de verdade? Para iso importa o canto de entrada, que acompaña a unha procesión, ás veces reducida simplemente ao camiño desde a porta da sancristía ata o altar pero outras veces celebrada con solemnidade. E temos os 3 elementos cos que empeza a Eucaristía: a procesión, cantando, para rematar cunha oración. Este esquema é clásico no culto católico, xa fala diso San Agostiño”.

Sobre a oración colecta, Sánchez Piso explicou o motivo de ter ese nome: “chámase así porque recolle o sentido da celebración e as oracións dos fieis. Porque o sacerdote di “Oremos” e para iso hai que facer un intre de silencio e orar”.

Nunha colecta hai distintas partes: “unha invocación (O Deus, Pai eterno…) mencionando a Deus a algún atributo seu. A continuación vén o memorial, que é lembrar un feito salvífico realizado por Deus (Encarnación….). Despois vén a petición e finalmente a conclusión. Nesta dise “Por Xesucristo o Noso Señor” porque as peticións non as facemos a Xesús senón ao Pai eterno, pero nós non somos dignos de dirixirnos ao Pai eterno, polo que ao final de calquera oración dicimos que se facemos a petición é porque poñemos a Xesús como intercesor”.

Celebración de Santa Icía

Con motivo da celebración da patroa da música, Santa Icía, a Diocese e a Catedral organizan unha serie de actos na basílica lucense:

O 22 de novembro ás 20.00 h. na Eucaristía solemne Catedral de Lugo intervirán as seguintes agrupacións musicais: Cantar Delas, Conxunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral Ecos do Miño, Coro do Hospital de Lugo, Grupo Vocal Sólo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes, Schola Gregoriana Lucensis

E o mércores 23 de novembro ás 21 h na Capela do Bo Xesús da Catedral terá lugar un concerto no que actuarán Concentus Lucensis, Coro do Hospital, Orfeón Lucense e Solo Voces na parte coral. E na parte instrumental tamén intervirán os organistas Nicolás Varela e Giulio Mercati.

A %d blogueros les gusta esto: