Xornada da Familia

Os bispos da Subcomisión episcopal da Familia e a Defensa da Vida falan da necesidade dun verdadeiro ambiente familiar e de xerar unha cultura da familia: “O camiño da familia necesita unha morada, un ambiente axeitado, un tecido de relacións onde poida crecer e xerminar o desexo humano. Non hai persoa sen persoas, matrimonio sen matrimonios, familia sen familias; por iso é urxente xerar unha cultura verdadeiramente familiar”.

A Igrexa debe “xerar espazos e tempos novos, un ambiente e unha cultura favora-bles nos que a familia poida crecer e vivir en plenitude a súa vocación ao amor”.

Finalmente, encoméndase á Virxe María, a protección de todas as familias, de modo particular ás que pasan maiores dificultades.

[Materiais]

“Mañás de Nadal” da Asociación Xuvenil Ateibo

Dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro do 2017, a Asociación Xuvenil Ateibo está levando a cabo a actividade denominada ”Mañás de Nadal”, que ten como destinatarios nenos de 3 a 12 anos (cursen estudos ou non no colexio Salesianos – Divina Pastora de Lugo).

Este proxecto responde á necesidade vista dende o propio centro xuvenil de que os nenos ocupen o seu tempo libre, dunha maneira lúdica e educativa, neste tempo de vacacións; e de que os pais concilien a súa vida laboral coa familiar.

O proxecto desenvólvese de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e hai servizo de gardería de 9:00 a 10:00 horas e de 13:30 a 14:00 horas para aquelas familias que necesiten un horario máis amplo.

Os obxectivos son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar o traballo en equipo, e axudar aos pais que traballan nestas datas a conciliar familia e traballo. Durante estes días organízanse obradoiros, excursións, actividades de animación á lectura, disfraces, xincanas, deportes, teatro, xogos musicais, cociña creativa… E faise cun equipo de animadores cualificados, voluntarios de Ateibo.

O prazo de inscrición permanece aberto. Para consultar máis información ou solicitar a ficha de inscrición, dirixirse aos locais da asociación: Praza da Milagrosa, 10 (teléf. 633 674 528).

Deus vén sempre: é Nadal

A celebración cristiá do Nadal é e foi unha Boa Nova para a humanidade. As relixións xudeo-cristiás, aínda que algúns aínda non queren entendelo, estiveron e están na orixe da civilización do amor, das democracias actuais e do progreso dos pobos. E iso, ten o seu fundamento no gran acontecemento de Nadal, que é pois, para nós hoxe, unha admirable noticia que non pode deixarnos indiferentes.

Descríbeo fermosamente un dos teólogos máis importantes do século XX, o xesuita alemán Karl Rahner, que escribe o seguinte: “Cando dicimos: “É Nadal”, isto é o que dicimos: “Deus pronunciou a súa última, a súa máis profunda, a súa máis bela palabra ao mundo na Palabra feita carne; (…) E esta Palabra quere dicir: “Eu ámote a ti, a ti mundo e a ti home”. Que ben reflicte, o teólogo, o fondo significado do Nadal para os cristiáns!

Lembro unha homilía do Papa emérito Benedicto XVI, con motivo do Nadal (pronunciada o 24 de decembro de 2009), na que recordaba que esta boa nova, por ser boa é tamén verdade e, xa que logo, tamén me debe de afectar a min. Sentirse tocados por algo tan significativo supón, de entrada, espertar a nosa sensibilidade para con Deus. Hai quen afirma “que non ten oído para a música”; pode ser certo que o noso xeito de pensar e actuar, no mundo actual, reduce e limita a capacidade para captar as cousas de Deus, para entender a súa linguaxe e a súa proximidade (Enmanuel: Deus connosco) ata tal punto que nos deixen “sen oído musical para el”. Con todo, os estudosos do fenómeno relixioso, recoñecen que en cada ser humano hai un desexo de Deus, un anhelo da divindade, unha capacidade innata para saír ao seu encontro e acollelo. Por iso, o Nadal, celebrar que Deus vén, que sae ao noso encontro, interpélanos a estar vixiantes, axúdanos a espertar ao esencial e a recuperar a relación dun Deus que parecía que estaba oculto, afastado e escondido e que se manifesta na proximidade de Belén.

É verdade que moitos de nós estamos moi ocupados en razoamentos complexos, filosofías esotéricas, ou negocios, mercados e consumismo. Desde estes xeitos de ser e estar no mundo, faise difícil chegar ata o presebe, xunto á Sagrada Familia de Nazaret. Con todo, sempre é posible saír do enredo das nosas encrucilladas pagás para atopar o camiño cara a El.

Nadal significa que hai sendeiros para todos. Que sempre é posible poñerse en camiño cara a Belén, cara ao santo, na procura deste Deus que quixo “abaixarse” tanto de modo que podamos contemplalo, pequeno e cheo de frío, nun miserable cortello. O percorrido máis longo xa o fixo El. Agora, en Nadal, lémbrasenos que hai que facer memoria diso, que non convén esquece o esencial: “Eu ámote a ti, achégate a ver canto e de que xeito che podo amar”. “Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes de boa vontade”.

 

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Concerto de Noemi Mazoy na Catedral

Baixo o título “Misericordia e tenrura“ a soprano Noemi Mazoy dá un Concerto de Nadal o día 23 de decembro ás 20:30h na Catedral. Estará acompañada de Valery Zviarzhevich (acordeón) e Cristina Nogueira Pérez (violoncello). Interpretarán as seguintes pezas:

  • Panis angélicus (César Franck)
  • Ave María (Schubert)
  • Oh luz de Dios (canción alemana de Nadal)
  • How beautiful are the feet (Händel)
  • El tamborilero (canción popular épica. Letrista:
  • Katherine Kennicott Davis)
  • Ave María (Gounod)
  • Noche de paz (Franz Gruber)
  • Cantique de Noël (Adolphe Adam)
  • Canto de berce (R. Groba)
  • Ave María (Caccini)
  • Adeste fideles (J. Reading)
  • Berceuse (J. Brahms)

Únese así ás celebracións con motivo de que a Santa Sé concedese á Catedral a renovación do privilexio da indulxencia plenaria cotiá e perpetua.

Formación permanente para sacerdotes, relixiosos e laicos sobre as nulidades matrimoniais

O día 28 de decembro entre 10:30h e 14h o Seminario Diocesano acolle unha xornada de formación permanente para sacerdotes, relixiosos e laicos.

 O tema é o proceso canónico para as causas de nulidade matrimonial a un ano da entrada en vigor da carta apostólica do Papa Francisco Mitis Iudex Dominus Iesus. O encargado de impartir a formación é Alberto Riádigos, xuíz do Tribunal Eclesiástico.

%d bloggers like this: