A familia cristiá ante os desafíos da modernidade

O Día da Familia celebrado o domingo 23 de outubro en Teixeiro comezou cunha conferencia pronunciada polo Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo. Algunhas das súas palabras foron as seguintes.

A realidade do matrimonio e da familia en España é significativa e importante porque ten moito que ver co pan noso de cada día, co futuro da Igrexa e da sociedade e coa felicidade e a santidade de todos. A infancia, a mocidade, a parella, o matrimonio, a ancianidade están fondamente afectadas pola situación da familia. Ao redor da familia xóganse realidades tan importantes como a vida, a educación, a estabilidade do fogar, a maternidade, a convivencia, o respecto mutuo, a natureza das cousas, a propia filosofía (por riba de toda filosofía e ideoloxía está o amor cristián que é o fundamento de todo pensar e sentir), a concepción antropolóxica do ser humano, a indisolubilidade, a fidelidade, a beleza do amor matrimonial e a procreación, o sentido da vida e da morte.

Estas palabras sitúannos xa nunha reflexión realizada desde unha actitude propositiva pero partindo da análise da realidade que nos ofrecen os bispos españois, concretamente, a Subcomisión Episcopal para a familia e a defensa da Vida. A recente nota da Comisión Episcopal ante a nova lei da saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo e ante a Lei para a igualdade real e afectiva das persoas “trans” e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, pon de manifesto serias preocupacións porque:

  • Lexíslase en contra da vida humana e en contra da igualdade e dignidade do ser humano así como en contra da natureza e da saúde sexual e reprodutiva.
  • Estes proxectos lexislativos confúndeno todo. Non se pode promulgar o aborto como un dereito (a morte e a inxustiza non é un dereito). É reprobable permitir o aborto dos discapacitados até os cinco meses e medio e é reprobable a posibilidade de que as mozas menores poidan abortar sen o consentimento dos seus pais (non poden tomarse un ibuprofeno de 600, nin votar). É reprobable obrigar aos médicos que non acepten estas prácticas que teñan que inscribirse nun rexistro de obxetores de conciencia.

 Hai preocupación pola posible aprobación da lei “trans” que contén no seu articulado elementos de imposición da teoría “queer” que cuestiona radicalmente a identidade sexual das persoas, en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, establecendo e impondo arbitrariamente unha única concepción antropolóxica.

 O Papa Francisco e Benedito XVI falaron en numerosas ocasións e nun ton moi crítico da denominada “ideoloxía de xénero” chegándoa a considerar un dos maiores atentados dos nosos días contra a dignidade da persoa humana e unha das maiores ameazas existentes contra a familia. A nova lei da transexualidad fundaméntase nesta ideoloxía. Por iso, os bispos falan de:

  • Un horizonte de colonización ideolóxica. Hai que lembrar que non somos animais irracionais, ou ordenadores con patas, senón seres de corpo e alma con intelixencia sintiente.
  • Un estado democrático non pode impor unha peculiar e reducida visión antropolóxica en todos os ámbitos: educativo, médico, xurídico, laboral, medios de comunicación, cultura, deporte, lecer, etc.

 Están a darse casos nos que adolescentes “sen disforia de xénero” piden cambiar de sexo por cuestións afectivas propias da adolescencia. Ademais o cambio de sexo é irreversible. Estamos ante un exemplo claro de irracional dogmatismo ideolóxico. Ás persoas con trastorno de identidade de xénero négaselles a posibilidade dun tratamento psicosexual e mesmo a necesidade dun diagnóstico sobre a cuestión do xénero confundindo o diagnóstico médico cun intento de anulación da personalidade.

A comunidade cristiá debe coidar os sentimentos de acollida a estas persoas con disforia de xénero, que teñen o dereito a ser respectados e mesmo tratados cos medios lícitos postos a disposición pola medicina para conseguir niveis satisfactorios de saúde física, psíquica e relacional.

Ninguén debería pensar que debilitar á familia como sociedade natural fundada no matrimonio é algo que favorece á sociedade. Ocorre o contrario: prexudica a madurez das persoas, o cultivo dos valores comunitarios e o desenvolvemento ético das cidades e pobos. Os desafíos da modernidade están aí. Estamos nun intre decisivo para a Igrexa e a humanidade, un intre de profundas transformacións e un verdadeiro cambio de época con novos desafíos aos que todos temos que dar resposta coa axuda e a graza de Deus.

Fronte a estas situacións que promoven un individualismo exarcebado, unha desestabilización da familia tradicional, e unha revolución sexual nada prometedora para o futuro, os cristiáns temos que contrarrestar estes e outros moitos desafíos.

Ante esta realidade:

1. Sabemos que ningunha política é neutra e que cada goberno ten un modelo antropolóxico do ser humano e un concepto de persoa.

O matrimonio vai máis aló de calquera moda pasaxeira por iso subsiste e persiste. O seu ser e esencia está arraigada na natureza mesma da persoa humana e do seu carácter social. Formar unha familia significa “ser parte do soño de Deus, uníndose a El na construción dun mundo onde ninguén ve só”.

2. De aí a necesidade de promover a dignidade da persoa. O ser humano é imaxe de Deus. Creado a imaxe e semellanza de Deus. Por iso temos que xerar unha cultura da beleza do matrimonio e a familia dando testemuño ao vivila dun xeito coherente e gozoso.

3. Coidar a transmisión da fe na familia, vivíndoa en comunidade e non de maneira illada. As parroquias, os movementos, os grupos de matrimonios, as organizacións e asociacións, son de gran axuda.

3. Non delegar noutros a educación cristiá dos nosos fillos. A aposta pola educación na nosa Diocese está a ser exemplar. Os colexios son colaboradores. Os pais primeiros educadores. Colaborar en ANPAS, consellos escolares, etc.

4. Formándonos para ser críticos ante os desafíos que nos chegan.

5. Colaborando con animadores de pastoral, pastoral familiar, Centro Diocesano de Orientación Familiar, etc

Encontro da Pastoral Familiar de Galicia

A Casa de Exercicios de Santiago de Compostela acollerá durante os días 1 e 2 de outubro o Encontro de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia, nesta ocasión baixo o lema “Acompañar: axudando a ser protagonistas”.

Poderán participar todos os axentes de pastoral (matrimonios e sacerdotes) que traballan nas parroquias con familias ou que se consideren chamados a traballar nese ámbito vital para a sociedade e a Igrexa.

Está prevista a participación de Miguel de la Mata, OFM, experto no tema, e conectarase en directo con matrimonios doutras delegacións con experiencia no acompañamento a parellas, matrimonios e familias.

Encontro interdiocesano de pastoral familiar

Santiago acolleu o 6 de xullo un encontro dos representantes das delegacións de Familia, Centros de Orientación Familiar diocesanos, institucións de apoio á familia ou ao menor dependentes das dioceses de Galicia, e do Servizo pastoral interdiocesano de atención a menores, persoas vulnerables e as súas familias.

O obxectivo desta reunión, convocada polo bispo responsable da pastoral familiar en Galicia e auxiliar de Santiago, Mons. Francisco José Prieto, era a de xerar un espazo de encontro e reflexión conxunto para articular actuacións que melloren a acollida, escoita e acompañamento ás familias, e todas as súas realidades.

Aínda que cada diocese conta con distintos recursos e proxectos no ámbito familiar, os bispos da Provincia Eclesiástica pretenden dar un paso máis e sumar recursos en clave de “sinodalidade interdiocesana” coa intención de dar resposta, dun xeito coordinado, ás necesidades de apoio que necesitan as familias no ámbito formativo, terapéutico ou de acompañamento pastoral.

Nesta primeira reunión de traballo explicáronse as claves desta rede de traballo e puxéronse en común os distintos servizos existentes xa nas dioceses coa finalidade de analizar os recursos de que se dispoñen e as necesidades ás que é nece sario facer fronte. Esta actuación inicial marca un punto de partida do traballo que se levará a cabo nos seguintes meses para elaborar unha proposta interdiocesana concreta e a posterior creación dun equipo coordinador.

A familia é un “ti” da Trindade

A Santísima Trindade é un misterio que non podemos coñecer se non se nos revela, e aínda revelado, non podemos explicar nin comprender plenamente.

Segundo as Escrituras, o específico deste misterio é a “pluralidade de persoas e a unicidade de natureza“. Este misterio está integrado por Deus, Pai increado; por Deus, Fillo eternamente procreado, e por Deus Espírito Santo, cordialidade divina, que vincula indivisiblemente ás tres divinas persoas.

Isto é o punto de referencia para estruturar a convivencia dos humanos na vida social.

A lotaría do 22 de decembro trouxo a sorte a unhas poucas familias economicamente afortunadas, pero coa encarnación do Fillo de Deus, a sorte sorriu a toda a familia humana. Deus, que é familia trinitaria, valora moito as nosas familias e cóidaas coa súa providencia.

Nós lamentamos que Xesús tivese que nacer nun presebe. Isto indica a mala acollida que atopou o Salvador ao entrar no noso mundo. Con todo, podemos dicir que naceu nunha familia, e isto foi unha gran sorte para o Neno Deus, porque os mellores berces son os corazóns dos pais. Neste caso, ningún berce mellor que o corazón de María e de San Xosé. Á familia de Nazaret chamámola a Sagrada Familia, porque reflicte a familia Trinitaria.

Tamén as nosas familias teñen algo de sagrado, xa que “onde dous ou tres reúnense no meu nome, alí estou eu no medio deles“, di o Señor. As familias cristiás son como un sacramental da Familia Trinitaria, porque nelas hai pluralidade de membros, e o amor úneos a todos baixo o mesmo teito.

Lamentablemente, hoxe ponse en cuestión a institución familiar. Nos nosos días, a familia vese sacudida por múltiples conflitos que deterioran a súa identidade e os seus valores.

A institución familiar é a realidade mais importante e máis influente da sociedade. O mundo será o que sexan as familias. Elas son o primeiro patrimonio da humanidade. “O futuro da humanidade pasa a través da familia”, di o Papa emérito, Benedito XVI. Por iso, axudar á familia, é un dos mellores servizos que podemos presentar ao ben común. Empecemos pola base, porque así, como a fertilidade das raíces condiciona o crecemento, a floración e o froito da árbore, tamén a fertilidade da vida cristiá dos maiores condiciona a floración conductual das futuras xeracións. Deixémonos de denunciar o materialismo dos nosos mozos e o seu absentismo dos actos de culto, porque como dixo un soado pedagogo dos nosos tempos, “Aos pais do mañá hai que educalos 20 anos antes de nacer; antes de ser pais, para que a súa futura paternidade sexa xeradora de auténticas familias cristiás”. Como sempre, á sega precede a sementeira. A historia repítese: os froitos en sazón dos tempos presentes, son as espigas do gran dos nosos avós.

Esteamos seguros de que as nosas sementeiras deben ser presaxio de ubérrimas colleitas nun futuro próximo.

Hoxe que se pon en cuestión a institución familiar, a Igrexa convídanos a mirar á Familia de Nazaret, para valorar a súa exemplaridade e imitala.

O futuro das familias do mañá está nas nosas mans e, consecuentemente, tamén o está a sociedade do porvir.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

13 pasos para debuxar un sorriso na túa familia

O 1 de maio en Melide terá lugar o taller titulado “13 pasos para debuxar un sorriso na túa familia”, ofrecido polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo e o Instituto da Familia.

O taller impárteo o psicólogo e Coach familiar Jesús Ramírez Fonseca (imaxe esquerda).

No taller apréndense ferramentas e actitudes para crecer no amor. Manter o amor é un traballo cotián que hai que facer de maneira consciente e constante. O camiño de ser familia pode ser un camiño de gozo para todos.

O pasado 25 de abril impartiuse este taller no Corpiño (Lalín).

A %d blogueros les gusta esto: