Presentación do número 59 da revista Lvcensia

María José López Caldeiro

Na aula magna do Seminario o venres 29 de novembro presentouse o número 59 da revista Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación.

No acto, presidido polo sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, falou Mª José López Caldeiro de Santa María de Penamaior (Becerreá). Este convento tivo o seu importante papel na Vía Künig -Camiño Francés por Lugo-, pois o seu templo ten elementos propios dunha igrexa de peregrinación (vieiras, axedrezado xaqués…). Tamén tiña unha reliquia do lignum crucis e contaba cos elementos necesarios nun lugar de paso de peregrinos: hospedería para aloxalos e enfermaría para sandar o seu corpo.

Retiro para matrimonios

O sábado 30 de novembro de 10 a 14 h hai un retiro para matrimonios. Será impartido na Capela Maior do Seminario Diocesano de Lugo polo Delegado episcopal de Familia de Toledo, Miguel Francisco Garrigós Domínguez. Está aberto a toda persoa que desexe participar, pero tendo en conta que son os matrimonios os principais destinatarios do retiro.

Previamente, o venres 29 de novembro haberá en Melide a partir das 19 h unha Eucaristía e unha vixilia de oración presididas polo Delegado de Familia de Toledo Miguel Francisco Garrigós Domínguez.

Camiño Contemplativo

A Delegación de Apostolado Segrar, organiza o venres 29 de novembro, un Camiño Contemplativo en Lugo. O percorrido comezará na Carballeira de Fingoi ás 18 h, para finalizar, sobre as 19.30 h, na parroquia de San Francisco Xavier.

Durante o itinerario, por parques e rúas da cidade de Lugo, rezarase desde a realidade dos Dereitos da Infancia: dereito a xogar, a crecer, a unha familia, a sorrir… Trátase de vivir, tamén, unha cercanía ás vítimas de abusos e violencia que hai no noso mundo.

Presentación do número 59 da revista Lvcensia

Na aula magna do Seminario o venres 29 de novembro ás 18:30 h preséntase o número 59 da revista Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación, que edita a Biblioteca do Seminario Diocesano.

O acto estará presidido polo sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco e o director da publicación, D. Gonzalo Fraga. Mª José López Caldeiro falará de Santa María de Penamaior e o seu papel nunha variante do Camiño de Santiago.

A celebración dos trescentos cincuenta anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento permanentemente exposto na catedral de Lugo foi motivo de reunión de varios conferenciantes para falar deste evento. Lvcensia faise eco deste acontecemento cun artigo do Bispo diocesano alusivo aos conceptos tratados nestas conferencias.

Adolfo de Abel Vilela presenta un artigo sobre o mestre de obras Fulgencio Durán, centrándose no edificio do Pazo das Pombas. Pablo Ferrín explica os diversos usos dos chantos, acompañando o seu estudo con fotografías da parroquia de Bocamaos. Aurelia Balseiro homenaxea a un dos mecenas máis importantes do Museo, Antonio Fernández López. Miguel García-Fernández e Luis Manuel Ibáñez expoñen no apartado de “Texto” a documentación respecto ao burgo do Piñeiro, orixe da actual cidade do Cabe.

Outros artigos de interese versan sobre a Real Cédula do ano 1754 en favor do Cabido da Santa Igrexa de Lugo, documento que se conserva no Museo Provincial, sobre o órgano da catedral obra do franciscano Manuel Fernández Fernández e sobre as conclusións ás que chega Santos Ferro para a hipotética reconstrución do Priorado Santiaguista de Vilar de Donas.

Encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico

O encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico terá lugar en Silleda-Corpiño o próximo 2 de decembro. É sempre unha boa ocasión para atoparse, reflexionar e orar xuntos. Presidirá o señor Bispo.

O encontro desenvolverase da seguinte maneira:

11:00. Acollida, Oración e reflexión.

Tema: “Pobo de Deus en Saída”

Lugar: Salón parroquial, casa reitoral de Silleda.

 12:30. Descanso

 13:00. Celebración penitencial na igrexa parroquial de Silleda

 14:15. Comida Fraternal.

 17:00. Eucaristía no Santuario do Corpiño

É unha reunión aberta a sacerdotes, consagrados e laicos.

A comida será nun restaurante de Silleda e o prezo do menú é de 15 euros; tamén desde Lugo ponse un servizo de autobús, o seu prezo é de dez euros, con saída ás 09:15 da mañá desde a Praza de Bretaña e regreso ao final do encontro.

É necesario apuntarse para a comida e o autobús antes do 1 de decembro na Parroquia da Milagrosa (Lugo) ou no Santuario do Corpiño. 

A %d blogueros les gusta esto: