Celebracións na Catedral o Mércores Santo: Misa Crismal, Vía Crucis

O mércores 31 de marzo ás 11.00h na S. I. Catedral celébrase a Misa Crismal, que preside o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebran os sacerdotes da Diocese. Nesta Eucaristía, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, son bendicidos os santos óleos que despois se reparten ás parroquias da Diocese para a administración dos sacramentos ao longo do ano.

Pola tarde, ás 18.15 h na Catedral faise entrega de medallas de ouro da confraría do Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade. Será un recoñecemento a 15 persoas polo seu apoio á confraría ao longo do tempo. Asistirán o Bispo e autoridades de Lugo (alcaldesa, presidente da Deputación, subdelegada do Goberno, coronel da Garda Civil).

E ás 18.30 h, tamén na basílica lucense, celébrase un Vía Crucis. Organiza a Confraría do Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade

Non todas as cruces son de madeira, nin todas son redentoras

O primeiro Venres Santo foi o día en que Deus perdoou o mal comportamento do home no paraíso terreal. Para iso, ao home pediuselle unicamente que recoñecese a súa culpa. Con todo, o Fillo de Deus, que puido redimirnos con só un latexo do seu corazón, quixo limpar todas as nosas faltas derramando o seu sangue na árbore da cruz.

A cruz, que até entón fora un patíbulo ignominioso no que os romanos axustizaban aos escravos, agora convértese en signo de identificación cristiá. A cruz, que até entón era instrumento de morte, agora é instrumento de vida. O que na cultura romana fora signo de infame suplicio, agora é signo de salvación… Desde que Cristo morreu no calvario para redimir ao mundo, a cruz converteuse en sinal de todos o que cren en Cristo redentor, porque é a expresión do inmenso amor que moveu ao Señor a dar a vida por nós. Así o vían e así o vivían os cristiáns dos primeiros séculos. Pero co correr dos tempos, o sentido cristián da cruz contaxiouse de simbolismo militar e político e doutras desviacións nada cristiás. Son as cruces luxosas que serven de adorno ás persoas presuntuosas; son as xoias de alto prezo que dan gran prestixio económico a quen as mostran ao público… Son cruces que se exhiben na lapela ou colgan do pescozo, pero non comprometen a vida. Carecen de simbolismo relixioso.

Cando os homes de fe falan da cruz, non o fan para facerse notar presuntuosamente como crentes, senón para lembrar que a cruz cristiá é a que se reviste de fraternidade para facer rico ao pobre, forte ao débil, e valente ao perseguido.

Cruz cristiá non é a que colga do peito, por presunción, senón a que se acepta como patíbulo de inxustiza para facer xustiza ao inxustamente tratado.

Non son as cruces as que dan prestixio de redentor ao crucificado, senón a actitude do crucificado que, por amor, carga coa cruz para redimir ao irmán.

Todo isto confírmanos o dito de que “non todas as cruces son de madeira, nin todas son redentoras”.

É bo cargar coas cruces que a vida nos brinda, pero é mellor renunciar a ser construtores de cruces de morte e entregarnos a construír cruces redentoras.

Non hai redención sen efusión de sangue. Pero hai sangue que pide redención, como o sangue de Abel, que clamaba ao ceo contra Caín, que por envexa, dera morte ao seu irmán, e hai sangue que se ofrece como redención, para dar vida de fraternidade a todo o que vive ao noso carón. É sangue redentor o sacrificarse para que haxa boa convivencia na familia. É cruz redentora o sacrificio que supón o devolver ben por mal. É cruz redentora o perdoar sempre as ofensas recibidas; é cruz redentora o sacrificarse para pór paz alí onde hai disensións; é cruz redentora compartir o pan co necesitado. É cruz redentora o traballar para que en todos os fogares haxa cabida para Deus.

Isto require derramamento de sangue. Pois aínda que sangren os sentimentos, aínda que proteste o amor propio; aínda que se revele a soberbia persoal… lembremos que Xesús di: “Deivos exemplo: facede vós o mesmo”. Intentémolo, aínda que se desangre o noso espírito, como o seu corpo se desangrou na cruz de Xetsemaní, con amor redentor.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Primeiros actos de Semana Santa na cidade de Lugo

Venres 26 de marzo: VÍA CRUCIS POLAS VÍTIMAS DO COVID -19 ás 18:30 h na Catedral

Organiza a Xunta de Confrarías de Semana Santa

28 de marzo: DOMINGO DE RAMOS: Eucaristía e bendición de ramos ás 12 h na Catedral

Colabora a Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén.

O domingo 28 de marzo ás 19:30 h na igrexa dos PP. Franciscanos celébrase unha EUCARISTÍA EN HONRA Á VIRXE DAS DORES

Organiza a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima.

Ao remate, o Orfeón Xoán Montes interpretará a “Salve Raíña”

O luns 29 de marzo na igrexa Parroquial de Santiago “A Nova” EUCARISTÍAS EN HONRA Á VIRXE DA ESPERANZA ás 12.00 h e 19.00 h

Organiza a Insigne Confraría da Virxe da Esperanza

Intervirán membros da Banda de Música do Tercio Norte da Armada Española, que interpretarán ao final das dúas misas a “Salve Mariñeira”.

Xornada pola Vida

O 25 de marzo a Igrexa en España celebra a Xornada pola Vida, este ano co lema Custodios da vida.

A Xornada deste ano contará coa celebración da Eucaristía na Diocese coa mirada posta en San Xosé, para que aprendamos a custodiar o don da vida e que como Igrexa estamos chamados a reivindicar a dignidade da persoa.

A celebración principal terá lugar na Catedral de Lugo, ás 20 horas, na Eucaristía que coincide co tradicional «Xoves eucarístico».

Na nota dos bispos da Subcomisión Episcopal para a Familia e a Defensa da Vida, convídase a “profundar nos motivos que nos levan a ser custodios da vida”, motivos baseados, entre outras cuestións, na evidencia científica.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

Celebracións no Santuario do Corpiño

O xoves 25 de marzo terá lugar no Santuario da Virxe do Corpiño a Festa de Inverno – O Corpiño pequeno e conclúe a Novena que se celebra na honra da Benaventurada Virxe María.

Celebraranse eucaristías desde as 9 da mañá. Ás 11 h será a Misa de Enfermos e ás 12 h a Misa Solemne. Esta será retransmitida en directo a través de Facebook: Santuario de O Corpiño.

Pola tarde haberá misas ás 17 e ás 18h.

Este ano, debido á pandemia, non hai procesión.

A %d blogueros les gusta esto: