Concerto cos dous órganos da Catedral de Lugo

_DSC5874

O mércores 1 de xuño ás 20.45 h na Catedral celebrouse o terceiro concerto do III Festival Internacional de Órgano do Corpus en Lugo.

Había décadas que non se utilizaban conxuntamente os dous órganos da catedral: o órgano barroco e o órgano romántico, chamados tamén da epístola e do evanxeo.

Os intérpretes foron:

Giulio Mercati, músico versátil, moi solicitado e apreciado internacionalmente. É o director do ciclo Europeo de Concertos de Órgano “A música do Peregrino” e director artístico do Festival de órgano do Corpus de Lugo.

Román Perucki, é un prestixioso organista e profesor polaco. Realizou máis de 2000 concertos de órgano e numerosos recitais en toda Europa, Estados Unidos, Xapón, Australia e México.

O Festival Internacional de Órgano do Corpus en Lugo organízase co desexo de realzar a solemnidade do Corpus. E intégrase dentro do Ciclo Europeo de Concertos de órganos “A música do Peregrino” que se desenvolve en Lugo, Lugano (Suiza), Milán e Saronno (Italia). Todos teñen como vínculo común o Camiño de Santiago.

Grupo de apoio para nais traballadoras

Grupo xuntas logo

A Fundación Centro de Orientación Familiar Diocesano (COF) organiza un grupo de apoio para nais traballadoras, con algún fillo/a en idade escolar (2-14 anos) e con pouca ou ningunha axuda por parte da súa parella ou familiares (pais, irmáns, etc.), por diversas circunstancias: separación ou divorcio, distancia coa familia de orixe, falecemento da parella…

Ofrécese o seguinte:

– Acollida e apoio mutuo.

– Ser escoitada por outras persoas que comparten unha situación semellante.

– Un espazo de crecemento persoal (recursos compartidos, aprendizaxe recíproca, etc).

– Un banco de tempo. A posibilidade de ofrecer libremente un tempo persoal ao servizo doutras nais do grupo.

– Apoio do COF (gabinete psicolóxico, cursos, avogados…)

– Propostas de lecer conxunto e actividades organizadas.

Participar no grupo implica aceptar certos compromisos: respecto ás demais persoas do grupo, honestidade, sinceridade, liberdade.

Calquera persoa pode deixar de participar no grupo en calquera momento. Todo o que ofrece este grupo de apoio (atención aos fillos, etc.) é gratuito.

As reunións serán cada 3 semanas, os xoves pola tarde, de 19.00 a 20.30h. O primeiro xoves sería o 2 de xuño, logo 23 de xuño e 14 de xullo. A partir do 14 habería vacacións e comezaríase de novo en setembro. Realizaranse no Colexio Maristas de Lugo (Avda. Alcalde Anxo López Perez, 2 Lugo).

O grupo está coordinado polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo. As persoas responsables do grupo son Martiño Rodríguez (Psicólogo, Director do COF Diocesano) e Teresa Botana (Relixiosa, Serva de San Xosé).

[Máis información]

Corpus Christi

porta norte catedral

A fachada Norte da nosa Catedral é testemuño vivo, co seu excelente capitel pendurado, do antiquísimo e singular privilexio eucarístico que fai de Lugo A Cidade do Sacramento. Alí móstrase, para a contemplación dos lucenses e de quen nos visitan, con beleza extraordinaria, a Última Cea esculpida. É como un preanuncio no exterior da Catedral, do gran misterio eucarístico que se venera no interior, na Capela Maior. Sen dúbida, e nisto están de acordo os estudosos do tema, que na Eucarística Igrexa Lucense, por unhas razóns concretas que aínda ignoramos, e nun tempo tamén concreto, o culto eucarístico aquí foi especial e a exposición converteuse en permanente. Segundo os nosos insignes sacerdotes diocesanos D. Francisco Vázquez Saco e D. Jaime Delgado Gómez, “na Igrexa Lucense puido iniciarse xa o culto eucarístico fóra da Misa, cara a finais do século XI”. Este argumento defendeuno por primeira vez D. Francisco Váquez Saco a partir dun famoso texto nun diploma da raíña Dona Urraca e que está datado no 21 de xaneiro de 1107 referíndose a que na nosa Catedral “celébrase con magnificencia á Divinidade, por inspiración do mesmo Deus” (Cf. Jaime Delgado Gómez, “La eucaristía en Lugo y en el arte lucense”, Lvcensia 31, 288-289).

Na historia da Igrexa, a festividade do Corpus xorde máis tardíamente. Aparece no século XIII como reacción contra as herexías que negaban a presenza real de Cristo na Eucaristía e pola forte reacción do pobo cristián. É entón cando comeza a práctica da elevación logo da consagración e cando se define, no IV Concilio de Letrán, a fe da Igrexa na presenza real. Con posterioridad, no ano 1264, institúese para toda a Igrexa a festa do Corpus Christi e, pouco despois, Santo Tomé de Aquino compón os famosos himnos eucarísticos: Pange lingua, Tantum ergo, Lauda Sion Salvatorem…; nacía así, a gran tradición eucarística que hoxe perdura en tantos pobos, cidades españolas e en todo o mundo: as alfombras de flores, as procesións, as carrozas, e entre outros obxectos do enxoval eucarístico, as belas custodias, auténticas xoias e obras de arte para expoñer o Santísimo e portar o pan consagrado nas procesións.

Desde o punto de vista do compromiso que emana da fe, desta importante festa, temos que destacar dúas cousas: en primeiro lugar a afirmación explícita de que a fe cristiá debe facerse presente e expresarse tamén nas rúas, é dicir, nos ámbitos por onde circula a existencia humana e se desenvolve a vida cotiá. E, en segundo lugar, a celebración de Cáritas, o día da caridade, porque a fe na Eucaristía, na entrega do Amor Primeiro ata o extremo, debe levar aos cristiáns a vivir esa mesma entrega do Señor e a ser solidarios cos nosos irmáns máis pobres e necesitados. E aquí tocamos un aspecto central do Corpus, que a celebración da Eucaristía con gran recollemento e reverencia e a afirmación da presenza real de Cristo, debe repercutir nas nosas vidas, no noso compromiso pola unidade e traducirse en formas de caridade. Xa san Cipriano preguntaba: Cres que celebras o sacrificio do Señor, ti que non miras para nada a caixa das esmolas, que vés á celebración dominical sen ofrenda, que tomas parte da ofrenda que trae o pobre?

Hoxe, máis que nunca, un mundo famento de pan e xustiza, desencantado, que se cre equivocadamente satisfeito co insulso materialismo, ten necesidade de saber e de saborear o único Pan que pode salvar e que dá a vida: O Corpus Christi.

Mario Vázquez Carballo

Solemnidade do Corpus Christi

Corpus Christi 2016

Centos de fieis asistiron o 29 de maio á celebración do Corpus Christi na Catedral.

Acompañaron a celebración o Orfeón Lucense, o coro Solo Voces, e a Banda Filharmónica de Lugo.

Logo da eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón. Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recalcou o especial significado que a festa do Corpus Christi ten na nosa cidade e na nosa Diocese: “Ante o Santísimo Sacramento expresamos a conciencia que temos de nós mesmos, da nosa fe e da nosa identidade”.

“Ao instituir a Eucaristía, – continuou Mons. Alfonso- o Señor non só nos di que morrerá na cruz e resucitará por nós e pola nosa salvación; senón que tamén se nos dá El mesmo como alimento, como pan de vida (…) O sacramento da Eucaristía significa que o Señor sálvanos conseguindo que a súa vida e o seu amor entren tamén no noso corazón, que lata ao unísono co seu, que recibamos o seu Espírito. Sálvanos restaurando a nosa responsabilidade e a nosa dignidade”.

Nesta festa do Corpus, que celebramos con toda solemnidade e na que honramos o Corpo de Cristo expresamos e “afirmamos que o seu amor é a nosa esperanza, que esta amizade única que El establece no mundo é o camiño da vida e da verdade. E polo tanto confiamos na grandeza deste don eucarístico para renovar a nosa persoa, a nosa relación co próximo e con todo o mundo. (…) Coa súa vida entregada o Señor maniféstanos que todo o meu é voso, como todo o voso é meu. Tamén as vosas penas e a vosa morte é miña; como o meu amor, o amor inmortal de Deus que alenta no meu corazón, a miña vida resucitada é vosa”

Terminou a súa homilía recordando que o Corpus é tamén a festa de Cáritas: “Non esquezamos nunca como o Señor nos amou, contemplémolo sempre no Santísimo Sacramento; para poder amarnos tamén así os uns aos outros. Non esconderemos entón o rostro ante o sufrimento, recoñeceremos as necesidades e as miserias, os nosos propios pecados, practicaremos a xustiza; movidos íntimamente por este sacramento da unidade, da caridade e da paz”.

Corpus Christi 2016 a

Primeiros actos do V Encontro Eucarístico Lucense

Adoración eucarística en Antas de Ulla
Adoración eucarística en Antas de Ulla

O xoves 26 de maio iniciáronse os actos do V Encontro Eucarístico Lucense en Antas de Ulla, onde ás 19:30 h houbo unha adoración eucarística dirixida polo Vicario para a Nova Evanxelización da Diocese de Ourense Francisco José Prieto.

O mesmo día ás 20h na Catedral celebrouse o Xoves Eucarístico, con Eucaristía e procesió

O venres 27 maio na Catedral ás 20:45h primeiro concerto do III Festival Internacional de Órgano –Adoro te devote”- con Jean-Christophe Geiser, organista da Catedral de Lausanne e un dos mellores organistas europeos. Será un repertorio espectacular tanto pola calidade como pola facilidade para escoitar para xente que non estea familiarizada con este tipo de música.

%d bloggers like this: