Actos polos defuntos

Ás 21h do 1 de novembro terá lugar na Catedral a Vixilia Xeral de Defuntos que cada ano organiza a Adoración Nocturna en sufraxio dos adoradores falecidos que pertenceron á obra, cunha lembranza especial para os que marcharon á Casa do Señor durante o último ano.

O señor Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, preside a Eucaristía polos defuntos da Diocese no cemiterio de San Froilán o día 2 ás 17h

Encontro de laicos

 No Seminario Diocesano de Lugo haberá un Encontro de leigos o 4 de novembro baixo o título Retos para un laicado maduro e evanxelizador. Está dirixido a todo tipo de segrares, ben sexan catequistas, axentes de Cáritas, profesores, membros de asociacións e movementos, ou ben persoas sen vinculación con parroquias, en definitiva, todo bautizado. Será co seguinte horario:

  • 10:00-10:30 Oración

  • 10:30-11:10 Charla introductoria, polo Delegado de Apostolado Segrar, Alfredo Losada

  • 11:10-12:00 Obradoiro: Como renovar a Igrexa diocesana?

  • 12:00-12:30 Café-descanso

  • 12:30-13:30 Posta en común do obradoiro e diálogo

  • 13:30-13:45 Oración

A voltas co mandato imperativo

Preguntaba unha profesora da Universidade Complutense, por que os políticos non lle explican ao pobo o que significa o artigo 67.2 da Constitución? que di así: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”. Nunca atopei que o explicasen, e iso é o que vou intentar.

Para entendelo convén recordar antes o artigo 66.1, que afirma que “As Cortes Xerais REPRESENTAN ao pobo español”. Que se entende por “representan ao pobo”? Debemos saber que fundamentalmente hai dous tipos de representación, a libre e a vinculada:

  1. a) A representación vinculada supón que os representantes elixidos teñen un poder representativo limitado por un mandato imperativo e dereito de revocación en todo momento. As súas tarefas están ligadas ao asentimento dos representados, é dicir, que os representantes son servidores daqueles aos que representan. O Mandato Imperativo supón que os nosos representantes teñen que facer o que nós lles mandemos.
  2. b) A representación libre implica que o representante elixido non está ligado a instrución algunha dos representados, senón que é señor da súa conduta en función da propia conciencia ou dos seus intereses. Non ten ningunha obriga de facer o que os representados queren ou necesitan. Este representante así elixido convértese en señor investido polos seus electores e non en servidor deles.

No primeiro caso de representación hai que render contas ante os representados, os seus xefes, e no segundo caso será ante si mesmo ou… outras instancias fóra dos electores.

As democracias vixentes no noso entorno son de representación libre, pola que o representante unha vez elixido queda xa fóra do control dos seus representados, de xeito que en vez de ser servidor dos seus electores pasa a servirse deles.

Para que non haxa dúbidas que o artigo 66.1 alude á representación libre está o artigo 67.2 que prohibe a representación vinculada ao afirmar: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”.

A prohibición do mandato imperativo ten varias consecuencias sociopolíticas, das que destacaría que:

1) Ampara o transfuguismo das persoas elixidas, de maneira que a Constitución as protexe e poden seguir co escano ata o final da lexislatura. Fronte a isto algúns propoñen unha alternativa aínda peor, que o escano pertenza ao partido, co que facultarían aos dirixentes dos partidos para cambiar a calquera parlamentario, concelleiro… que lles resultase incómodo, ou simplemente o cambiarían por outro máis amigo, servil, ou un familiar… Así quédase curto o dito, “o que se move non sae na foto”.

2) Garante que os partidos e representantes políticos non teñen por qué cumprir os programas e promesas electorais. Xa o dicía Tierno Galván: “Os programas electorais están feitos para non cumprilos”. Lembro a amigos que me dixeron nas eleccións de outubro de 1982 que votaran ao PSOE para saír da OTAN e eu respondinlles: “pois se os votaches por iso, perdiches o voto. Se queres, apóstoche unha cea a que nin con referendum saímos da OTAN”. No referendum de 1986 preguntáronme qué votar e contestei: “Se queres que che fagan caso, vota SI e seguimos na OTAN. Se queres que non che fagan caso, vota NON e seguimos na OTAN”. Alguén lembra as tres condicións de permanencia na OTAN que ían coa pregunta?

3) Os elixidos por un distrito ou provincia con representación libre representan a toda a nación, á soberanía nacional, e non propiamente aos seus electores. Representan a vontade da nación, non a vontade dos seus votantes… Outro tema de actualidade, que non analizamos hoxe, o resumimos nunha pregunta: Os traidores da nación, patria… poden decidir o seu futuro?

Ante este realidade de prohibición do mandato imperativo a resposta non é ser máis “pasotas e indiferentes” en política, senón que debemos actuar responsablemente na acción política tendo en conta que:

-Na vida sociopolítica e en moitos sitios hai persoas, grupos e institucións comprometidas co ben, coa xustiza, coa verdade… Hai que descubrilos e colaborar con eles en aras ao servizo dos empobrecidos.

-Tamén hai outras formas de acción e incidencia política máis aló da participación nas eleccións e nos partidos políticos. Neste campo resulta moi valiosa a afirmación de D. Tomás Malagón: “Facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Nova tempada dos Cafés teolóxicos

Os Cafés Teolóxicos tratan cuestións relixiosas desde a razón. Están pensados tanto para os rapaces máis achegados á Delegación de Xuventude, como aos seus amigos, que tamén son invitados a asistir.

Tras unha charla duns minutos, en mesas con 4-5 persoas debaten sobre o tema. A continación facilítanse papel e bolígrafo para que de xeito anónimo escriban preguntas, dúbidas… e logo respondelas.

 Os Cafés teolóxicos programados para esta tempada son os seguintes:

– 27 de outubro: Ecumenismo, unimos ou dividimos?

– 22 de decembro: Ideoloxía de xénero

– 23 de febreiro: Homosexualidade, que di a Igrexa?

– 27 de abril: É posible ser católico no século XXI?

Lugar e hora: R/ Bispo Ona de Echave, 54 (Lugo) de 20:30 a 21:30h

A %d blogueros les gusta esto: