Xornada de responsabilidade no tráfico

O departamento de Pastoral da Estrada, da Conferencia Episcopal, promove en datas próximas á celebración de San Cristovo, patrono dos condutores (10 de xullo), a Xornada de Responsabilidade no Tráfico, que este ano é o 2 de xullo.

Pastoral da Estrada diríxese a todos cantos están relacionados coa mobilidade humana: camioneiros, transportistas, taxistas, condutores de autobuses, de autocares, de ambulancias, bombeiros, Garda Civil e Policía de tráfico, confrarías de san Cristovo, asociacións de transportistas, autoescolas. Diríxese tamén a quen pasan boa parte do seu tempo ao volante por por necesidade ou por turismo, sen esquecerse dos motoristas, ciclistas e peóns que, dun ou outro xeito, fan uso das vías públicas. A todos desexan saúde, paz, alegría e a bendición do Señor.

«Loado sexas, meu Señor, tamén polos medios de transporte» é o lema deste ano para a Xornada de Responsabilidade no Tráfico 2017. Con el quérese loar e bendicir a Deus pola creación, obra das súas mans.

O 2 de xullo ás 10.30 h. TVE 2 retransmite a  San­ta Misa ­desde­ a ma­dri­lle­ña pa­rro­quia de San Cris­tó­bal, pa­trono dos via­xei­ros, con­du­to­res e trans­por­tis­tas.

[Materiais da Conferencia Episcopal]

Ano especial no santuario do Corpiño

A celebración da Virxe do Corpiño tivo este ano importantes elementos novidosos:

– declárase ano mariano desde o 24 de xuño do actual ata a mesma data do 2018. Durante este ano mariano poderán lucrarse de indulxencia plenaria os fieis que se confesen, comulguen, recen polas intencións do Papa e oren devotamente ante a imaxe da Benaventurada Virxe do Corpiño. É a segunda advocación mariana galega con ano santo propio.

– o papa Francisco concede a coroación da Virxe do Corpiño e do Xesucristo Neno que porta no seu colo. Así se fixo saber o día da romaría grande, trala Misa maior cando o vicario xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez, leu unha carta do Secretario da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, Arthur Roche, comunicando dita concesión. O acto da coroación pontificia da Virxe terá lugar o día no que conclúe o ano mariano, o 24 de xuño de 2018.

– o santuario recobrou a cor orixinal das súas fermosas pinturas.

Día do Misioneiro Diocesano

O vindeiro sábado 1 de xullo ás 20:00 h. na Parroquia San Pedro de Melide, celébrase o Día do Misioneiro Diocesano.

É unha xornada para celebrar e agradecer a todas as familias dos misioneiros, a entrega xenerosa dun dos seus membros, e compartir xuntos as súas inquietudes e proxectos.

Celebrarase unha Eucaristía na parroquia na que se lembrará a todos os misioneiros da Diocese.

Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi

A segunda edición do Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi celebraráse na cidade de Lugo do 4 ao 9 de xullo de 2017.

Organízao a Delegación de Liturxia da Diocese de Lugo e o Centro Eucarístico Lucense. O curso ten tres modalidades: órgano, dirección coral e canto. É posible cursar dúas modalidades, indicando unha das dúas como preferente, podendo ser cursadas ambas sempre que o permitan as posibilidades organizativas. Está dirixido a directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.

A clausura do Curso será cunha actuación o día 9 de xullo na Catedral de Lugo.

[Máis información]

Peregrinación diocesana a Lourdes

Baixo o lema “O Señor fixo en min marabillas“ a Hospitalidade Nosa Señora de Lourdes de Lugo organiza desde o 26 ao 30 de xuño unha peregrinación ao santuario francés.

Saen autobuses de Lugo (Praza de Bretaña, fronte ao cuartel da Garda Civil), Silleda-Lalín, Chantada, Escairón, Monforte, Pobra de Brollón, Sarria, Rábade, Viveiro, Terra Cha, Meira, A Fonsagrada, Monterroso, levando a cincocentas persoas.

Actos en Lourdes: Misa de presentación; Vía Crucis no Monte; Eucaristía Internacional na Gruta e de despedida; procesións; excursións optativas ás famosas Covas de Lourdes, aos Pireneos; convivencia-festa…

Venres 30: Saída de Lourdes ás 8 h. e chegada ao lugar de saída ás 23 h.

A %d blogueros les gusta esto: