O Seminario diocesano de Lugo ofrece varias posibilidades educativas

Seminario Lugo

O edificio do Seminario acolle distintas realidades formativas:

  • Seminario Maior da Sagrada Familia. Para este curso 2013-2014 son 7 os seminaristas maiores nos cursos 1º a 4º de Estudos Eclesiásticos, ao incorporarse tres novos seminaristas a 1º de Estudos Eclesiásticos.

  • Seminario Menor do Sagrado Corazón, onde se forman mozos da Diocese ou de dioceses veciñas que, ou ben manifestan o desexo de ser un día seminaristas maiores e logo sacerdotes, ou ben non descartan esa posibilidade. Son 43 alumnos os que neste curso 2013-2014 están preparándose para alcanzar tamén as titulacións de secundaria.

  • Instituto Teolóxico Lucense, para que seminaristas, relixiosos e laicos estuden Teoloxía até o nivel eclesiástico de Bacharelato en Teoloxía (equivalente civil ao Grao).

  • Extensión en Lugo da Sección a distancia do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas da Universidade Eclesiástica San Dámaso, de Madrid con estudos de bacharelato e grao en Ciencias Relixiosas, camiño para os futuros profesores de relixión de Secundaria.

  • Extensión en Lugo do Instituto Internacional de Teoloxía a Distancia, con estudos que permiten aos diplomados en Maxisterio dar clase de relixión en educación infantil e primaria.

Encontro anual dos Grupos de Oración e Amizade

O día 2 de outubro ás 5 da tarde no Seminario Diocesano de Lugo, os Grupos de Oración e Amizade (G.O.A.S) teñen o Encontro Anual.

Tras o momento de saúdo e acollida, José Antonio González, profesor emérito experto en Sagradas Escrituras, impartirá unha charla-reflexión cuxo título é: “Señor, ensínanos a orar”. Ás 18.15 celébrase a Eucaristía e logo un ágape.

Celebración do Día do enfermo misioneiro en Lalín

Con motivo da festividade de Santa Teresita de Lisieux, copatroa das misións xunto a San Francisco Xavier, celébrase o Día do Enfermo Misioneiro o 1 de outubro. Ese día ás 12:30 na Residencia de anciáns de Lalín hai unha Eucaristía á que invita a participar a Delegación Diocesana de Misións.

É unha xornada non só polos misioneiros enfermos, senón tamén para que todos os enfermos, uníndose a Cristo na cruz e a debilidade, se unan tamén á misión da Igrexa.

300 persoas da comunidade educativa do colexio da Asunción peregrinan á Catedral

Peregrinación Lugo colexio de Sarria

O día 30 de setembro a comunidade educativa do colexio da Asunción de Sarria peregrina á Catedral de Lugo con motivo de celebrarse o Ano da fe. Son 270 alumnos e unha trintena de membros do persoal docente… Desde as 11.30 fíxose unha visita á basílica. Tras ela é a celebración da Eucaristía, presidida polo señor Bispo e na que ten unha participación especial un grupo de alumnos en representación dos seus respectivos cursos.

Lección inaugural na apertura de curso do Seminario

apertura curso Seminario

Con presenza da comunidade educativa, o señor Bispo e autoridades civís (Delegación de Ensino da Xunta, Subdelegación do Goberno) o 27 de setembro fíxose a apertura solemne do curso 2013/2014.

O profesor do Instituto Teolóxico Lucense, Xesús Anxo Fernández Aira, baseou a lección inaugural (“A interpretación bíblica a partires do Vaticano II”) na publicación de Dei Verbum explicando como supuxo, por exemplo, un mellor diálogo co mundo xudeu e a xeneralización do método histórico-crítico. En canto ás implicacións teolóxicas e pastorais da Dei Verbum temos que se estuda a Biblia en dous momentos. Primeiro na vertente filolóxica (crítica textual, estudo das fontes, composición dun marco histórico) e hai un segundo momento, separado do anterior, no que se fai a interpretación teolóxica. Nas últimas décadas, como aspecto negativo está o relativismo e no lado positivo incluiríanse as boas edicións da Biblia e o seu estudo por parte de moitos católicos.

Artigo relacionado de José Antonio González

A %d blogueros les gusta esto: