Meditación de Nadal en tempos de tribulación

Nestas datas tan entrañables non é habitual retirarse en silencio para a práctica da meditación. Orar, pensar e meditar cústanos máis aínda no medio das présas, do bulicio e do consumo que estes días nos envolven. No entanto quero ofrecer algunhas reflexións que poidan axudarnos a recuperar as orixes do Nadal.
Aínda conservamos na liturxia, a Vixilia de medianoite (popularmente coñecida como Misa do Galo ou dos pastores) para celebrar en actitude de espera orante o nacemento de Xesús. Para os cristiáns e unha gran maioría de cidadáns no mundo, pola influencia que a milenaria cultura cristiá na sociedade, o mes de decembro vístese de festa polo Nadal, é dicir, polo misterio da Encarnación do Fillo de Deus na historia da humanidade. Acontecemento único que marcou a historia. Acontecemento real, verdadeiro e salvífico. Un feito histórico esperado no Xudaísmo e anunciado polos profetas en expectativa mesiánica. El é o Deus grande que se fai pequeno pola súa propia vontade e por exceso de amor. O ‘descoñecido’ que quere darse a coñecer, a Palabra que quere dicirse e deixarse amar polos sinxelos e humildes no corazón do mundo. É “a Palabra de vida que vén para acender os corazóns apagados” e para espertar do sono aos durmidos e desesperanzados.
“E fíxose home”: ante este artigo do Credo, poñémonos de xeonllos cando recitamos a Confesión de fe. É o artigo da humanización e encarnación do noso Deus, o central do Credo cristián en relación co Misterio da Trinidade. O pensamento dos teólogos de todos os séculos vira en torno a el e, a piedade do medievo e da temprana modernidade, a oración meditativa da que derivou a pintura e a pulcra beleza da relixiosidade cristiá, concentrábanse nas etapas da infancia de Xesús para sentir nelas o inconmensurable que confesamos cando dicimos: “Descendit de caelis”. É dicir, Xesús fíxose neno, xestouse no seo dunha muller da que recibiu a súa carne, o seu sangue, o seu latexo, a súa xentileza, a súa fala. Cargou co peso desa historia, viviuna e sufriuna de novo, sacándoa de todas as súas negacións e fatalidades. Por iso chama a atención o significativo lugar que Xesús asigna á infancia na condición humana: “Asegúrovos que se non cambiades e vos facedes como os nenos, non entraredes no reino dos ceos” (Mt 18,3). Na infancia realízase ata tal punto o específico do ser humano, que está perdido quen na nenez non atopou o esencial. Xesús recordaba a súa infancia como uns anos moi felices e ata se di que foi para el o valor do modo máis puro de existir humanamente. Por iso é polo que o cristianismo proclama o respecto á vida e ao neno, á familia e ao fogar, e non por cuestións románticas, nin de xuízo moral, senón e sobre todo pola centralidade do noso credo: Deus fíxose home. Así, o cristianismo é a relixión da misericordia, do corazón dun Deus próximo sempre aos miserables (cor misere), das relacións interpersonais, da proximidade aos pequenos, aos que sofren e aos que se senten espidos e fríos na súa corporeidade. É a relixión da pel sensible (sensibilidade) onde o esencial pasa pola carne, pola vida, polo sufrimento, pola compaixón. Velaquí, un gran misterio para unha permanente meditación: como é posible que Deus se faga home, sen deixar de ser Deus e sen menoscabo da realidade creatural asumida? Como é Deus e como é o home para que poidan entrar en comuñón? Este é o escándalo da encarnación. A historia orixinal e verdadeira do Nadal. Un escándalo que o mundo deberá seguir soportando en tempos de tribulación, de laicismos hipertrofiados e neopaganismos cutres. Feliz meditación de Nadal.

J. Mario Vázquez Carballo. Vicario Xeral da Diocese.

Cadea de oración pola Vida Consagrada

A cadea de oración é unha iniciativa suscitada polo Ano da Vida Consagrada  e despois de celebrarse en varios lugares da Diocese, ten a súa continuidade este mes. Haberá unha Eucaristía presidida polo Sr Bispo don Alfonso Carrasco.

* Día: 23 de decembro

* Hora: 9 h

* Lugar: Hermanitas dos anciáns Desamparados (r/ san Roque, Lugo)

As Hermanitas de Lugo prestan o seu servizo aos anciáns máis necesitados desde o ano 1885. Actualmente residen neste centro máis dun centenar de residentes.

Existirá a Verdade?

ocaminho2-playerimageEsta pregunta non é superflua nin moito menos sobre todo para os preocupados polo ben das persoas na sociedade. Se existe a verdade ou non, está sendo un dos temas máis controvertidos a día de hoxe, pois non se trata só dun debate teórico, senón que implica tamén cuestións éticas, políticas e de xustiza.

No xuízo polo golpe de Estado do 23-F o xeneral A. ARMADA na súa estratexia de defensa declarou ante o tribunal: “Neste mundo louco e traidor, nada é verdade e nada é mentira, todo é da cor do cristal con que se mira”. O tribunal non aceptou esa afirmación e é verdade que o sentenciou a 30 anos de cárcere, aínda que tamén é verdade que non cumpriu os 30 anos de prisión, pero segue sendo verdade que esa foi a sentencia.

En certa ocasión o director dun colexio de primaria díxome: “Eu non creo que exista a verdade”. Matinando a raíz desta afirmación pódese deducir que entón no colexio se a un rapaz o suspenden ou lle fan repetir curso será por cuestión de opinións que diverxen das do profesor ou das do director ou, o que aínda é peor, será por capricho ou gusto deles, e como resultado práctico no quedaría máis remedio que prescindir da liberdade de pensamento e de expresión e dedicarse á adulación.

Na vida social atopamos opinións que manifestan claramente ausencia de estudo, ou falta de sentido ético e de xustiza, aínda máis, algunhas chegan a considerarse delictivas por ser racistas, xenófobas ou por negar o Holocausto. A razón de consideralas delitos é porque atentan contra a verdade sobre a condición humana, os seus dereitos e a xustiza. Se non houbese verdade, como un xuíz se atrevería a meter no cárcere ás persoas! Podería prendelas por ter opinións e gustos distintos ós seus? Non quero quitarlle importancia á profesión de xuíz nin á dificultade do seu exercicio.

Na cuestión sobre a verdade o máis importante, ó meu entender, é que se non hai verdade a situación dos pobres, febles, oprimidos, vítimas de trata, explotación, crimes… non teñen defensa efectiva e real, pois o xogo das opinións está en función da forza que se teña para impoñelas, e neste ámbito os opresores, explotadores, abusadores e delincuentes levan ampla vantaxe.

Aí está a clave pola que Deus e o mesmo Xesucristo se proclaman na Biblia defensores dos pobres, nenos, viúvas, oprimidos, encadeados e famentos. Isto tamén nos axuda a entender cando Xesús afirma: “Eu son o camiño, a verdade e a vida… pois todo o que lle fixestes a un dos máis pequenos a min mo fixestes”. Crer no Deus de Xesucristo é estar coa verdade e, por tanto, coas vítimas de calquera asoballamento, é estar cos últimos e descartados da vida social.

Coido que coincidiremos en que para os oprimidos e pobres a existencia da verdade, e dunha Verdade Transcendente, é de vital importancia, pero para os explotadores é de máis comenencia o relativismo e, en consecuencia, que non haxa verdade e si opinións diversas e xa imporán a que lles conveña.

Ademais transitar polo camiño da verdade frecuentemente é esixente e arduo, coma en tódalas cousas valiosas da vida, pois hai que renunciar ós propios caprichos e comenencias á vez que se gastan as forzas en comprometerse nese camiño, pero tamén é certo que a ledicia e a dignidade humana vivida serán moito maiores e gratificantes, xa que a Gracia de Deus virá na nosa axuda.

Antón Negro

Unha Luz na Noite na igrexa de San Pedro, Lugo

A evanxelización nas rúas, coñecida como “Unha Luz Na Noite” será o sábado 19 de decembro. Empeza nos locais da Delegación de Mocidade para trasladarse despois á Parroquia de San Pedro.

HORARIO:

  • 17:00 acollidaCopia de 12 DECEMBRO DÍA 19 UNHA LUZ NA NOITE
  • 18:00 presentacións e primeiro taller
  • 19:15 descanso
  • 19:45 talleres
  • 20:45 cea
  • 22:15 parroquia de San Pedro
  • 22:30 vixilia sentinelas
  • 23:30 último taller
  • 00:00 apertura da igrexa
  • 2:00 regreso centinelas e acción de grazas
  • 2:30 saída da igrexa
  • 3:00 chocolate
%d bloggers like this: