Mons. Alfonso Carrasco realiza a visita ad Limina

Entre as 11.30 a 13h. de cada día, o Papa recibe aos bispos en grupos de 7 – 8. Cada Bispo presenta brevemente un informe sobre o estado da Diocese, respondendo ás preguntas do Santo Padre. Mons. Alfonso Carrasco enviou á Nunciatura o informe sobre o estado da Diocese, e unha vez lido pola Congregación para os Bispos, chega ao Papa.

Ademais do encontro coa Súa Santidade, que constitúe o momento central da visita,  hai entrevistas nos diversos dicasterios da Curia Romana.

Outros actos son os seguintes: audiencia o 3 de marzo, Eucaristía na Basílica de San Pedro o día 4 e na de San Pablo Extramuros o día 7.

Miguel Ángel Álvarez: A fe guía os nosos pasos na noite

Evidentemente non todas as viaxes son por autoestrada. Algunhas veces toca un camiño cheo de pedras; pero aínda así é un camiño que nos leva ao destino desexado.

De igual modo, para bastantes persoas o camiño da fe está cheo de sufrimentos e de escuridades.

O Papa na encíclica Lumen Fidei non esquece os contratempos que podemos atoparnos na nosa peregrinación vital.

Vexamos dous breves textos do número 57:

A luz da fe non nos leva a esquecer os sufrimentos do mundo. Cantos homes e mulleres de fe recibiron luz das persoas que sofren! (LF 57).

A luz da fe non disipa todas as nosas tebras, senón que, como unha lámpada, guía os nosos pasos na noite, e isto abonda para camiñar. (LF 57).

Sorprende como podemos atopar no mundo da dor e a escuridade verdadeiros testemuños da fe. Hai persoas que na súa dor e sufrimento, sexa polo motivo que sexa, vense especialmente próximas a Deus e así son axuda para os demais. Cantas persoas ofrecen os seus sufrimentos a Deus polo mundo como a mellor das oracións!

A fe, como os faros dun coche, ilumina e guía os nosos pasos tanto, cando imos de día e por autoestrada, como cando toca facer o camiño por unha pista forestal e no medio da noite.

Con estas liñas chegamos a final dos comentarios á Lumen Fidei. Foron unhas breves pincelas pasadas pola reflexión deste servidor. Evidentemente, o Papa dixo moitas máis cousas. Unha vez máis, convido e animo a ler a encíclica. É un texto breve e áxil que, sen dúbida, faranos ver as marabillas que nos achega a fe e axudaranos a camiñar, como auténticos irmáns, cara ao encontro con Xesucristo

Miguel Ángel Álvarez Pérez

2 de marzo: Día de Hispanoamérica

O lema escollido para a Xornada, “A alegría de ser misioneiro”, evoca a resposta gozosa á vocación que durante séculos levou a miles de misioneiros españois a deixar a súa terra para evanxelizar América. Este ano hai varias coincidencias: está no Vaticano un Papa de Hispanoamérica, Francisco, que na exhortación Evangelii Gaudium chama, como se di no lema, a compartir a alegría de Xesús. Este Día é unha oportunidade para que os católicos actualicen a súa responsabilidade misioneira e a súa confianza en Deus.

Na parroquia de San Francisco Xavier invítase a todas as persoas de Hispanoamérica a participar o 2 de marzo na celebración eucarística de 12:30 h. A continuación haberá unha exposición de cultura latinoamericana.

Peregrinación xuvenil a Fátima

Fatima2014_galego

As 5 Delegacións de Pastoral de Mocidade de Galicia traballan nunha fermosa comuñón realizando varias actividades ao longo do ano, como a Peregrinación ao Monte Faro. E agora a Peregrinación de Mozos a Fátima a partir do día 28. De Galicia van 84 mozos (25 da Diocese lucense). Os rapaces crearán vínculos de amizade e participarán en distintos tipos de actividades: charlas, reunións por grupos, momentos de oración, Misa, veladas (momentos de baile e risas), visita das casas dos pastorciños, os lugares das aparicións, o Viacrucis, o Rosario de fachos e sobre todo a gran vixilia de oración na Capeliña. 

%d bloggers like this: