Lugo co Papa en Cracovia

A diocese de Lugo foi fiel unha vez máis aos encontros co Papa nas Xornadas Mundiais da Xuventude. O bispo, sacerdotes, seminaristas e laicos de Lugo están presentes tamén estos días en Cracovia. A peregrinación lucense está organizada pola delegación episcopal de Xuventude. Xa hai días que partiron para Polonia facendo paradas noutros lugares como Berlín, visitas aos campos de concentración alemanes, Poznan… participando os días previos ao encontro co Papa nas actividades programadas polas dioceses de acollida. Os peregrinos tamén foron acollidos nas casas de familias polacas.

[Ver álbum de fotos]

Galicia na Xornada Mundial da Xuventude

Foto Mario

Entre gritos de xúbilo dos mozos polacos presentes en Río de Janeiro, o Papa Francisco anunciaba, fai tres anos, que a seguinte Xornada Mundial da Xuventude, (en diante XMX), celebraríase en Cracovia (Polonia) en xullo de 2016. Chegou o momento dun dos grandes acontecementos deste verán. Case catro decenas de mozos de Lugo e máis dun centenar de Galicia representarán ás dioceses da nosa terra na XMX. Os participantes das cinco dioceses de Galicia irán xuntos nunha viaxe organizada pola Subcomisión de Mocidade da Conferencia Episcopal Española.

Coñezo a case todos os mozos de Lugo que están en Cracovia. Hainos de todo tipo de procedencia e son de rica diversidade e complementariedade. Algúns dan comida ao famento, outros axudan aos parados, case todos estudantes e traballadores, voluntarios en accións sociais nada doadas cando todo invita ao botellón e ao disfraz do pan e o circo. Todos, buscan a Cristo en compañía doutros mozos convencidos de que El sae ao encontro tamén no verán. Moitos deles non tiñan diñeiro para a viaxe e crearon obxectos de artesanía, vendéronos para recadar diñeiro e así atoparse con mozos católicos do mundo, compartir as súas experiencias e celebrar a fe nun ambiente de festa e de Igrexa nun contexto de catolicidade. Cracovia é a meta, a cidade na que San Xoán Paulo II foi arcebispo e cardeal ata que en 1978 foi elixido pontífice da Igrexa. Pasaron por Berlín onde celebraron xuntos a Eucaristía, participaron en catequeses e visitaron os lugares máis significativos da cidade. Despois pasaron por Dresde, Praga e finalmente Poznán (Polonia) onde foron acollidos por familias e participaron nas Xornadas chamadas “Días nas Dioceses”. En Czestochowa atopáronse con todos os mozos españois que van á XMX e xa, preto de Cracovia, participan nas distintas actividades das Xornadas. De regreso, visitarán Viena e, o dous de agosto, Deus mediante, regresarán ás nosas dioceses.

As XMX creáronse en 1984, cando tras concluír o Ano Santo da Redención, Xoán Paulo II entregou a súa cruz de madeira de catro metros de altura aos mozos para que a levasen por todo o mundo. Por certo, xa pasou por Lugo e presidiu encontros de mozos na nosa Catedral e na maioría das parroquias da cidade.

Roma, Bos Aires, Santiago de Compostela no ano 1989, Czestochowa, Denver, Manila, París, Roma de novo, Toronto, Colonia, Sidney, Madrid, Río de Janeiro, son as cidades que acolleron tan significativos eventos.

Como Delegado Diocesano de Mocidade participei en varias xornadas e podo testemuñar o seu efecto rexenerador e saudable na vida de moitos mozos. Algúns, como me conta un dos nosos sacerdotes, ían buscando esmorga e acabaron ingresando no Seminario tras unha profunda conversión. En calquera caso, o importante é que esta XMX da Misericordia sírvanos a todos para ser practicantes de boas obras de misericordia: dar para comer ao famento, corrixir ao que se equivoca, dar bo consello ao que o necesita, ensinar ao que non sabe, vestir ao espido…

 Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Clausura do Campamento Urbano de Cáritas

O 22 de xullo finalizou o Campamento Urbano XXII “A volta ao mundo en 12 días” que organizou Cáritas Diocesana desde o 11 de xullo en Lugo no Colexio María Auxiliadora de Lugo e unha fin de semana en Laxe. Cada un dos 75 nenos participantes levouse un pasaporte no que se recollen as actividades realizadas, un libro e unha morea de experiencias vividas nos distintos talleres, xogos… preparados por monitores. Entre estes contábase con antigos monitores e outros en prácticas.

Ovidio - copia

Ovidio comezou como monitor hai varios anos nos Campamentos Urbanos de Cáritas, coñeceu neles á súa esposa e despois de probar distintas ocupacións laborais, decantouse polo que lle gustaba: traballar con nenos e agora leva unha empresa de animación.

Marta é unha rapaza diplomada en Ciencias Empresariais que traballa nunha asesoría. Había tempo que tiña interese en facer un curso de monitora de tempo libre agora vai obter o título coas prácticas que acaba de realizar no Campamento Urbano de Cáritas.

Marta monitora en prácticas 2

Sobre o vivido, Marta di que “rompe as expectativas que podería ter calquera, porque esperábame un campamento con 2 ou 3 actividades pero aquí hai moitas máis”. Tamén destaca a involucración dos voluntarios, que non se limitan a cumprir sen máis, senón que adican a máxima atención e todo o tempo necesario aos nenos, logrando que vivan a fondo o Campamento e disfruten.

[Ver álbum da festa de clausura do Campamento]

Acollida a visitantes na igrexa de Portomarín

Macarena

 Na igrexa de Portomarín, como noutros edificios relixiosos da Diocese de Lugo que están nos Camiños de Santiago, unha persoa atende aos visitantes. É froito dun acordo asinado entre o Bispado e o Xacobeo. No caso de Portomarín é Macarena, que desempeña tal función desde hai 3 anos durante os 6 de meses de primavera e verán. É nese tempo cando acoden máis persoas: turistas e sobre todo peregrinos. A estes últimos Macarena sélalles a credencial, infórmalles dos horarios de misas con bendición do peregrino e cuestións prácticas sobre a ruta xacobea. Tamén explica as peculiaridades do templo: imaxes, estrutura, e, como non, o traslado do antigo Portomarín, feito descoñecido por moitos dos que chegan á localidade.

 Nos meses de xullo e agosto son maioritarios os visitantes españois (por exemplo, grupos de colexios); en cambio en marzo, abril e outubro a maioria son estranxeiros. Destes, as nacionalidades máis representadas son Italia e de países de América do Norte e do Sur. A pesar de que cada vez son máis os peregrinos que escollen rutas alternativas ao Camiño Francés, por este último tamén segue crecendo o número dos que o fan.

 Unha idea da progresión no número de visitantes da igrexa de Portomarín neste ano 2016 é o seguinte cadro:

Marzo    1673

Abril    3747

Maio    6783

Xuño    8399

 

A celebración de Santa María Madalena eleva o seu rango de memoria a festa

 

Prefacio María Madalena

A Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos no Vaticano, emitiu un decreto no que, seguindo a vontade do Papa Francisco, establece que a memoria litúrxica de Santa María Madalena que se celebra o 22 de xullo, pase a ter rango de festa. A Misa contará cun prefacio propio.

Prefacio María Magdalena

 

A %d blogueros les gusta esto: