Celebración da Misa Crismal o Mércores Santo

crisma oleos

O Mércores Santo 1 de abril, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Carrasco Rouco, presidiu a Misa Crismal. Trátase dun dos acontecementos introductorios ao Triduo Pascual e ten dúas peculiaridades:

1. O Bispo, consagra o “Santo Crisma” (de aí o nome de “Misa Crismal”) mestura de aceite de oliva e bálsamo e bendí o óleo dos catecúmenos e dos enfermos.

2. Tamén teñen lugar a renovación das promesas sacerdotais. Por iso, de ser unha celebración prevista para o Xoves Santo pola mañá, poñendo fin ao tempo litúrxico da Coresma, pasou a celebrarse o Mércores Santo, coa idea de que participen o maior número de sacerdotes posibles.

Os elementos constitutivos do crisma tamén son dous: aceite, que é o ingrediente preponderante e principal e bálsamo. Esta é unha sustancia aromática e resinosa que se extrae da madeira de certas plantas. No caso da Diocese de Lugo, o aceite provén de Quiroga.

OS  SANTOS  ÓLEOS  SON  TRES

O Santo Crisma

A palabra grega “crisma” provén de chrio, ‘unxir’, que deu orixe ao termo Cristos que significa ‘O Unxido’. De aí deriva a palabra Cristo. Co crisma únxese a cabeza do bautizado, a fronte da persoa confirmada, a cabeza e as mans dun Bispo na súa consagración e as mans dun sacerdote na súa ordenación. Tamén as paredes e altares das igrexas, que son solemnemente consagradas, e as partes dos vasos sagrados utilizados na Misa que entran en contacto coas sagradas especies, como a patena e o cáliz. Ademais, utilízase na bendición solemne das campás e da auga bautismal.

O Oleo dos Catecúmenos, usado para unxir aos que están preparándose para o Bautismo. Os bautizandos reciben forza para renunciar ao diaño e ao pecado, antes de que se acheguen e renazan da fonte da vida.

O Oleo dos Enfermos, usado no Sacramento da unción dos enfermos

CERIMONIAL

O aceite e o bálsamo son levados en procesión solemne ata o presbiterio logo da Comuñón, e colócanse sobre unha mesa. A continuación, bendíse o bálsamo, que se mantén nunha bandexa, e do mesmo xeito que o aceite de oliva, que se reserva nun envase. Logo disto o bálsamo mestúrase co aceite. Entón, o crisma, perfeccionado cunha oración final, recibe a homenaxe de todos os ministros sagrados presentes. Logo da cerimonia lévase de novo á sancristía, e distribúese entre os párrocos que custodiarán dignamente os santos óleos para o seu uso nos sacramentos.

Os óleos do ano anterior deben queimarse ou se sobran en gran cantidade poden consumirse nalgunha lámpada. O sacerdote encargado da súa custodia debe velar para que se renove cada ano, aínda que se non houbese dispoñible o do ano, o sacramento impartido con el sería válido.

O crisma conságrase (faise sagrado) e os outros óleos soamente se bendín. A consagración do crisma é de competencia exclusiva do Bispo

SIGNIFICADO

O aceite de oliva, sendo pola súa propia natureza rico, difusivo e durable, é apto para representar a efusión abundante da graza sacramental, mentres que o bálsamo, que lle dá os aromas máis agradables e fragantes, representa o suave cheiro da vida cristiá, a dozura innata da virtude. O aceite tamén lles dá forza e flexibilidade ás extremidades, mentres que o bálsamo preserva da corrupción. Así, a unción co crisma significa a plenitude da graza e a fortaleza espiritual polas cales somos capaces de resistir o contaxio do pecado e producir as doces flores da virtude.

A unción co crisma representa a plena difusión da graza. Significa que os cristiáns, polo bautismo, participan do sacerdocio real e profético de Cristo, e reciben pola confirmación a unción espiritual do Espírito Santo, que se lles dá.

A Semana Santa

Domingo de Ramos

O Domingo de Ramos abríronse as portas á celebración dos grandes misterios do cristianismo: paixón, morte e resurrección de Xesucristo. Fundamentalmente, isto é a Semana Santa e precisamente por isto e non por outras cousas. É Semana Santa polo gran acontecemento de Cristo na historia, e por iso, o mundo énchese de posibilidades de santidade e bondade, de riqueza, de valores, de referencias relixiosas, de tradicións inigualables, de arte, de confrarías e irmandades, de relixiosidade popular, de tempo de descanso.
Porque Cristo quixo encarnarse na historia e dar sentido ao amor no mundo instituíndo a Eucaristía, o sacerdocio e o mandamento da caridade (Xoves Santo), é Semana Santa; porque Cristo quixo dar sentido de transcendencia á morte morrendo na cruz (Venres Santo), é Semana Santa; e porque a morte non triunfou nin triunfará nunca sobre a vida, é Semana Santa (Pascua de Resurrección).
Estas cuestións, que parecen tan obvias, son a esencia do cristianismo. E convén recordalas porque esquecemos fácilmente o esencial. As vacacións de primavera sono porque é Semana Santa e non ao revés. E se hai un rico patrimonio en España, que  ha ir sucedéndose de xeración en xeración, con referencias á Semana Santa, o é como consecuencia da relixiosidade popular e da multicultural riqueza da fe dos nosos pobos e non ao revés.
E o é, sobre todo, porque máis aló das expresións e manifestacións externas das nosas crenzas, hai unha vida interior fundamentada na adhesión incondicional ao Deus de Xesucristo.
Existe unha fe que se celebra na liturxia e exteriorízase na arte e nas fraternidades. E iso, porque o cristianismo foi acollido nunha pluralidade multiforme de comunidades cristiás estendidas polo mundo (a Igrexa), que fan posible a continuidade da presenza do Amor de Deus e que enchen de obras de ben e de caridade fraterna as sociedades.
Leo que o pleno do Senado aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo parlamentario popular pola que se insta ao Goberno a que defenda ante a Unesco a inclusión da Semana Santa española na lista do Patrimonio cultural inmaterial da Humanidade. Vale. De acordo. Pero resulta que, e miren vostedes que estraño, o feito do fenómeno relixioso na moción presentada, cítase de paso, coma se fose algo engadido: «Aínda que, a Semana Santa ten que ver co fenómeno relixioso» -din-. O que a algúns dos nosos senadores impórtalles verdadeiramente é que é unha gran exhibición de riqueza cultural, musical e artística, que hai unhas tradicións que crean vínculos entre os pobos e que se xeran miles de empregos, xa que o turismo relixioso que move ten unha gran repercusión no mercado laboral. É certo. Pero as formulacións son erróneas.
Que pasaría se perdésemos a esencia do cristianismo? Para que así non suceda, invítolles a participar con gozo nestas grandes celebracións. Na súa terra ou de viaxe, sempre atoparán en calquera lugar das nosas hispanas terras, en calquera pobo ou cidade, en capelas, templos ou catedrais, unhas comunidades que acollen, celebran a súa fe e confratemizan gozosamente porque hai un Deus que se nos manifesta sempre, de novo, como fascinante.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

“Nada acaba en nada”. Accidente de avión nos Alpes

Cando escoito en televisión os motivos do accidente de avión dos Alpes, simplemente quédome de pedra. Algo incrible. Un queda sen palabras. O copiloto, de xeito intencionado, decide estrelar o avión e acabar coa súa vida e a de 149 persoas máis.

Isto amplía a gravidade dos feitos. Sabemos que as máquinas poden fallar, pero nunca esperamos que as persoas fallen deste xeito tan brutal.

Agora estamos todos alarmados, pero non é a primeira vez que suceden cousas así. Na última década repítense con frecuencia este tipo de actos suicidas que se levan por diante moitas vidas inocentes.

Que está pasando no mundo? Por que tanta falta de sentido na vida dalgunhas -ou quizais moitas- persoas? Onde imos chegar? Moitas preguntas. É inconcibible que, en pleno século XXI e con tantas cousas e tantos avances, haxa tantas persoas con ideas suicidas e violentas como estamos vendo a diario.

E volvemos sempre ao mesmo. Está claro que cada vez o mundo necesita máis da presenza de Deus. É urxente que lle deixemos a Deus poñer orde na vida das persoas e do mundo.

Termino coa parte final do comunicado da cadea Cope, con motivo deste fatídico, e agora monstruoso, accidente.

«Hai sen dúbida sucesos que nos resultan incomprensibles. Pero todos temos experiencias sinxelas e radicais dunha positividade que quere impoñerse ata máis aló da morte. O mesmo feito de que existamos é consecuencia de ser queridos. Na nosa tradición hai un anuncio que se repite insistentemente desde fai 2000 anos: houbo Un que resucitou para que nada acabe na nada»

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A Semana Santa lucense foi presentada en Madrid

Basanta, Ónega, Basadre y Carnero en la presentación
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a presentación en Madrid da Semana Santa de Lugo, co obxectivo de dar a coñecer e difundir, entre medios e público en xeral, a tradicional Semana Santa lucense e todos os atractivos que a rodean. Turismo Relixioso, Patrimonio Cultural, Lugo Romano e Lugo Verde, fan da cidade un destino único e incomparable.
No acto, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; o delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, César Carnero; e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta.
Para José Ramón Ónega, “como lucense que son, sempre é para min un motivo de orgullo acoller un acto como este”.
Pola súa banda, Carmen Basadre lembrou que se solicita para a Semana Santa de Lugo a declaración de Festa de Interese Turístico Galego e explicou que “esta celebración relixiosa ten moita tradición na cidade e son moitas as persoas que cada ano se achegan a Lugo para seguir as vistosas procesións”.
Para César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, a Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da Exposición permanente do Santo Sacramento no Altar Maior da catedral, “a tradición eucarística de Lugo, plásmase en que, dende o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae a procesionar polas rúas da cidade e no acto excepcional que se desenvolve na mañá de Pascua consistente no encontro entre Cristo Resucitado e a súa Nai”.
Mentres, o coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta sinalou que cada ano é máis numerosa a participación na Semana Santa lucense porque conta con “peculiaridades e privilexios excepcionais que a fan completamente diferente á doutros lugares de España e, polo tanto, merecedora de ser visitada”.
Durante a presentación, proxectáronse preto dun centenar de magníficas imaxes de Lugo e a súa Semana Santa.
%d bloggers like this: