Programación de febreiro no santuario do Corpiño

O domingo 18 de febreiro, na Eucaristía das 18:00 h, o Delegado Episcopal de Mocidade e Pastoral Universitaria, José Antonio Adrio Carballude, expuxo o relatorio-catequese “A Virxe María, modelo para a mocidade”.

Desde o 17 de febreiro ata o 25, faise a Novena de preparación á Coresma, na que se reza polos devotos e confrades defuntos da Benaventurada Virxe María do Corpiño.

Así mesmo, todos os venres de Coresma celébrase o Oficio do Vía Crucis ás 17:30 h.

O domingo 25 de febreiro, na Eucaristía das 18:00 h, o Delegado Episcopal de Ensino e Catequese, Manuel Areán Fernández, terá un relatorio-catequese titulado “María, Raíña da Paz”

Aínda que en febreiro non terán lugar máis xubileus, todos os domingos, se o permite o tempo; realízase o Camiño dos pastorciños ás 11:00 h e ás 17:00 h.

Relativismo, “buenismo” e populismo

Tiven unha profesora que nos dicía con moita frecuencia que os “ismos” son xeralmente malos. Agora, que teño uns anos máis, comprobo todos os días que é certo.

Hai moitos expertos que analizan as causas do que lle pasa ao mundo e ás súas institucións, tamén á Igrexa. A moi poucos, por non dicir a ningún, óiolles falar dalgunhas cousas como son o relativismo e o “buenismo”. Do populismo si que se fala, porque se manifesta de xeito evidente e aberto.

Na miña humilde opinión estes tres “ismos” están facendo moito dano á sociedade e á Igrexa. Os tres poden resumirse no que designamos como “políticamente correcto”, que é o que agora, por outra banda, pon límites a case todo e a case todos.

Antes de seguir adiante imos ver o que nos di o dicionario da Real Academia Española sobre estas tres palabras:

Relativismo: Teoría que nega o carácter absoluto do coñecemento, ao facelo depender do suxeito que coñece.

“Buenismo”: Actitude de quen ante os conflictos rebaixa a súa gravidade, cede con benevolencia ou actúa con excesiva tolerancia.

Populismo: Tendencia política que pretende atraerse ás clases populares.

E agora o meu comentario que, por suposto, non é Palabra de Deus.

O relativismo, que tanto denunciou Benedicto XVI, fíxonos crer que todo vale, todo é igual, non hai valores universais nin absolutos, todo faise á medida de cada un.

As consecuencias para quen son? Sempre para os mesmos, os máis pobres. Os fillos dos ricos e dos dirixentes políticos van a colexios privados de élite doutros lugares de España e do estranxeiro, onde non hai folgas nin follóns políticos nin doutro tipo. Así uns aproveitan o tempo e os outros lles serven de escudo humano aos pais dos primeiros.

A definición de “populismo” restrínxese á política, pero afecta a outras moitas realidades, tamén á Igrexa.

Impórtame a vida da sociedade na que vivo. Confío en que esta mesma sociedade, que xa é adulta, dispón dos mecanismos e responsables necesarios para garantir o benestar e a convivencia pacífica de todos. Por iso estou tranquilo. Quizais me preocupa máis outro ámbito un pouco máis reducido, o da Igrexa, no que teño unha responsabilidade maior. Como dixen ao principio, estes tres “ismos” tamén están facendo moito dano aos mesmos cristiáns: facémonos unha doutrina a medida, collemos só o que nos interesa do Evanxeo, as axudas de Cáritas quedan reducidas a un mero “buenismo” a maioría das veces, polo que se consegue todo o contrario do que se buscaba. E, para rematar, querer quedar ben con todos e non enfrontarnos á realidade e ao que ten que ser, lévanos a ceder ás propostas máis surrealistas, como facer o reconto dos votos dun referendo ilegal dentro dunha igrexa e ao son de cantos litúrxicos.

 

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Igrexa en diálogo cos mozos

Igrexa en diálogo é un proxecto do Departamento de Pastoral de Mocidade da Conferencia Episcopal para promover o diálogo cos mozos, como propón o próximo Sínodo.

En Lugo, o primeiro encontro realízase o 17 de febreiro ás 5 da tarde no Colexio María Auxiliadora (Lugo). Nesta primeira sesión tratarase a seguinte cuestión: Escóitase hoxe aos mozos?

Camiño contemplativo

O venres 16 de febreiro ás 18h terá lugar un segundo Camiño contemplativo, iniciativa que puxo en marcha este curso Apostolado Segrar. Nesta ocasión a saída é do Centro parroquial As Fontiñas, para, cunha dinámica de oración e silencio, seguir polo Parque do Río Rato e concluír na Capela de San Roque, onde se poderá compartir a experiencia vivida de rezo e meditación.

Descoroación da Benaventurada Virxe do Corpiño

O domingo 11 de febreiro, celebrouse no Santuario do Corpiño a Solemne

Eucaristía de Descoroación da imaxe da Benaventurada Virxe María.

Cantou o Coro do Santuario, que estreaba o atuendo deseñado para a Coroación Pontificia da Benaventurada Virxe María do Corpiño (24 de xuño de 2018).

Ás 12:00 h comezaba a Eucaristía con gran expectación por parte dunha multitude de devotos que acudiu ao Santuario. Trala homilía, o Reitor do Santuario retirou primeiro o resplandor do Neno Xesús e seguidamente a coroa á imaxe da Benaventurada Virxe María. A continuación o Reitor do Santuario colocou sobre a cabeza das imaxes do Neno Xesús e da súa Nai unhas diademas de flores realizadas en metal dourado.

A diadema do Neno Xesús é de rosas, pero con espiñas. Estas recórdannos a coroa de espinas que levará nos últimos momentos a súa vida na terra.

A diadema da Nai, está realizada de azucenas. Na tradición bíblica a azucena é símbolo de elección. Tal foi o privilexio da Virxe María, a elixida do Señor entre as mulleres de Israel. As azucenas, son ademais símbolo da virxinidade de María.

Unha vez realizada a Descoronación, o Reitor do Santuario, de xeonllos, fixo unha emotiva oración ante a Virxe en nome de todos os presentes. Ao final do acto ofreceuse á Virxe un ramo de flores brancas e uns emotivos e espontáneos vivas.

A %d blogueros les gusta esto: