«Cada un fala da feira segundo como lle vai nela»

pensamiento-unico

Hoxe comezo con este refrán: «Cada un fala da feira segundo como lle vai nela», aínda que tamén podería telo feito con estoutro: «nada é verdade nin mentira, todo é segundo a cor do cristal con que se mira». Ata hai pouco ninguén dubidaba da sabedoría contida no refraneiro popular español. Pero permítanme desconfiar. Agora xa non é así, polo menos nestes dous refráns que se me viñeron á cabeza cando estiven reflexionando sobre algo que observo na sociedade occidental que se di tan tolerante e que presume de acoller e respectar todas as formas de pensamento e relixión.

É mentira, porque non todos podemos falar libremente de como nos vai na feira. Tampouco podemos falar esperando que se respecte a nosa opinión, que é froito da cor coa que miramos a realidade do mundo. Hoxe estes dous refráns substituíronse polo que se coñece como “políticamente correcto”. Un xa pode crer, pensar, experimentar, saber, ver o que sexa, que como non se enmarque dentro do “políticamente correcto”, o mellor que pode facer é estar caladiño, se non quere gañarse os apelativos de franquista, tridentino, cavernícola, homófobo, inquisidor, etc. Ou sexa, que vaia como che vaia na feira, mellor é que non fales. Non me imaxino como serían as cousas se non existise o artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos!

E así, con medo, chegamos a este momento, onde todo o mundo ten claro o que pensa e o seu punto de vista das cousas, pero só uns cantos atrévense a falar, os mesmos que se che botan enriba con toda a súa bile se non dis o mesmo que eles.

A Igrexa tamén ten unha palabra sobre a realidade. Non é unha palabra inventada onte pola tarde ou sacada da manga da camisa. É unha palabra cunha tradición de 2000 anos e enraizada na Palabra de Xesucristo, o Fillo de Deus. Non se trata dun capricho duns homes célibes aos que se lles encomendou a misión de axudarnos a estar máis preto de Deus.

Aínda por riba, esta palabra da Igrexa séguese alimentando co testemuño e a experiencia de bastantes persoas coa vida esnaquizada -moitas veces polas consecuencias duns actos políticamente correctos- que tamén hoxe acoden a ela como a unha nai buscando consolo, acollida e axuda.

Se queren ver a feira desde outro ángulo invítolles a pasar algunhas tardes por calquera igrexa da cidade ou a mirar as entradas dos despachos das Cáritas Parroquiais. O problema principal non é a pobreza económica da que tanto se fala e coa que estamos tan sensibilizados.

Se fan este experimento (que moitos poden facer tamén nas súas propias familias, por desgraza) atoparanse con persoas ás que lles venderon a idea de que podían facer o que lles dese a gana sen dar conta de nada a ninguén; que podían ser como deuses. Sóalles isto, verdade? Do que ninguén lles falou foi das consecuencias. Persoas que perderon todo: familia, dignidade, ganas de vivir, traballo e diñeiro. Persoas ás que lles custa moito vivir porque agora vense “espidos”.

Insisto. Cando a Igrexa fala non o fai por capricho ou por molestar. Fala coa autoridade coa que xa o facía Xesucristo (Mc 1, 22) e coa experiencia dos seus fillos máis desamparados, dos que moitas veces descoñece onde e como están.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Concertos de Sólo Voces e do Orfeón Xoán Montes

Copia de 11 novembro día 7 concerto na igrexa A NovaO sábado 7 de novembro ás 12h o grupo vocal Sólo Voces dará un concerto na igrexa Santiago a Nova (Lugo) interpretando temas de polifonía relixiosa da Península Ibérica baixo a dirección de Fernando Gómez Jácome. O repertorio de Sólo Voces abrangue os ámbitos máis diversos (desde o máis serio ao máis humorístico) e en música sacra publicou o disco “Nihil novum sub sole”.

O  día 7 de novembro, celébrase o “IX Concerto de Outono” a partir das 19,45 horas na Igrexa de S. Pedro, este ano acompañarán ao Orfeón Xoán Montes o Coro Facundino de Sahagún (León) dirixido por Svetlana Krichtopova. Na mesma igrexa de S. Pedro o 14 de novembro ás 20h actúan os colectivos “Cantar delas” e ” EntrElas”.

Vida eterna

 Estes días moitos acudimos ás igrexas e cemiterios dos nosos pobos e cidades para recordar na oración aos nosos seres queridos defuntos.
Podemos orientar o estilo da nosa vida de moitas formas, ata sen Deus, pero á hora da morte só Xesucristo é o que ten palabras de vida eterna. O que fagamos hoxe e mañá só ten sentido desde a existencia de Deus e, xa que logo, da vida eterna. A existencia dun Deus misericordioso e bondadoso ata o infinito é o que fai que o que sentimos polos nosos defuntos sexa máis que un simple recordo máis ou menos melancólico.
As palabras de Pedro a Xesús seguen estando de plena actualidade «Señor, a quen iremos? Ti tes palabras de vida eterna» (Xn 6, 69). Desde que se pronunciaron estas palabras ata os nosos días, e sobre todo os últimos 50 anos, a ciencia e a técnica avanzaron moito máis do que nunca ninguén antes imaxinase. Pero a exclusividade desta promesa de eternidade séguea tendo Deus.
A medicina, a alimentación e a hixiene fixeron que se dobrase a esperanza de vida, pero esta segue sendo temporal. E se chegase un día en que conseguísemos evitar a morte e vivísemos indefinidamente tampouco poderiamos dicir que isto é unha vida eterna. Simplemente sería a mesma vida que temos agora sen data de caducidade, pero non exenta de problemas e limitacións.
A vida eterna da que fala Xesucristo é outra cousa moi distinta. É algo absolutamente novo que non se pode comparar con nada do que coñecemos.
Celebramos, xa que logo, dúas festas distintas que se achegan a unha mesma realidade desde distintos puntos de vista, pero ambos necesarios e non excluíntes. Aos nosos santos acudimos pedindo intercesión porque necesitamos a axuda de Deus. Aos nosos defuntos deixámolos nas mans misericordiosas deste mesmo Deus, para que os modele de novo e vivan na Xerusalén do Ceo. Son celebracións anuais máis solemnes pero non distinto aos que facemos todas as semanas na Eucaristía dominical onde lle dicimos a Deus:

«Lémbrate tamén dos nosos irmáns que durmiron na esperanza da resurrección, e de todos os que morreron na túa misericordia; admíteos a contemplar a luz do teu rostro. Ten misericordia de todos nós, e así, con María, a Virxe Nai de Deus, o seu esposo San Xosé, os apóstolos e cantos viviron na túa amizade a través dos tempos, merezamos, polo teu Fillo Xesucristo, comparti-la vida eterna e cantar as túas loanzas» (Pregaria Eucarística II).

Tamén habería que dicir algo do Halloween, Samaín e as almas en pena de procesión pola muralla, convertida en templo do neopaganismo. Pero iso deixámolo para outra ocasión.
Deus ilumina novembro. Xesucristo fálanos con palabras de vida eterna e grazas a El, a nostalxia polos nosos defuntos convértese na confianza de que un día atoparémonos con eles diante de Deus no Ceo nun mundo novo.
Por Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: