Un cura non é un funcionario

A reorganización pastoral que está facendo a Diocese de Lugo afecta a todos os niveis: institucións e organismos diocesanos, arciprestados, zonas pastorais, parroquias etc. No mundo rural trátase de crear unidades pastorais que están formadas por un conxunto de parroquias cercanas e coa mesma idiosincrasia, onde se trata de buscar unha igrexa que resulte máis axeitada para reunir aos fieis, e formar unhas comunidades cristiás vivas e participativas tanto para a educación da fe como para as celebracións dos sacramentos, os servizos caritativos e os distintos compromisos das comunidades cristiás. A reorganización pastoral é máis que unha reorganización administrativa: é esencialmente unha proposta evanxelizadora adecuada aos momentos actuais.

Polo tanto, cando hoxe se pensa facer cambios de sacerdotes para pedirlles novos e distintos servizos eclesiais para ben da Igrexa e dos fieis, debe terse na mente o mapa da Diocese de Lugo, que contén 1.139 parroquias, con moitas diferencias de poboación e xeográficas. Na distribución do clero trátase de que en todas as zonas vaiamos tendo sacerdotes que leven a cabo a misión evanxelizadora das comunidades cristiás que forman a nosa Igrexa Diocesana.

Cando hai un cambio dos sacerdotes sempre se teñen en conta os principios internos e externos da vida eclesial, que poidan levar adiante a misión que plantexa o sacramento da Orde Sacerdotal e dunha maneira organizada, tal como regula o dereito canónico.

Cando se lles pide un traslado para un novo servizo eclesial, os responsables diocesanos falan sempre con cada un dos sacerdotes  para que, dialogando, expresen con liberdade o seu parecer sobre dito servizo.

Os sacerdotes son Ministros do Señor enviados pola Igrexa a través do Supremo Pastor da Diocese, que sempre é o Bispo, para que realicen a misión evanxelizadora da Boa Nova de Xesucristo. Por iso, o sacerdote reúne unhas características que o fan distinto;  é máis que un funcionario. Tampouco un sacerdote é o dono das parroquias nin estas son donas do sacerdote. Este vai para realizar a misión evanxelizadora por un tempo que se vexa oportuno. O seu ministerio sacerdotal é un don de
Deus para as comunidades cristiás e para o mundo. Ás veces toca no mundo rural, e outras nas urbes, ou en cargos eclesiásticos, ou no ensino, no servizo caritativo, nos hospitais, nos cárceres…

Por iso na vida sacerdotal e relixiosa sempre hai que ter unha liberdade, unha xenerosidade, un desprendimento en todas as dimensións para cumprir ben a misión do Evanxeo. Na vida práctica hai que preparar varias veces a maleta para os cambios, cousa que non ocorre na vocación de moitos leigos.

Luis Manuel Rodríguez,

Vicario de Coordinación Pastoral da Diocese de Lugo

Portas Abertas do Seminario Menor para as familias

O sábado 4 de febreiro terá lugar a primeira das dúas xornadas de “Portas Abertas” deste curso, dirixidas ás familias ou outras persoas interesadas en coñecer de cerca o Seminario Menor, a súa proposta educativa, as súas instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria… Haberá unha primeira presentación e saúdo no Salón de actos e logo unha visita guiada ás instalacións, coa presentación dalgunhas actividades e proxectos que se realizan ao longo do ano. Finalizarase cun breve aperitivo que sirva tamén para o diálogo cos profesores presentes na xornada e para formular calquera pregunta.

Neste curso 2016-2017 o Seminario Menor iniciou o contacto con Be Education, unha realidade educativa impulsada e sostida polo colexio San Ignacio de Loyola (Torrelodones). Coas innovacións, cambios e ferramentas que se incorporen, contribuirase a unha mellor presentación da identidade e proposta como Seminario.

[O Seminario, onte e hoxe]

A %d blogueros les gusta esto: