Terá razón económica o Ofertorio?

 

Cando unha persoa estuda libros de economía é frecuente que atope a afirmación de que as fontes da riqueza son tres: a) A TERRA ou os recursos naturais do subsolo, do solo e da atmosfera. b) O CAPITAL na súa dobre referencia de físico e financeiro (máquinas, tecnoloxía e diñeiro…). c) O TRABALLO ao que mesmo ás veces se lle chama capital humano.

Pero cando un católico vai á Misa atópase que no Ofertorio o cura, ao presentar o Pan e o Viño, non di que son froito da Terra, do Capital e do Traballo, senón que son “froito da TERRA e do TRABALLO DOS HOMES”, e aí se queda.

A persoa humana diferenciase dos outros seres da creación porque pensa (filosofa) e comparte o seu pensamento cos demais para enriquecemento mutuo. Así pensando no dito anteriormente vexo que hai diferenzas importantes, comezando por ver que non é o mesmo, a nivel de implicacións sociopolíticas, falar de capital humano ca de traballo, que é unha calidade básica das persoas. Iso parece evidente!, pois na primeira expresión “humano” é un adxectivo que acompaña ao substantivo “capital”, que é o considerado valioso. Así vemos que con isto se está rebaixando a dignidade das persoas.

Pero o capital do que falan os manuais económicos que é en realidade? Como xurdiu? Que finalidade ten? Cal é a súa base?

Na súa orixe o capital-diñeiro non é máis ca un medio para facilitar o troco, o intercambio. É máis, empeza sendo un MATERIAL VALIOSO (ouro, prata…). Quen organiza a produción quédase cunha parte proporcional, algo ou moito maior á dos outros traballadores, igualmente sucede con quen facilita-organiza o troco.

Ese metal para facilitar o troco axiña levará a imaxe do poderoso (emperador) para que se vexa onde está o poder… máis tarde é UN PAPEL  que nun principio ten o respaldo en ouro do Banco Central do país (aínda lembro “El Banco de España pagará al portador…”). Pronto desaparece ese cambio en ouro e ven ser só un papel ao que lle prestamos confianza, fe… Como para dicir que a xente non se move pola fe!, como ás veces din “os que se chaman materialistas do diñeiro”.

Hoxe o diñeiro pasou a ser de PLÁSTICO, ou máis ben inmaterial, unha anotación informática nunha banca electrónica, ou na “NUBE”, que non sabemos onde reside e incluso moedas virtuais coma o bitcoin. Dependen da fe que se lles teña e por iso son tan volátiles…

Pero volvendo á empresa temos que o capital na súa dobre dimensión de fixo e circulante, ou financeiro e produtivo (máquinas e tecnoloxía) non é máis ca o traballo das persoas acumulado ao longo do tempo. Traballo non pagado ós traballadores pola súa actividade, ou traballo engadido ao traballo dos inventores do pasado que permite facer máquinas máis eficientes co elo que se engade ao elo da cadea dos seus predecesores…

Na era económica post-informática, economía dixital, moitos produtos pódense vender a millóns de persoas, seguir sendo dono deles e seguir vendéndoos a millóns de persoas… Son froito da cooperación histórica de multitudes de persoas e hai que poñelos ao servizo da sociedade!.

Non esquezamos que a capitalización dunha empresa é froito do traballo de tódalas persoas (e dos seus antepasados), que exercen a súa actividade na empresa (compra, produción, venta…). Por tanto, debería repartirse entre todos tendo en conta as necesidades de reinvestimento e de colaboración ao ben común. Se esquecemos iso colaboramos á degradación das persoas e ao espolio dos pobres. Afianzamos, como dicía Pío XI, o Imperialismo Internacional do Diñeiro e a Ditadura Económica (Quadragésimo Anno 105-109).

Traio aquí estas sabias palabras da Doutrina Social da Igrexa na gran encíclica Laborem Exercens (1981), que invito ler con calma. De moitos textos interesantes, por espazo, quédome con este:

 “Entón débese constatar aquí que o conxunto de medios é froito do patrimonio histórico do traballo humano. Tódolos medios de produción, desde os máis primitivos ata os ultramodernos, foron elaborados gradualmente polo home: pola experiencia e a intelixencia do home. Deste modo, xurdiron no só os instrumentos máis sinxelos que serven para o cultivo da terra, senón tamén – cun progreso adecuado da ciencia e da técnica – os máis modernos e complexos: as máquinas, as fábricas, os laboratorios e as computadoras. Así, todo o que serve ao traballo, todo o que constitúe – no estado actual da técnica – o seu «instrumento» cada vez máis perfeccionado, é froito do traballo (…) Convén subliñar e pór de relevo a primacía do home no proceso de produción, a primacía do home respecto das cousas.” (nº 12)

Se vivimos o traballo deste xeito, transformador da natureza e colaboración entre as persoas do pasado e do presente, servirá cos seus froitos á vida, á liberación e á humanización. Dalgunha maneira, como se di no Ofertorio, “serán Pan de Vida e Bebida de Salvación”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Canto vales?

Esta pregunta poida que estea ou non na nosa cabeza, ou que nos preocupe o valor que nos outorgan os demais, non sei, pero hoxe axudoume un texto dun libro chamado Biblia, polo final, xunto aos Evanxeos, un deles, Mateo 21, 33-43.45-46, narraba unha parábola que Xesús conta sobre uns labradores e un señor dunha casa que lles deixa a estes labradores a leira, a casa, todo para que traballen e para que lle dean un tanto cando obteñan froito. Resulta que o señor da leira, o dono de todo, enviou a uns empregados a cobrar a parte que lle corresponde, como o aluguer, e resulta que os labradores deciden matalos para non pagar. O señor envía máis empregados e fanlles o mesmo, mátanos e o señor este decide enviar ao seu fillo para que cobre o aluguer. O señor pensa que respectarán ao fillo.

Chegada esta parte eu pensaba: Se matan aos primeiros xa non hai que andar con tonterías, que sexan detidos e listo. Ou no peor dos casos acábase con eles e xa está. Por que tanta insistencia por parte do señor este en enviar empregados que morren e agora ao seu fillo? A resposta non está en fixarnos no desgraciados que son eses labradores, non está en fixarnos nas mortes. Fixémonos no valor que lles dá o señor a eses labradores que non se rende e envía ao seu fillo. Desde logo que tamén acaban coa vida do fillo. É certo que os labradores teñen un valor equivalente á vida dos empregados e fillo a quen mataron, pero tamén poderíaselles dar un pouco da súa propia medicina?

Que distinto o noso criterio do de Deus. Decatémonos de que o señor ese da historia é o Pai e o fillo é O FILLO. Ese é o teu valor, a súa vida, o seu sangue, El é o teu valor, iso vales. Digas o que digas, fagas o que fagas, terás que dar conta ante a sociedade e as súas leis, pero o teu valor… é o que é.

José Antonio Adrio Carballude

Delegado de Mocidade e Pastoral Universitaria

A %d blogueros les gusta esto: