O Inferno existe

Fai uns domingos (O domingo XXVI do Tempo Ordinario) quedaba clara a existencia do Inferno na lectura do Evanxeo (Lc 16, 19-31) coa parábola coñecida como a do pobre Lázaro e o rico Epulón. Ademais, dábanse detalles de como é a vida de lugar infernal: «estando no inferno, no medio dos tormentos», «porque me torturan estas chamas», «que non veñan a este lugar de tormento».

Lembro que unha vez estando nunha comida na que o único cura era un servidor, saíron os temas típicos cando hai un cura diante, entre eles o do inferno. Unha persoa entrada en idade dixo que ela, sendo cristiá practicante, non cría que iso do inferno existise e apelaba á misericordia infinita de Deus. Enseguida os demais tamén empezaron a opinar na mesma dirección. Despois de falar moitos deles, esperábase a miña resposta. Só me limitei a dicirlles que se non existía o inferno entón non eramos libres. Produciuse un silencio unánime duns segundos e, sen dicir nada máis, todos caeron na conta de que é así: se non hai inferno, non podemos escoller e, por tanto, non somos libres. Naquela comida o tema de inferno quedou resolto.

Na homilía do domingo que lles dicía ao principio, que este ano foi o 29 de setembro, tamén falei destas cousas: a relación do Inferno coa liberdade. Non faltou xente que se achegou a min para exporme as súas dúbidas e apelar, outra vez, á infinita misericordia de Deus, da que eu tampouco dubido e que, ademais, experimento todos os días.

Pero unha cousa é a misericordia de Deus e outra nosa liberdade, xa que Deus, sendo omnipotente, non pode salvarnos se nós non queremos. Dito doutro xeito, se hai alguén que non queira ir a ceo debe ter outro lugar onde ir. Se o prefiren, se non quere ir á vida eterna (Ceo), só queda ir á morte eterna (Inferno), dado que a vida terrea e histórica un día terminará.

Hai dúas cousas que os humanos temos especialmente en grao infinito: a capacidade de amar e a liberdade. Para todo o demais estamos afectados pola nosa condición de seres limitados, pero para estas dúas, non. Sempre podemos amar máis, até o extremo de dar a vida. E tamén somos libres de modo infinito, até o punto de poderlle negar ao mesmo que nos creou. Deus puido crearnos cunha liberdade relativa para que nunca desobedecésemos unha orde súa e sempre fósemos fieis a El, pero non o fixo. No relato da creación da Xénese queda claro isto que acabo de dicir. Ademais, se é que nós non o facemos, podemos ver todos os días a persoas que negan a Deus, que blasfeman contra El, que renegan del. Todo isto é unha proba máis da infinita liberdade que Deus nos deu.

Sendo así, se negamos ou rexeitamos a perfección infinita de Deus, non nos queda outra opción que a imperfección infinita. Para temporal e relativo abonda o de agora. O de despois será todo infinito, para a perfección ou para a imperfección, pero infinito en todas as súas dimensións.

Quizais, chegamos a este momento, poida parecer todo moi complicado, xa que dicimos que somos libres, pero con só dúas opcións para escoller: unha boa e outra mal, polo que case estamos obrigados a escoller só a boa, co cal, xa tampouco somos libres. O erro está no noso concepto de liberdade. Liberdade non é escoller o que me dá a gana ou o que me apetece, xa que, por outra banda, isto converteríanos en escravos. Liberdade é escoller o bo, belo e verdadeiro.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Original en castellano]

Francisco Porcar fala da dignidade do traballo e do traballo digno

O luns 7 de outubro ás 19 h o salón de actos do Vello Cárcere, Lugo, acolle unha charla coloquio na que Francisco Porcar Rebollar (da Irmandade Obreira de Acción Católica – HOAC) falará do traballo decente desde a Doutrina Social da Igrexa. Transcríbese a continuación a entrevista a Francisco Porcar emitida no programa radiofónico “”El Espejo de la Iglesia en Lugo”.

– A expresión “traballo digno” soa ben pero a realidade non vai por aí

– Desgraciadamente, a realidade que construímos é moi distinta. Hoxe non se recoñece a dignidade do traballo e cada vez son máis persoas cunhas condicións de emprego son máis indignos. E hai persoas que traballan en ámbitos que non son considerados como emprego e que teñen moi pouca valoración, moi pouco recoñecemento social. Por iso a importancia de expoñer a cuestión da dignidade do traballo e crear condicións de traballo dignas para todas as persoas. É unha prioridade humana e cristiá, como insiste tanto o Papa Francisco.

– Por que a Igrexa se preocupa destes temas?

– Para a Igrexa, se hai algo fundamental é a dignidade das persoas, e que todos deben poder vivir segundo esa dignidade. E o traballo, na reflexión da DSI e de calquera persoa humanista, é un elemento decisivo para que se realice esa dignidade da persoa. Nós temos un concepto de traballo como actividade que se paga, pero o traballo é moito máis que iso: traballo é toda actividade que desenvolven as persoas para responder ás nosas necesidades, para construír a vida social. Traballando desenvolvemos as capacidades que temos, podemos servir aos demais e contribuír a crear un mundo máis humano. O traballo é decisivo para poder crecer a nivel persoal e poder construírse a sociedade. Como iso está moi relacionado coa dignidade do ser humano, a Igrexa dálle bastante importancia. Porque traballar en condicións indignas é un dos mecanismos fundamentais que provoca que haxa fraudes na nosa sociedade.

– De quen depende cambiar o modelo de sociedade? Do goberno, dos traballadores, dos empresarios?

– Depende de todos. En primeiro lugar, as persoas debemos recoñecer a dignidade que ten o noso traballo, e o importante que é para realizar a nosa humanidade e para construír unha sociedade máis xusta. Pero loxicamente, non só depende das persoas a nivel individual; depende de que nos organicemos para xerar condicións dignas de emprego, para que se recoñezan socialmente  os traballos que non son emprego. En fin, para construír unha sociedade.na que todo o mundo teña a oportunidade de achegar as súas capacidades aos demais. Tamén depende de todo tipo de organización sociais, das institucións políticas. Hoxe a vida política dá importancia a outros temas e non ao traballo digno. As institucións políticas deben cambiar os seus comportamentos para que sexa posible ese recoñecemento da dignidade do traballo e que todos os traballos se realicen en condicións dignas. 

– Temos unha estrutura que aguantaría unha posible nova crise?

– Creo que non, porque o problema non está tanto na crise como no feito que teñamos construído un modelo social que permanentemente pon en crise as posibilidades de vida de moitísimas familias. Cada vez é máis frecuente que persoas con emprego non teñan ingresos abondo para acceder a bens básicos para unha vida digna, E iso converteuse en algo estrutural. O modelo necesita grandes cambios. Cando volva haber dificultades económicas, volverá a pasar o que sucedido hai moi poucos anos:  quen viva precariamente, sufrirá moitísimo máis as consecuencias dos problemas  económicos. O actual modelo económico fai moi difícil a vida digna das persoas. Coa lóxica económica que temos hoxe non é posible responder ás necesidades das persoas, das familias e da sociedade

– Que podemos facer nós na medida en que poidamos?

– A xente normal e corrente pode facer moitas cousas. Vou mencionar tres: 1) cambiar a mentalidade sobre a forma de entender o traballo, que é algo moito máis que un medio para obter uns ingresos. 2) impliquémonos en reivindicacións que son fundamentais ante as institucións públicas para mellorar as condicións de emprego. Por exemplo, reivindicar unha lexislación laboral que estea construída desde os dereitos e necesidades das persoas que traballan e non desde a lóxica de incrementar sempre o beneficio. 3) Promover e apoiar iniciativas doutras formas de traballar e vivir: ir construíndo na vida cotiá experiencias de solidariedade, de fraternidade, empresas que valoren as persoas que traballan nelas. Son moi importantes as prácticas de consumo e aforro, que se orienten no apoio a esas iniciativas de solidariedade. Non debemos agardar todo das institucións públicas, na sociedade temos que ir construíndo formas distintas de vivir, de traballar xuntos. Para cambiar a realidade, situémonos a carón das familias que sofren máis o desemprego e a precariedade laboral. É decisivo camiñar xuntos coa xente, combater a soidade na que están moitas familias. Isto que pode parecer unha tontería, é algo fundamental, pois teremos unha sociedade máis humana, na medida en que compartamos a vida con quen peor o pasa. Sen isto, todo o demais non vai servir de moito.

A %d blogueros les gusta esto: