Pensar e discernir en tempos de pandemia

Facer memoria do ocorrido durante este tempo de pandemia, tratar de entender como nos afectan estas crises ás nosas existencias, discernir as necesidades dos seres humanos máis vulnerables, lembrar o pasado para vivir o presente con ilusións e esperanzas de futuro, espertar da nosa pasividade e redescubrir o máis grande da nosa interioridade…, son tarefas urxentes nestes tempos nos que todos, dun xeito ou outro, sentímonos afectados.

O corazón gardará memoria viva destas situacións. Aínda que recoñecemos que os contactos se puideron traducir en contaxios, as comunicacións en contaminacións e as relacións humanas en soidades inmensas e eternas, hai sempre algo positivo en medido da negatividade e as sombras ameazantes da morte. Estas pandemias que pon en corentena o futuro da humanidade orixinan, con mais intensidade, outras pandemias psíquicas que dexeneran en medo, temor e tedio. Confinados nos nosos fogares e cos templos pechados, crentes e non crentes preguntámonos onde atopar a Deus no medio de tanta desgraza. Pregunta nova e eterna que xorde inevitablemente alí onde hai dor, sufrimento e morte.

Onde está Deus? Ocúltase, escóndese, cala, disfrázase, ponse a máscara para xogar co ser humano aos agochos? Algúns, empuxados quizá pola dor das situacións vividas, acudiron ao seu encontro aínda que até entón as súas relacións fosen frías ou inexistentes. Outros, pola contra, aos que case ninguén faría cambalear nas súas conviccións relixiosas, sentiron que este aparente silencio de Deus durante esta inesperada tormenta sacudía os alicerces da fe. Este escenario, tan diverso como o camiño persoal de cada ser humano, testemuña a nosa probada vulnerabilidade e abre a porta a novos interrogantes: Está Deus ausente destas realidades ou está tamén crucificado no patíbulo e nas U.C.I.S. dos apestados? Estas crises axudan a espertar a fe durmida nas tranquilidades dunhas existencias cómodas e indiferentes aos problemas dos demais ou, pola contra, provocan o afastamento, o agnosticismo e a indiferenza relixiosa? En calquera das direccións, a Igrexa, como comunidade de seguidores de Xesús, o Fillo de Deus encarnado na historia, está chamada a acompañar nestes procesos contribuíndo a unha nova misión evanxelizadora e a unha nova presenza social significativa e visible. Aínda que é moi difícil entrar na interioridade e na intimidade do ser humano, en situacións de crises as persoas sempre miran de novo cara ao esencial, realidade que inclúe unhas relacións humanas máis verdadeiras, as preguntas fundamentais da vida e o sentido último da existencia. Estas situacións poden axudarnos a entender o que grandes pensadores da humanidade afirmaron: Que Deus sempre está aí, con frecuencia tamén acompañándonos na cruz para liberarnos e resucitarnos dos sepulcros; que El non é autor do mal; que o mal é sempre ausencia de ben; que Deus actúa no ámbito do respecto ás nosas liberdades, o don máis grande da creación concedido ao ser humano; e que, por riba de todo, estamos chamados á vida en común, a unha cultura do compartir fronte á de competir, ás presenzas constantes acolledoras e próximas e a uns acompañamentos cada vez máis empáticos e saudables con aqueles que viven en soidade e abandono as súas cruces cotiás. Axudarnos uns a outros a baixar delas ou a impedir que existan é a mellor lección que podemos ofrecer nas actuais circunstancias.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Quen é Xesucristo para ti?

Hai 2.000 anos, un home de Galilea preguntou ao pequeno grupo de amigos que o acompañaban: “Quen di as xentes que son eu?” A resposta foi moi variada: “Uns, que Xoán Bautista; outros que Elías, e outros, que un dos profetas” Pasaron 20 séculos, e a historia aínda non se puxo de acordo para dar unha resposta unánime. Entón ninguén sospeitaba que aquel mozo aldeán fose un personaxe tan importante. Era un incomprendido. Os violentos atopábano débil e manso. Os encargados da orde xulgábanos perigoso. A xente culta desprezábao e temíao. Os poderosos rían del.

Eran moitos os que escoitaban a súa predicación, pero á maioría interesáballes máis o pan que repartía, que a doutrina que ensinaba. Cando o levaron aos tribunais, todos o abandonaron: só a súa Nai e tres ou catro amigos máis, acompañárono na súa agonía. Parece que todo esqueceríase baixo a lousa do sepulcro, agora baleiro. Con todo, a historia segue virando ao redor da súa figura. Os historiadores continúan citando os acontecementos en referencia a este personaxe: X anos antes, ou despois de Xesucristo din ao datar os seus artigos informativos.

Media humanidade confesa as súas crenzas en referencia ao mártir do Gólgota. Os libros que se publican non esquecen unha referencia a Xesús. A súa vida inspirou máis da metade da arte que actualmente promove o turismo universal, para contemplar as marabillas do mundo.

Cada ano, miles de persoas deixan patria e fogar, para seguilo a El, ingresando no que se chama canonicamente “Vida consagrada”, que implica a práctica dos votos de pobreza, castidade e obediencia. Por El morreron incontables mártires. A El amárono moitos homes de fe, que se desprazaron a afastadas terras, para predicar a outros pobos, a mensaxe de salvación que Xesucristo quere regalar a todo o mundo.

Ao longo da historia, a xente preguntouse quen é este personaxe que arrastra á entrega total ou ao odio frontal. Moitas das respostas dadas polos homes foron desacertadas. Por iso, e para emendar erros, o Señor pregúntanos aos cristiáns de hoxe: “E vós quen dicides que son eu?”. Nós asumimos a fe dos Apóstolos e contestamos: “Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”. Estamos certos desta verdade, porque así nolo demostrou El coas súas obras. A súa vida trasparenta a súa divindade e o seu infinito amor. Nós os cristiáns deste mundo secularizado, que somos á vez causantes e vítimas desta situación relixiosamente empobrecida tomemos o exemplo de María e das pouquísimas persoas que acompañaron a Xesús na súa agonía.

Tomemos exemplo para que nós, que estamos a padecer a pandemia dunha fe descafeinada, demostremos que, se o noso corazón é rico en defensas de vitalidade cristiá, poderemos resistir a todo contaxio de calquera coronavirus que poña en perigo a supervivencia da nosa actitude cristiá.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Antonte celebrouse, con solemnidade en Lugo, a festa da Asunción baixo a advocación de A Nosa Señora dos Ollos Grandes, Patroa de Lugo. Fermosísima e agarimosa advocación do pobo de Lugo que en moi breves expresións, recolle unha descrición feliz da actitude que adopta a imaxe da nosa Patroa. Imaxe que, segundo o prestixioso sacerdote e historiador Dr. Francisco Vázquez Saco (cf. Nuestra Señora de los ojos Grandes, Patrona de Lugo, notas históricas, Lugo 1973, 2,1ª edic. ) ocuparía o primeiro lugar en España con tan singular tema iconográfico, xa que unha das máis antigas, unha curiosa miniatura que decora a carta de fundación da Confraría da Virxe María e Santo Domingo, erixida na Igrexa de Tárrega (Lleida), data do ano 1.269.

Así mesmo, no poema de Alfonso X o Sabio temos a testemuña más antiga da celebración da Virxe de Lugo no día da gloriosa Asunción de María aos ceos:

«E ela alí iazendo, fez mui boa uida,

troes que ll’ouue mercée a Sennor conprida

en o mes d’Agosto no día escolleito

na sa festa grande, como uos retreito».

Nas pregarias elevadas polas autoridades lucenses para solicitar a coroación canónica da imaxe da Virxe dos Ollos Grandes ao Vaticano, cítanse dous documentos do arquivo catedralicio nos que se fai alusión aos prodixios que con frecuencia se obraban no templo da Santa María de Lugo. O diploma da concesión ó ponderar os méritos de A Nosa Señora fala dela como «celeberrimam non minus vetustate quam prodigiorum multitudine: celebérrima, no menos pola súa antigüidade que pola multitude dos seus prodixios».

Nestes diplomas antigos do arquivo capitular non soamente se fala do extraordinario número de milagres e sucesos prodixiosos acaecidos por mor da Nosa Señora, senón e sobre todo, da multitude de doazóns, que os devotos, agradecidos aos favores da Señora, facían ante o seu altar. Alfonso VI dá testemuño dos moitos milagres que aquí se obraban e Dona Urraca afirma que eran innumerables e frecuentes os prodixios que facía o Señor por intercesión da súa Nai nesta Igrexa. O rei sabio refírese na cantiga LXXVII a un milagre atribuído á Virxe de Lugo, que titula deste xeito: «Cómo Santa María saou na sa ygreia de Santa María de Lugo hua moller colleita dos pées e das maos». Este relato, segundo o autor, é un resultado de fontes verosímiles, algunhas escritas, orais e outras das que afirma ser testemuña presencial: «que vi, que eu por meus ollos vi». O retrouso resoante que se repite no poema é ao que fai referencia o titular deste artigo:

«Da que Deus mamou o leite do seu peito»

Despois de tantos anos de historia, a cidade e a Diocese de Lugo seguen a rezar e a honrar á Nosa Señora. Durante os días 10, 11 e 12 tivo lugar o Festival Musical da Asunción na nosa cidade. Feliz iniciativa do Cabido e da Diocese de Lugo, coa colaboración do Concello e do Seminario Diocesano baixo a dirección artística de Giulio Mercati e a dirección técnica do coengo Luis Varela Castiñeira. Unha boa ocasión para que a Nosa Señora siga a facer milagres nestes tempos da pandemia e para que os lucenses, ademais de recuperar os bos costumes, como membros da Igrexa, sigamos a contemplar a María seguindo as pegadas dos nosos antergos, como purísima imaxe do que ela mesma é, prenda das mellores esperanzas e desexos de futuro.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

O Feito Diferencial Autonómico ou non tanto…

Os usos propagandísticos dos nosos líderes autonómicos utilizan profusamente a expresión do Feito Diferencial desta ou doutra autonomía.

Vaia por diante que me parece sabia, xusta, eficiente e respectuosa coa dignidade da persoa humana a ensinanza eclesial do principio de subsidiariedade, que afirma que o que pode facer, solucionar unha persoa ou un grupo pequeno non o debe realizar unha instancia superior. Este principio equivale á autoxestión. Significa, por exemplo, que se está a favor da autonomía das familias á hora de xestionar o tipo de educación para os seus fillos e a dos colexios fronte ao Ministerio de Educación, ou os Municipios ante as Autonomías.

A insistente teima sobre o Feito Diferencial non se corresponde realmente coa realidade como intentaremos mostrar a continuación, pero si que máis ben encerra un egoísmo corporativista oligárquico que vén manter o histórico e denigrado caciquismo de séculos pasados.

A pandemia da Covid 19 descubriunos que as residencias de maiores e discapacitados, que son competencia das Autonomías, están en moitos casos en mans de multinacionais, sen distinción de nacionalidades históricas ou non, gobernadas por PP ou PSOE (con Podemos), ou PNV, ou catalanistas, como vemos a modo de exemplo:

-DomusVi (capital francés e inglés), que ten 198 centros e 25.000 prazas, presente nas 17 autonomías.

-CLECE (da construtora ACS da que o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, posúe o 12,52% da propiedade), xestiona 145 Residencias, 92 Centros de Día e unhas 17.000 prazas. Presente en todas as Comunidades Autónomas menos Galicia, Asturias e Navarra.

VITALIA HOME: 3 Sociedades Limitadas con sé en Jersey son os seus accionistas principais con case o 25% do seu capital cadansúa. Posúe 51 Residencias e case 8.000 prazas en 8 comunidades.

-Ballesol S.A. Os 3 donos da aseguradora Santa Lucía teñen sobre o 67% do capital e son dos cen españois máis ricos. Posúen 46 Residencias en 12 autonomías e máis de 7.300 camas.

AMAVIR: 41 residencias (da familia Mulliez, 5ª fortuna de Francia cun patrimonio de 32.000 millóns €), presente en sete comunidades. Xestiona 6.223 prazas.

Outras multinacionais: Colisée (50), Orpea (49), Sanitas Maiores (47)…

As empresas que xestionan o lixo das cidades son de multinacionais da construción como ACS (Urbaser), FCC (das irmáns Koploviz) etc. Un concello gobernado polo BNG outorgoulle a recollida do lixo á multinacional FCC con sé en Madrid encarecendo o custo nun 50%.

Ou a xestión da auga que a multinacional española FCC Aqualia S.A. leva nuns 500 municipios (incluídas 9 capitais de provincia e cidades importantes como Vigo, Alcalá de Henares, Jerez de la Frontera, Mérida, Alcoi, Lloret de Mar, Ponferrada, Medina del Campo…).

En canto a compras, vemos que practicamente en tódalas autonomías teñen Zara, o Corte Inglés… visten o mesmo tipo de vaqueiros… compran os mobles “da república independente da túa casa” (Ikea, fundada en Suecia en 1943), que está asentada en máis de 12 comunidades autónomas.

En alimentación tódalas autonomías teñen unha porcentaxe importante en produtos de Unilever, Nestlé, Gallina Blanca.. ou tendas de Carrefour, Mercadona, Eroski, Alcampo…

Se miramos no que se bebe, pois practicamente o mesmo nos diversos lugares e seguro que un aposta a ganador de que en ningún bar ou tenda de bebidas faltará a consabida Coca-Cola ou Pepsi.

Cando analizamos os equipos de fútbol da tribo (cidade), vese que case ningún xogador é nativo. Pertencen a 10 ou 15 nacións, vísteos unha multinacional de USA (Nike) ou Alemaña (Adidas, Puma) que fabrican a roupa no Terceiro Mundo (Asia…) e as letras que levan nas camisetas refírense a empresas asentadas en Xapón, Emiratos Árabes…

A base cultural de películas, series, músicas vén ser exactamente a mesma, con idioma distinto algunhas veces. Os modos de vida e diversión tamén son intercambiables.

Ao final, o que termina diferenciando ás autonomías é o nome do “cacique” correspondente, pero frecuentemente non tanto a maneira de exercer o poder. Con eses “xefes” xérase unha oligarquía que vive á conta dos empobrecidos aparentando ser os seus benfeitores.

Canto se necesita que exerzamos a nosa liberdade e responsabilidade na consecución do Ben Común para todos!! Ser protagonistas e xestionar o que nos pertence con responsabilidade para todos!!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Novena na honra da Nosa Señora dos Ollos Grandes

Do 7 ao 15 de agosto, a Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo acolle a Novena na honra da Nosa Señora dos Ollos Grandes, que estará predicada polos cóengos do Cabido da basílica lucense. O día 14 celébranse Vésperas solemnes.

Día 7, venres: Mons. Indalecio Gómez Varela, Santa María Nai de Deus.

Día 8, sábado: Gonzalo Fraga Vázquez, Santa María, raíña e nai de misericordia.

Día 9, domingo: J. Mario Vázquez Carballo, Santa María templo do Espírito Santo.

Día 10, luns: Luciano Armas Vázquez, Santa María escrava do señor.

Día 11, martes: José Lebón Sánchez, Santa María, Imaxe e Nai da Igrexa.

Día 12, mércores: Manuel Castro Gay, A Virxe María, nai e medianeira da graza.

Día 13, xoves: César M. Carnero Rodríguez, Santa María, Fonte da salvación.

Día 14, venres: Luis Varela Castiñeira, A Virxe María, causa da nosa alegría.

Día 15, sábado: David Varela Vázquez, Asunción da Benaventurada Virxe María, Nai do noso Deus e Señor Xesucristo.

A %d blogueros les gusta esto: