Penso, logo existo

Esta expresión saída da pluma de Descartes, é ben coñecida, pero non sempre ben interpretada. A primeira vista, dá a impresión de que pode ter sentido causativo ou conclusivo. Non estamos no certo. Con ela, o distinguido filósofo non quixo expresar a orixe do home, senón a súa existencia. Non existimos porque pensamos, senón que pensamos porque existimos. A actividade do home non é a causante da súa orixe: é a constatación da súa existencia, porque primeiro é o existir e despois é o obrar.

Certo que a grandeza do home está no seu raciocinio, na súa conciencia. Isto distíngueo de todos os outros seres vivos. É o único capaz de preguntarse por qué vive e para que vive. O pensamento e a conciencia elevan ao home por riba de toda outra criatura e capacítao para realizar o impensable. Os pais da Revolución Francesa chegaron a divinizar a razón humana, sublimando as marabillas da súa capacidade. Pero coidado! Que a nosa razón tamén é capaz dos maiores despropósitos. Auschwitz, Hiroshima, Nagasaki, a brutalidade machista e outras aberracións da nosa moderna historia confírmannolo. Non obstante o alto valor que ten a nosa conciencia, non a absoluticemos, posto que ela pode ser a nosa salvadora ou a nosa aniquiladora. Entre as múltiples definicións do home, escollamos aquela que a supera a todas e sintetízaas todas; e na nosa procura quedemos con esta: “Son amado, logo existo” e “amo, logo son home”. O amor está na nosa orixe, na nosa existencia e no noso futuro eterno.

O amor dá peso e consistencia á persoa. O que ama e é amado, vive e realízase como home. O que vive no amor, divinízase. “Son amado, logo existo” e “amo, logo son persoa” son dúas verdades innegables. Pero primeiro é a pasividade amorosa. Para que poida amar teño que ser amado. O amor non é unha conquista, é un don (San Tomé). O amor non se impón, senón que se contaxia. O amor non se entende se antes non se experimenta. Por moito que che encarezan que ames aos demais, non poderás facelo, se antes non che capacitaron para facelo. O home pode converterse en fonte da que emanan ríos de fraternidade. Pero para chegar a ser fonte, primeiro hai que beber da orixinaria fonte de amor que no sobrenatural é Xesucristo e no humano foron os nosos proxenitores. Esta foi a nosa sorte: “fun amado, por iso existo”. Fun amado para que puidese existir. Este é o primeiro sentido da afirmación cartesiana. E tamén é verdade que existo para amar, pero a prioridade correspóndelle ao amor recibido. Prioridade no ser e prioridade no quefacer. Os extremos tócanse: nacemos do amor e nacemos para amar.

Tomemos conciencia da nosa orixe e da nosa misión, e a nosa convivencia converterase nun campo de amor primaveral.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

O insoportable ruído do silencio e do baleiro

Está comprobado que as cousas materiais non son capaces de encher o interior dunha persoa. Empeñámonos niso, pero como drogadictos, o único que facemos é aumentar cada día a dose, a ver se así funciona; con todo, as cousas non cambian e o baleiro segue baleiro.

Outras veces tentamos encher ese baleiro con “ruído” de todo tipo. Estamos hiperconectados e cunha saturación de noticias nunca vista. Pero o baleiro segue baleiro e o silencio produce un ruído atronador que non o acougan nin as copas dun sábado pola noite nin a mellor das pastillas para durmir nin as vacacións gozadas nun lugar de ilusión para tratar de «desconectar».

O paradoxal ruído do silencio e do baleiro fáisenos insoportable, até o punto de provocar en nós unha tolemia que nos levará a facer cousas totalmente aberrantes, como desfacernos das persoas máis débiles, como son os nenos sen nacer e os anciáns desamparados, aos que se lles fixo crer que a súa vida xa non vale porque só gastan e non producen. Como din os nosos bispos, que haxa enfermos incurables non quere dicir que sexan incuidables e o que necesita o noso país é unha lei de coidados paliativos. Unha morte cando é buscada por un mesmo, nunca é digna.

Construímos a nosa sociedade sobre valores que nos proporcionan, en principio, unha vida moi cómoda. Pero está a comprobarse como esta comodidade duns é á conta de sacrificar a vida dos demais e, quizais do mesmo xeito, tamén outros no futuro sacrificarán a nosa cando estorbemos. E iso porque tivemos a sorte de nacer, pois outros moitos, millóns nos últimos vinte anos, non a tiveron.

O tempo actual tamén se caracteriza pola excesiva e exhaustiva programación e planificación. Queremos ter todo ben atado e que nada perturbe a nosa paz. Pero a realidade, unha vez máis, é túzara e temos que cambiar de plans todos os días e por todo tipo de motivos. Pero como a un neno por nacer ocórraselle cambiar os plans dos seus pais, que se vaia preparando. E como a un ancián ocórraselle deixar de ser autónomo, que vaia facendo tamén as maletas.

O ruído do silencio e do baleiro denúncianos a «esquizofrenia» na que vivimos. Así, tanto celebramos o nacemento dun neno ao mesmo tempo que reivindicamos o dereito a abortar a outro que veña detrás se non o fai de acordo cos nosos plans. Ou somos capaces de debater no Congreso unha lei sobre a eutanasia o mesmo día no que o mundo enteiro celebra unha xornada dedicada á prevención do suicidio. Pois xa me dirán que é a eutanasia (ou co eufemismo co que queiran chamala) senón un suicidio asistido.

Non sei onde imos chegar. Creo que non moi lonxe, pois tanto o aborto como o eutanasia son a consecuencia dunha sociedade sen esperanza porque está baleira.

No noso interior hai un baleiro e un silencio que só Deus pode encher de contido, sentido e harmonía. Deus é o único remedio para evitar que dentro duns anos nos avergoncemos das atrocidades que estamos a facer agora. Ademais, deberiamos aprender do pasado, cando co beneplácito dunha maioría, tamén se fixeron cousas que agora nos dan auténtico repelús. A vida do outro é sagrada e ten valor absoluto, non hai nada máis grande neste mundo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

O Seminario Menor renóvase e amplía a oferta educativa en Lugo

O Seminario Menor Diocesano de Lugo integra un centro privado de ESO e BAC que se presenta agora baixo un novo nome, que xunta tradición e novidade: Colexio Diocesano San Lorenzo. A partir do 8 de marzo de 2021 está aberta a reserva de prazas para o curso académico 2021-2022.

Tempos de renovación, mesmas raíces

O Colexio Diocesano San Lorenzo, que depende da Diocese de Lugo, quere ofrecer innovadoras propostas de formación e unha maior apertura á mocidade. Sobre unha base sólida de valores cristiáns, proponse desenvolver unha vida social, profesional e familiar plena entre os alumnos.

San Lorenzo fai referencia ao primeiro nome oficial que tivo o Seminario Conciliar Diocesano de Lugo (“Seminario Conciliar de San Lorenzo”) na súa fundación no séc. XVI, e ao santo ao que foi dedicado.

O vicerreitor do Seminario, Luis Varela, afirmou sobre esta nova etapa: “Queremos pór a disposición do maior número de familias e alumnado a ampla experiencia educativa que se forxou no Seminario Menor ao longo dos anos, achegando unha nova oferta formativa de interese na cidade e na Diocese.Trátase de sumar, engadir para non perder nada do atesourado, engadir para non perder nada do atesourado ao longo dos anos, e facelo dispoñible a máis persoas”.

A renovada aposta que o Seminario Diocesano Menor de Lugo fai por medio do Colexio Diocesano San Lorenzo aumenta as opcións do alumnado e as súas familias, e busca atender a demanda dalgúns ciclos formativos de grao medio e superior para os cales hai pouca oferta na provincia, sobre todo no ámbito deportivo e o socio sanitario.

Formación de calidade con valores cristiáns e maior alcance

Esta actualización da oferta educativa en Lugo conta coa apertura á formación profesional privada: instalacións renovadas, numerosas aulas e aulas-taller, varios laboratorios, pavillón deportivo e patio exterior, así como outros servizos e espazos que enriquecen o centro, como os servizos de cociña e comedor, varias capelas e unha biblioteca con máis de 100 mil volumes.

Doutra banda, na súa aposta por chegar ao maior número de alumnado mantendo o ideario dunha formación cristiá integral, o novo Colexio Diocesano San Lorenzo será mixto. Así, a Diocese ofrece un novo espazo de educación de calidade, e o colexio segue sendo, ademais, o centro educativo no que estudan os seminaristas menores. Esta fórmula, xa presente en moitas outras dioceses, nas que os seminaristas se forman academicamente xunto a outros moitos alumnos e alumnas en colexios diocesanos ou concertados, desenvolve tamén unha importante indicación do novo plan de formación sacerdotal: que os futuros presbíteros se formen nun contexto onde a muller teña protagonismo. E enmárcase dentro do Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco e o compromiso con “procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”.

O novo Colexio Diocesano será un Centro Educativo mixto, no que estudarán tamén os seminaristas menores xunto aos demais alumnos e alumnas, distinto do Seminario Menor, que seguirá sendo un espazo de vida comunitaria e formativa para aqueles nenos que queiran discernir a súa vocación ou fixesen xa unha primeira opción cara o sacerdocio. O Seminario Menor seguirá contando cos seus espazos propios, convenientemente diferenciados do resto das instalacións educativas, que pasan a conformar o Colexio Diocesano.

O Colexio Diocesano San Lorenzo abre, pois, as súas portas a todas as familias, para que valoren esta opción formativa para os seus fillos e fillas, e poidan unirse á aventura educativa que o Centro desexa relanzar, cun horizonte máis variado e plural, para o vindeiro curso académico 2021-2022.

[Páxina web do Colexio]

[Página web del Colegio]

Unha aposta educativa renovada dos Seminarios Menores de Santiago e Lugo

A sociedade experimentou nos últimos anos grandes transformacións, e especialmente no ámbito do ensino, como mostran por exemplo os constantes cambios lexislativos, ata a recente aprobación da LOMLOE. Todos perciben a urxencia dunha aposta educativa renovada.

O Papa Francisco, moi consciente dos desafíos que se presentan á educación nestes momentos, pediu expresamente a adhesión a un Pacto Educativo Global, a comprometerse “con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil”. Esta era xa a tradición da que proveñen os Seminarios en Galicia, tamén en Santiago e Lugo, e considérase unha responsabilidade continuala hoxe en forma renovada e actual. A súa identidade católica e a súa traxectoria educativa é unha riqueza singular que se ofrece nestas circunstancias á sociedade.

Por este motivo, a partir do vindeiro curso os Seminarios Menores de Santiago e Lugo abriranse como Colexios Diocesanos, de carácter privado, a todos os alumnos e alumnas que, aceptando o ideario dos Centros, queiran realizar neles a formación de ESO e BAC.

Como parte da Igrexa en Galicia, presente de moitas maneiras no ensino ao longo dos anos, ponse a disposición das familias un novo espazo educativo, que será moi conveniente e unha verdadeira riqueza tamén para os Seminarios Menores.

Nos próximos días comunicaranse os detalles desta nova aposta educativa.

A dignidade do home

Os sentimentos condicionan os xuízos sobre as persoas. Os sentimentos afectivos propenden a xuízos de comprensión; os sentimentos de aversión propenden a sentenzas condenatorias.

Isto é aplicable á actitude social dos homes. Sobre o home fixéronse moitas preguntas, e as respostas son contraditorias. “O home é un lobo para o home” repítese aquí e alí, de tal xeito que esta maneira de falar converteuse no aforismo da historia da humanidade. É o sentimento de que o outro é un rival do que teño que defenderme. “O home é un ser inútil”, en expresión de Sartre, ou “un ser para a morte”, ao dicir de Heidegger. En opinión popular, o home é o depredador do veciño. Así pensa o mundo, concluíndo que o home é un inimigo do que teño que defenderme. Este sentimento negativo lévanos a unha valoración tamén negativa dos nosos semellantes. Así como á noite oponse o día, e o sol oponse á escuridade, así, co amencer da madrugada, todo ilumínase de luz e esperanza. Co sol da mañá, o sentimento derrotista troca no sentimento optimista, e o home contémplase a si mesmo como o rei da creación, e ao mundo en que vive, contémplao como a súa morada terreal. E ao contemplar as marabillas que el mesmo realizou no chan que agora pisa, comeza a valorarse a si mesmo, e anímase a continuar a súa obra. E cae na conta de que o mundo ten dúas dimensións: a terreal, cuxa finalidade é producir pan e cebolas para o noso sustento; e a social, que busca ser morada acolledora para a familia humana.

Sabedores das nosas posibilidades, e conscientes da nosa responsabilidade, debemos preocuparnos do mundo que está nas nosas mans. O primeiro que se nos pide, é que melloremos o concepto de nós mesmos e dos nosos semellantes: nin eles nin nós somos depredadores dos demais. No home hai máis cousas positivas que negativas, di Camus. O home debe ser un don para os demais. O home, en parte nace e en parte faise. O maior milagre feito polo home, é o home mesmo, en frase de San Agostiño. Cada home é un “ti de Deus” e así temos que miralo todos os demais. Un só pensamento do home vale máis que todo o mundo, afirma San Juan de la Cruz.

Deus quixo facer do home unha imaxe semellante a si mesmo, e para iso puxo nas nosas mans o bosquexo, e pediu a súa execución. Pero o mandato do Señor non está totalmente cumprido. O home é un ser en continua construción. Deus achegou o deseño e a materia prima, e para levar a feliz termo o proxecto, solicita a nosa colaboración, reservándose El a dirección da obra. Isto non podemos esquecelo os humanos, e como fieis colaboradores, debemos manternos atentos ás indicacións do Mestre, para que o noso quefacer resulte unha copia perfecta do seu quefacer. “Aprendede de min” dinos o divino artífice do ser humano. Se así o facemos, o mundo será unha fotocopia perfecta do bosquexo entregado por Deus ao home o primeiro día da creación.

E este é o noso labor e a nosa responsabilidade. Oxalá sexa tamén a nosa satisfacción.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: