Entrega dos I premios da Caridade

Nun acto presidido por Mons. Alfonso Carrasco o 30 de maio no Seminario, Cáritas Lugo fixo entrega dos I premios da Caridade aos nenos e mozos que participaron realizando traballos (debuxos, maquetas, curtas e poesías). Participaron 1066 escolares de distintos colexios.

Os premiados foron os seguintes:

– Infantil. Premio Individual: Gabi Herrera Gómez. 5A EI . Colexio Franciscanos (Lugo)

– Infantil. Premio “Aula máis creativa” . 4,5,6 EI. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Primaria (1º, 2º, 3º). Premio individual: Martín Díaz López. 2º EP. Colexio Nosa Sra. da Asunción. Sarria (Lugo)

– Primaria (1º, 2º, 3º). Premio “Aula máis creativa” . 2º EP. Colexio Cervantes (Lugo)

– Primaria (4º,5º,6º). Premio individual: Lorena Soto García 6º EP. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Primaria (4º, 5º, 6º). Premio “Aula máis creativa” . 6º EP. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Secundaria. Premio individual: Ainara Gorgoso Fernández. 2º ESO. Colexio Divino Mestre (Lugo)

– Secundaria: Premio “Aula máis creativa”: 3º A ESO. Colexio San Xosé (Lugo)

– Premio Especial “Colexio máis participativo e creativo”: Colexio Divino Mestre (Lugo)

Os asistentes ao acto puideron disfrutar coa actuación do Mago Rafa.

Pregón da Caridade

O mércores 29 de maio celebrouse no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo o Pregón da Caridade, que este ano correu a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira. O acto estivo presidido polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e nel tamén participou a directora de Cáritas de Lugo, Amparo González Méndez.

O pregoeiro agradeceu o labor de Cáritas e animou a seguir. Tras lembrar que son case 25.000 persoas as beneficiarias en Lugo, preguntouse que tería sido destes milleiros de persoas se Cáritas non existise. E comentou: “Pois isto, indudablemente, sería un problema, porque as administracións públicas está claro que non podemos chegar a cubrir toda a demanda que se xera da poboación”.

Tamén lembrou Miguel Santalices que a Cáritas se lle entregou a medalla do Parlamento:

“Eu un ano levei a Cáritas e por suposto a mesa na que está a representación política de todos os grupos, naquel momento eran máis grupos, non hubo unha dúbida, nin unha, aprobouse por unanimidade da mesa do Parlamento. Cando se entregou esa medalla, eu recordo que dixera que por riba de todo importan as persoas e as súas dificultades. E como exemplo último deste compromiso, que anima esta organización caritativa da Igrexa, a Igrexa está tamén firmemente comprometida neste ámbito”.

Alí onde nos necesitas…

O lema para o Día de Caridade deste ano 2024 é: ALÍ ONDE NOS NECESITAS ABRIMOS CAMIÑOS DE ESPERANZA. Como calquera lema tamén este ten debaixo unha cultura que pretendo poñer de manifesto neste breve artigo.

A primeira parte do lema, a que vai no título, implica e esixe a SOLIDARIEDADE como unha opción de vida. A solidariedade cos necesitados esixe estar onde están os que sofren, son explotados e oprimidos; por tanto, temos que achegarnos á súa vida para compartila, achegarnos aos que padecen para padecer con, compadecer e vivir unha compaixón real. Ao contrario, cando pensamos en esquemas de poder, o que sucede é que nos apartamos dos empobrecidos como lles acontece aos presidentes de goberno que sofren o chamado “síndrome da Moncloa” illados do pobo. Esta situación de apartarse dos pobres exprésaa ben a sabedoría popular con “hai que ver como cambiou Pepiño desde que lle deron un carguiño!.

A segunda parte do lema, abrimos camiños de esperanza, tamén esixe a opción vital de facer un traballo conxunto cos pobres, no que eles sexan os protagonistas. A cuestión non é que os listos abran camiños para eles, senón que se recoñeza e promova o seu protagonismo na súa propia liberación e promoción. Así o dicía con gran claridade S. Xoán XXIII na encíclica Mater et Magistra nº 144: “Estamos convencidos, con todo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados, é dicir, os propios agricultores”.

No preámbulo aos estatutos da 1ª Internacional afírmase o protagonismo dos obreiros: “A emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos”. Non buscaban privilexios senón os mesmos dereitos e deber para todos e conclúe: “Non máis deberes sen dereitos, non máis dereitos sen deberes”. O protagonismo na propia emancipación vai asociado a asumir a responsabilidade das propias decisións coas súas consecuencias.

O protagonismo da persoa na súa liberación, como ser social que é, non pode ser unha opción polo individualismo senón un camiño compartido, como o lema de Cáritas expresa coa 1ª persoa do plural e que, por outra banda, Paulo Freire na súa obra, Pedagoxía do oprimido, subliña con claridade: “Ninguén libera a ninguén, nin ninguén se libera só. As persoas libéranse en comuñón”. A importancia do diálogo neste camiño faise imprescindible, se queremos crecer como persoas. É máis, cando compartimos experiencias e coñecementos non os perdemos, senón que ao final temos máis experiencia e coñecemento.

No maxisterio da Igrexa o principio da SUBSIDIARIDADE implica o protagonismo das persoas na súa liberación, pois o que pode resolver e solucionar a persoa ou un grupo pequeno non debe resolvelo unha instancia superior. Tamén o papa Francisco na encíclica Fratelli tutti (2020) no nº 169 critica as visións economicistas pechadas que non teñen en conta aos movementos sociais que aglutinan a desocupados, traballadores precarios e informais co que se perde toda a súa enerxía para a construción do destino común. Así o Papa pide incorporar o seu protagonismo, porque “con eles será posible un desenvolvemento humano integral, que implica superar esa idea das políticas sociais concibidas como unha política CARA AOS pobres pero nunca COS pobres, nunca DOS pobres e moito menos incluída nun proxecto que reunifique aos pobos”. Así que nin o paternalismo nin o despotismo ilustrado teñen cabida nesta visión para os traballos de promoción dos pobres.

Querendo respectar en Cáritas, como tamén se tenta noutras organizacións, o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación, empregamos asiduamente a expresión ACOMPAÑANDO PROCESOS, polos que as persoas que acompañamos desenvolven a súa capacidade de protagonizar a súa vida. Non se pode elaborar e decidir o seu camiño no canto de que o fagan eles, porque eles son os suxeitos da súa vida. Isto non quere dicir que todos fagamos o acompañamento sempre ben. Así que, cando non se actúe de forma axeitada, será benvida a corrección fraterna dos demais.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Carreira solidaria en apoio ao Centro San Vicente de Paúl

O Centro Residencial San Vicente de Paul, para persoas dependentes con discapacidade intelectual, AFADI (Asociación de familiares e amigos de persoas con discapacidade intelectual) e o deportista Óscar Domínguez Rodríguez, con ampla experiencia en eventos solidarios, organizan unha carreira solidaria de 50 horas, ao longo da Muralla romana de Lugo. O acto comeza o 24 de maio ás 9:00 horas e remata o 26 de maio ás 11:00 horas e desenvólvese baixo o lema “Enchendo de vida cada paso”

Trátase de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e, na medida do posible, recuperalas e promovelas co fin de brindarlles apoio para mellorar a súa autonomía e facilitar a súa inclusión social e laboral. E o obxectivo do evento tamén é visibilizar esta realidade na cidade de Lugo.

Co recadado cubriranse as seguintes necesidades:

  • Material para favorecer a estimulación (1.451€)
  • Mobiliario especializado (4535€)
  • Equipamento sala Snoezelen (2.080€)
  • Programa de lecer: actividades deportivas, estivais e de inclusión social. (3.450€)

A historia repítese

O pobo xudeu foi sempre moi rico en relixiosidade, pero devandita relixiosidade habitualmente viuse condicionada pola idiosincrasia dos distintos sectores sociais do pobo. En tempos de Xesucristo os sectores xudeus fundamentais eran tres:

– Os letrados ou doutores, coñecedores da lei, que a interpretaban segundo a tradición dos maiores e que influian grandemente nos costumes do seu tempo.

– Os xudeus hipócritas que coidaban moito o cumprimento aparente das tradicións xudaicas, sen importarlles o espírito da súa conduta.

– E o grupo dos seguidores de Xesús, gran mestre de Galilea, segundo o cal, o que salva non é a letra da lei, senón o espírito que se pon no cumprimento da vontade do Pai.

Pasado o tempo, e conforme as leis biolóxicas da natureza humana, aquela mentalidade do pobo cambiou; pero a lei de Xesucristo mantívose inmutable. Con amor inmenso, Deus creounos e díxonos “crecede e multiplicádevos e enchede a terra” extensiva e intensivamente. É dicir, multiplicádevos en número, até encher a terra e crecede cualitativamente para que poidades exercer responsablemente o voso señorío sobre a creación.

Segundo o plan de Deus, o home é o señor do mundo e ten o labor de perfeccionalo.

O mundo que Deus creou, é bo, pero é perfeccionable, e ao home confíreselle este labor. A nosa misión é deixar tras nós un mundo mellor; uns costumes máis cristiáns; unha sociedade máis xusta; unhas familias máis unidas; unha Igrexa máis santa… Precioso labor o noso; pero non libre de dificultades. Para poder levalo a cabo, o primeiro que se nos pide é capacitarnos para melloralo. Aquí non vale “o querer é poder”. Xesús advírtenolo no Evanxeo deste tempo de Pascua: “un cego non pode guiar a outro cego”. Por moi boa vontade, antes terá que curar a súa cegueira; ou cego e guía correrán o perigo de precipitarse polo barranco.

Nós abundamos en críticas aos demais, dicindo que son avaros, egoístas, soberbios, malos veciños… Poida que sexa verdade. Pero como son eu? Canto hai meu do que critico nos demais!. Vemos o argueiro no ollo alleo e non vemos no noso o fungueiro. No canto de criticar aos demais deberiamos empezar pola autocrítica, para que non nos apliquen o refrán “médico, cúrate a ti mesmo”. Como pode un pai inculcar aos seus fillos que sexan ben educados se el é un blasfemo?, como pode un matrimonio pretender que a súa familia cumpra co precepto dominical se os membros do fogar nunca pisan a parroquia?, como pode un párroco inculcar aos seus fregueses o espírito de desprendemento en favor dos necesitados do pobo se el é un avaro?

As palabras moven, pero o exemplo arrastra. Os cristiáns debemos ser como os grans de trigo cuxa vocación de trigo multiplica o froito do cento por un. Aínda por riba o Evanxeo dinos: “A semente que usedes co veciño, usarana convosco”. O que repartimos en favor do necesitado, estamos a sementalo en fértil terra, cuxo froito vai multiplicarse aquí e na eternidade. Na realización da colleita interveñen dúas mans, a recreadora de Deus, que achega a materia prima, e a man do home que pon a semente na terra. Agradezamos ao Señor o pan de cada día, e pidámoslle que non falte en ningunha mesa o pan para todos, nin o agradecemento noso para o Señor que nolo dá todo tan xenerosamente.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: