Recoñecemento a Jorge López Rodríguez pola súa entrega ao Camiño de Santiago

Este pasado verán rendeuse en Sarria unha homenaxe a Jorge López Rodríguez, quen durante anos encabezou a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria e faleceu no 2024. Entre as persoas que interviñeron na devandita homenaxe estaba o presidente da Asociación de Escritores e Periodistas do Camiño de Santiago, Xosé María García Palmeiro, de quen se recollen aquí as súas palabras:

O Camiño vai ao seu ritmo, rebasando os 1200 anos. Como se explica esta longa duración? Pois explícase polos pasos dos peregrinos e das peregrinas, polas accións exemplares de hospitalidade, de solidariedade, polas iniciativas que concita, pola forza dinamizadora da cultura da comunicación, tamén da fe desde logo. Pero explícase sobre todo pola dedicación, polo compromiso, polo traballo exemplar e desprendido de xente como Jorge, como Elias Valiña. Para rematar, un verso de Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil”. Sabíao Jorge, e practicouno. Glorioso Jorge.

Xosé María García Palmeiro

O misioneiro non só leva a esperanza, senón que tamén recibe a esperanza

“Tivemos os oficios de Venres Santo, e avísanme dunha señora que está enferma. Cando pregunto se está lonxe dinme que non, está preto. Dúas horas andando até alá. A casa dela tiña uns 10 m2 Había un camastro, unha bolsa que era o seu armario onde tiña un pano e outras cousas para cambiarse. E ao fondo tiña unha galiña que estaba incubando. Non tiña máis. Cando terminei, deille a comuñón, ponse a chorar, vai onde a galiña, saca dous ovos e dime:

– Padre, deume unha alegría tan grande traéndome a Cristo. Cómase estes ovos cando regrese vostede.

– Non, cómeos ti por Deus, eu estou contento co ofrecemento, dígolle.

– Non, padre, non mos rexeite, é o único que teño para darlle.

“Ao final tíven que marchar cos dous ovos. Dúas horas de volta nas que ía chorando. Pensaba: Señor, trouxéchesme aquí ao centro da selva, para mostrarme a viúva do templo.

“Porque o misioneiro non soamente leva a esperanza, senón que recibe a esperanza”.

Juan Antonio Fraile, misioneiro Comboniano na República Democrática do Congo, que participou

nun acto celebrado o 15 de outubro no salón de actos do Seminario de Lugo para conmemorar o Domund

Xornada Mundial polo Traballo Decente 2025

Lugo sumouse á Xornada Mundial polo Traballo Decente, que sempre se celebra a primeiros de outubro, e que nesta ocasión fíxose mediante unha vixilia de oración na parroquia do Sagrado Corazón. Tras un tempo de oración, lecturas bíblicas, cantos e reflexión, o presidente da Xunta de Confrarías de Semana Santa da cidade de Lugo, Ramón Basanta, leu o manifesto do ano 2025. Finalmente houbo un acto simbólico de compromiso co traballo decente estampando a silueta da man de cada persoa nun cartel co lema da Xornada, que era traballo decente: dereito, non privilexio.

Este ano ponse o foco nunha das situacións máis graves: a das persoas migrantes. cuxo traballo segue marcado pola precariedade e o escaso recoñecemento social.

Presos, funcionarios e voluntarios fixeron o Camiño de Santiago

No Monte do Gozo

O 4 de outubro culminou a IV edición do Camiño de Santiago organizado pola Pastoral Penal e na que participaron 289 peregrinos procedentes de 17 cárceres de España. Ademais de 140 presos, peregrinaron funcionarios, voluntarios de Pastoral Penal, capeláns e delegados, que fixeron os camiños Sanabrés, Portugués, Francés, Primitivo. Esta última ruta fíxose desde as prisións de Villabona e Bonxe.

[Testemuños de presos]    [Testimonios de presos]     [Imaxes]

Reclusos de varias prisións españolas fan o Camiño de Santiago

Presos de Bonxe inician unha etapa en Lugo

Xunto cos reclusos tamén peregrinan capeláns, voluntarios e funcionarios de prisións. Desde hai varios anos esta peregrinaión intercentros promóvea a pastoral penal da Conferencia Episcopal Española. Cada prisión elixiu o seu propio roteiro xacobeo chegando a desembocar todos xuntos en Compostela.

No caso do cárcere de Bonxe, oito presos, cinco funcionarios e un voluntario emprenderon o 1 de outubro o Camiño Primitivo.

[Testemuños de presos – ano 2024]

[Testimonios de presos – año 2024]

A %d blogueros les gusta esto: