Recoñecemento a Jorge López Rodríguez pola súa entrega ao Camiño de Santiago

Este pasado verán rendeuse en Sarria unha homenaxe a Jorge López Rodríguez, quen durante anos encabezou a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria e faleceu no 2024. Entre as persoas que interviñeron na devandita homenaxe estaba o presidente da Asociación de Escritores e Periodistas do Camiño de Santiago, Xosé María García Palmeiro, de quen se recollen aquí as súas palabras:

O Camiño vai ao seu ritmo, rebasando os 1200 anos. Como se explica esta longa duración? Pois explícase polos pasos dos peregrinos e das peregrinas, polas accións exemplares de hospitalidade, de solidariedade, polas iniciativas que concita, pola forza dinamizadora da cultura da comunicación, tamén da fe desde logo. Pero explícase sobre todo pola dedicación, polo compromiso, polo traballo exemplar e desprendido de xente como Jorge, como Elias Valiña. Para rematar, un verso de Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil”. Sabíao Jorge, e practicouno. Glorioso Jorge.

Xosé María García Palmeiro

Presos, funcionarios e voluntarios fixeron o Camiño de Santiago

No Monte do Gozo

O 4 de outubro culminou a IV edición do Camiño de Santiago organizado pola Pastoral Penal e na que participaron 289 peregrinos procedentes de 17 cárceres de España. Ademais de 140 presos, peregrinaron funcionarios, voluntarios de Pastoral Penal, capeláns e delegados, que fixeron os camiños Sanabrés, Portugués, Francés, Primitivo. Esta última ruta fíxose desde as prisións de Villabona e Bonxe.

[Testemuños de presos]    [Testimonios de presos]     [Imaxes]

Reclusos de varias prisións españolas fan o Camiño de Santiago

Presos de Bonxe inician unha etapa en Lugo

Xunto cos reclusos tamén peregrinan capeláns, voluntarios e funcionarios de prisións. Desde hai varios anos esta peregrinaión intercentros promóvea a pastoral penal da Conferencia Episcopal Española. Cada prisión elixiu o seu propio roteiro xacobeo chegando a desembocar todos xuntos en Compostela.

No caso do cárcere de Bonxe, oito presos, cinco funcionarios e un voluntario emprenderon o 1 de outubro o Camiño Primitivo.

[Testemuños de presos – ano 2024]

[Testimonios de presos – año 2024]

O Camiño de Santiago como proxecto de unidade e desenvolvemento humano integral

A segunda sesión do Seminario de Ecoloxía Integral 2025 que organiza o Departamento de Ecoloxía Integral da Conferencia Episcopal Española celebrouse o 29 de setembro.

Da intervención de Victoria Martín da Torre, doutora en Ciencias Sociais e Estudos Europeos, resáltase aquí o seguinte:

O Camiño é unha metáfora da vida, na que tamén imos cara a un destino, compartindo o presente, e é moi importante a compañía que imos atopando ao longo do noso camiñar. Tamén podemos ver como o Camiño segue sendo hoxe unha ferramenta viva na construción da identidade cultural europea. E isto foi así desde a Idade Media, porque foi moito máis que un roteiro de peregrinación. Foi un dos primeiros itinerarios culturais e espirituais de Europa, que unía puntos tan afastados como Alemaña ou Polonia coa tumba do Apóstolo en Compostela.

E do exposto polo director académico da Fundación Pablo VI, José Ramón Amor Pan, recóllese estoutra idea:

Contemplación, compaixón e coidado son tres elementos que deben estar presentes en calquera espiritualidade que queira ser auténtica e que realmente estea ao servizo do desenvolvemento pleno do ser humano. Pois ben, contemplación, compaixón e coidado tamén son tres elementos que. se a peregrinación polas rutas xacobeas é auténtica, teñen que estar no interior de quen está facendo o Camiño de Santiago.

Primeiros peregrinos: San Evermaro de Frisia

San Evermaro naceu en Frisia e foi peregrino a Santiago de Compostela:Percorreu o camiño que por Galicia se dirixe a Santiago, cuxa igrexa visitou. Unha vez que presentou ao Apóstolo as súas peticións, encamiñouse á Galia inferior” Acta Sanctorum.

Podería ter vivido durante o reinado de Pipino o Mozo; é dicir, no século VIII, pero isto suporía ir a Galicia antes de que se difundise a noticia do achado do sepulcro do Apóstolo; por tanto, non se podería considerar como unha peregrinación en sentido estrito. Tamén podería ser que vivise durante o reinado doutros membros da dinastía dos Pipinos, como Pipino o eivado, xa no século IX.

A súa Vida probablemente foi escrita entre a segunda metade do século XII e a primeira do XIII, e logo foi reelaborada polo cisterciense de Lieja, Exidio de Orval, sempre no século XIII.

Mentres san Evermaro se encamiñaba cara a Maastricht, en busca do sepulcro de san Servasio. foi asaltado en Russon na rexión de Tongres, en Bélxica e asasinado xunto con sete compañeiros, por Hacco un xefe dos foraxidos que na ruta da peregrinación expoliaban aos peregrinos que atravesaban aquel lugar.

O culto a san Evermaro iniciouse no século X. Actualmente é patrón do arcedianato de Xanten, onde é festexado o día 1 maio. Noutras localidades é lembrado o 15 de xuño.

A %d blogueros les gusta esto: