De Deus temos un primeiro coñecemento que move a poñerse en marcha para conseguir que a divindade se nos revele de xeito máis claro. Pode dicirse que o Camiño de Santiago, entendido como marcha cara ao Ideal, vén de Deus e conduce a Deus. O peregrino sabe que a camiñada é unha realidade interior que tende a Deus. O noso ideal é toparnos con Deus.
O Camiño de Santiago invita a recoñecer a un Deus máis grande cás nosas ideas e imaxinacións. É un Deus que transmite confianza. Un Deus sobre o que ensinou de palabra e obra o apóstolo Santiago.
A peregrinación estimula un culto a Deus bastante completo (ver, oír, cantar, escoitar, tocar, convivir…).
A experiencia do misterio de Deus durante a peregrinación sucede no interior da persoa, e entra de cheo no campo da fe. Hai persoas que notan que os chama unha forza superior a eles mesmos; que durante a peregrinación vaille falando con maior ou menor claridade; e que, de regreso a casa, dá un novo sentido á súa vida. A peregrinación está ligada ao sentido da conversión. Quen procura o santuario compostelán camiña en dirección á vida nova que Deus lle ofrece.