Homenaxe a Jorge López Rodríguez

A Asociación de Amigos Peregrinos do Camiño de Santiago en Lalín impulsou unha homenaxe a Jorge López Rodríguez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria ata o seu falecemento no ano 2024. Trala realización dun pequeno tramo do Camiño Francés, que estivo amenizado polos gaiteiros de Goián, foron sucedéndose no salón de plenos do Concello unha serie de intervencións en lembranza de Jorge López. Quen non puideron intervir presencialmente, enviaron comunicados. Así, deuse a coñecer o escrito do Círculo Chileno de Amigos do Camiño de Santiago de Compostela:

Os que tivemos o privilexio de compartir con Jorge sabemos que era un home de condicións firmes, tamén de espírito aberto e amable. En cada encontro deixou a súa pegada, en cada xesto sementou amizade. Hoxe lembrámolo con afecto profundo, con gratitude sincera e coa certeza de que o seu nome permanecerá unido ao Camiño e a quen o percorre con fe, humildade e alegría.

O seu legado está vivo nas nosas accións, nas nosas palabras, nas nosas oracións e en cada paso que damos. Desde Chile enviamos á súa familia e aos amigos de Sarria o noso abrazo peregrino e a nosa oración en memoria dun gran servidor peregrino, amigo, cuxa vida, sen dúbida, foi un verdadeiro camiño.

Pola súa parte, Raquel Martín, da Asociación de Amigos do Camiño de Ávila, enviou a seguinte comunicación:

Jorge, acolliches con gran agarimo a todos os que pasamos por Sarria, fixeches que a asociación que representabas se irmanase con outras asociacións amigas. Na retina da nosa asociación queda aquel día de 2018 en que chegamos a Sarria co bordón e irmanámonos convosco. A túa tarefa non só foi organizativa, foi humana, espiritual, profundamente galega e universal á vez. Soubeches ver en cada paso unha historia, en cada bastón unha vontade e en cada chegada unha nova promesa. Hoxe o Camiño chora a túa ausencia, pero tamén o celebra, porque ti, como os grandes de verdade, non te fuches. Segues en cada mouteira, en cada credencial selada con afecto, en cada conversación á tardiña nunha praza de Sarria. Descansa, Jorge, baixo a bendición das estrelas do norte. Seguro que o Apóstolo te recibiu cos brazos abertos, como ti recibiches a tantos peregrinos. Que a senda eterna sexa tan xenerosa contigo, como ti o fuches con todos nós.

 As intervencións presenciais foron da viúva de Jorge, Elvira Vila; de representantes de institucións (o alcalde sarriao Claudio Garrido; a presidenta da Mancomunidade do Camiño, Olga Iglesias; e o director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa), de federacións (o vicepresidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño, Xacobe Pérez; o presidente da Agrupación das Asociacións dos Camiños do Norte, Valeriano Teja Oruña; o presidente de Camiño Francés Federación, Miguel Pérez Cabezas; e o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Juan Guerrero Gil) e de asociacións xacobeas (Daniel Antelo, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Lalín-Deza; Xosé María García Palmeiro, da Asociación de Escritores e Periodistas do Camiño de Santiago; Hirofumi Matsuoka, da Asociación de Amigos de Shikoku Henro; Manuel Rossi, da Asociación de Uclés), o presidente da Cruz Vermella de Sarria, Jaime Capellá e o periodista Manuel Rodríguez.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: