O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, pregoeiro do Día da Caridade

 

Manuel Bretón, entre o presidente de Cáritas Lugo, Ginés Plaza e o Delegado Antón Negro

O mércores 14 de xuño no Círculo das Artes de Lugo o Presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, deu o pregón da Caridade. Titulouse “Llamados a ser comunidad”.

Manifestou o seu “compromiso de que non imos parar, seguiremos coa nosa tarefa cotiá, paso a paso, asumindo o papel que lle correspondeu a cada un e intentando chegar a todo aquel que máis o necesite”.

Referíndose aos voluntarios e traballadores de Cáritas, dixo que se “conta cun fantástico, impresionante capital humano con inmensas doses de ilusión, experiencia de traballo en equipo, iniciativa, solidariedade e por suposto profesionalidade”.

O Presidente de Cáritas transmitiu “a esperanza en que xuntos poidamos construír un mundo mellor. A esta esperanza debemos apegarnos todos levando a xenerosidade por bandeira para intentar conseguir sempre un mundo no que prevalezan os dereitos e a dignidade dos seres humanos por riba de calquera outro interese, por moi nobre que sexa. Ante a necesidade, a dor e o sufrimento dos demais a nosa actitude será sempre esperanza, amor e solidariedade”.

Na actualidade, Manuel Bretón continúa ligado ao mundo da seguridade e a defensa como membro de EuroDefense-España e dirixe a Fundación FOESSA (Fomento de estudos Sociais e de Socioloxía Aplicada).

Cáritas presenta os actos con motivo do Día da Caridade

Nunha roda de prensa convocada por Cáritas Lugo na súa sede da avenida das Américas o 7 de xuño, deuse a coñecer o programa de actos con motivo do Día da Caridade 2017:

MÉRCORES 14 DE XUÑO

Ás 20:00, PREGÓN DA CARIDADE no Salón Rexio do Círculo das Artes. Conferencia titulada “Llamados a ser comunidad” a cargo do Presidente de Cáritas Española D. Manuel Bretón Romero.

 

XOVES 15 DE XUÑO

Dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Entre elas estarán, como o ano pasado, alumnos e profesores do Colexio San Xosé. E este ano súmanse xogadores do C. Baloncesto Breogán.

Ás 18:00 no salón de actos do Seminario: acto da campaña educativa no que se entregarán agasallos aos nenos participantes en actividades organizadas polo Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo. A continuación, actividade de ocio

 

DOMINGO 18 DE XUÑO

Dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Este día hai colectas nas misas de toda Diocese.

 

Tamén se adiantou parte da Memoria que proximamente presentará Cáritas Lugo, concretamente as cifras relativas a persoas atendidas, en comparación con anos precedentes.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 30 de maio ás 18:30h na Aula Magna do Seminario Diocesano preséntase o último número da revista Lvcensia.

Durante a presentación intervirán o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e D. Ricardo Polín, investigador que falará do Hospital de San Gabriel en Vilabade (Castroverde).

Lvcensia súmase ás homenaxes tributadas a dúas entidades identificativas da cidade: C. B. Breogán e La Voz de Galicia, e lembra os descubrimentos de José Mª Penado en Santa Eulalia de Bóveda, hai 100 anos.

Nicandro Ares escribe sobre o hidrotopónimo Fondemera, o apelido toponímico Lestegás e o microtopónimo Penalumbre. Outro topónimo obxecto de estudo é o da Mosquera por parte do historiador Abel Vilela.

Sobre as tríades nas lendas da comarca do Deza escribe García Porral. E continúa a segunda parte do artigo de López Caldeiro sobre a vida cotiá en Vilartelín durante o Antigo Réxime. Tamén neste número ten continuación o tema dos conventos dominicos da Diocese de Lugo, que agora se centra no convento da Nosa Señora de Pantón e o convento de San Jacinto de Monforte de Lemos, un traballo de Prudencio Leza Tello e Pérez Formoso.

Outro tema tamén interesante é o da onomástica do bautismo no arciprestado de Bolaño estudado por Tamara González López.

Neste número David Varela reflexiona sobre as Xornadas de Teoloxía, que este ano invitaron a profundar na relación entre o cristianismo e o islam.

Lvcensia lembra o labor da lucense Teresa Losada f.m.m., coñecida como a monxa dos inmigrantes.

Gonzalo Fraga recorda neste número o valioso traballo dos segrares ao servizo da Catedral de Lugo. E José Molejón fálanos da capela musical.

Pechan a revista poemas do sacerdote Enrique Saavedra Lastra dedicadas ao Corpus lucense.

Concerto solidario organizado por Mans Unidas

O domingo 14 de maio ás 20h no Círculo das Artes de Lugo terá lugar o Concerto solidario que xa vén sendo tradicional nos últimos anos. Da Escola Municipal de Música de Lugo, actuarán:

  • o Grupo de pandeiretas (dirixe Mercedes Autram),
  • o Coro Moderno (dirixe: Noelia González) e
  • a Big Band (dirixe: Adrián Lage).

Tamén intervirá o Orfeón Lucense (dirixe: Marcos Fernández Mosquera).

As entradas (5 euros) poden recollerse anticipadamente na sede da Delegación (r/ Cruz, 1 B de 11 a 13h) ou no mercado solidario da rúa San Pedro, que amplía o seu prazo de apertura: agora estará aberto ata o día 19 de maio. 

Exposición intercultural “Raíces” no Colexio salesiano “Divina Pastora”

O Colexio Salesiano “Divina Pastora” de Lugo acolle no salón de actos unha exposición intercultural aberta ao público desde o 8 ata o 12 de maio en horario de 17.30 a 19.00 horas.

A Exposición chámase RAÍCES e conta con numerosas pezas que recollen elementos do labor de centos de persoas que desde fai máis de 135 anos desvívense para que ningunha persoa no mundo, sen importar raza, sexo ou relixión, sufra as desigualdades sociais.

O visitante da exposición pode achegarse aos cinco continentes en que existe presenza da ONG “Jóvenes y Desarrollo” e as Misións Salesianas a través de obxectos significativos de cada un deles. O visitante sairá máis convencido de que co esforzo de cada un de nós outro mundo é posible.

Na mostra hai utensilios do día a día doutras culturas, pezas de artesanía realizadas nas Misións, unha cabeza humana reducida pola tribo shuar, instrumentos musicais de diferentes continentes ou máscaras das tribos máis recónditas do planeta.

A %d blogueros les gusta esto: