O 20 de setembro O Vello Cárcere acolleu a presentación da novela de Francisco J. Ruiz Aldereguía titulada Quid et quomodo, acto organizado por Valín Libros.
“A Francisco Blanco -di Francisco J. Ruiz- aínda non o descubrín como santo, descubrino como personaxe literario, que é o que me serve para guía de contar a súa vida. Cando estudaba cos xesuítas, estes fíxanse en que é un mozo listo, prepárano no colexio de Monterrei. Como é o número 1 da clase mándano a Salamanca que desenvolva os seus estudos. Naquel momento os xesuítas eran a elite dos misioneiros, da Igrexa, unha orde que só tiña uns 50 anos de antigüidade, potente, con moitos recursos, co apoio da nobreza e os reis. Por que Francisco Blanco cambia aos fratelli, aos irmáns menores de San Francisco de Asís? Por iso o título do libro. Quid et quomodo: que e de que modo evanxelizar. Porque houbo dúas posicións. Os xesuítas, coa súa boa preparación, lanzáronse a catequizar ás clases altas, aos nobres xaponeses, que eran moi ricos, mentres que o pobo vivía na miseria. Cando se lles prohibe evanxelizar, nese momento aparecen os franciscanos, que comproban que non houbo unha verdadeira evanxelización.
“Xapón sofre un gran terremoto e os bonzos empezan a dicir que os estranxeiros son os que trouxeron o sismo. Pouco despois chega un galeón. E comeza a persecución.
“Intrigábame o motivo polo que San Francisco Blanco, estudando cos xesuítas, de súpeto, sen dar ningunha explicación, cámbiase aos franciscanos. Esa é a tese do libro. O asunto é a vida de San Francisco Blanco, que marcha a Filipinas, mándano destinado a Xapón e crucifícano aos seis meses de chegar”.
Para documentarse Francisco J. Ruiz Aldereguía recorreu a Micronesian Area Research Center, que na Universidade de Guam reúne material de moitos arquivos de España e Italia sobre ordes relixiosas. “Leo un documento de Francisco Branco, e vexo que era de Tameirón, próximo onde vivo eu, pasada a montaña. E iso permitiume recuperar parte da nosa historia porque un século de estancia de portugueses e españois en Xapón, é moito tempo”.