Este pasado verán rendeuse en Sarria unha homenaxe a Jorge López Rodríguez, quen durante anos encabezou a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria e faleceu no 2024. Entre as persoas que interviñeron na devandita homenaxe estaba o presidente da Asociación de Escritores e Periodistas do Camiño de Santiago, Xosé María García Palmeiro, de quen se recollen aquí as súas palabras:
O Camiño vai ao seu ritmo, rebasando os 1200 anos. Como se explica esta longa duración? Pois explícase polos pasos dos peregrinos e das peregrinas, polas accións exemplares de hospitalidade, de solidariedade, polas iniciativas que concita, pola forza dinamizadora da cultura da comunicación, tamén da fe desde logo. Pero explícase sobre todo pola dedicación, polo compromiso, polo traballo exemplar e desprendido de xente como Jorge, como Elias Valiña. Para rematar, un verso de Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil”. Sabíao Jorge, e practicouno. Glorioso Jorge.
