Exposición Gallaecia Regnum con motivo do 350 aniversario da Ofrenda ao Santísimo

A exposición Gallaecia Regnum poderá verse ata despois do verán na Capela de San Froilán da Catedral de Lugo a partir do venres 28 de xuño. É unha viaxe a través dos tres séculos e medio de historia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento utilizando por iso unha coidada selección de pezas de máximo nivel histórico e artístico, sendo varias delas mostradas en público por primeira vez.

Entre a selección de pezas de ourivaría está a Custodia que Diego Castejón e Fonseca regalou en 1636 e que foi a utilizada na primeira cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo; tamén dous cálices esmoleiros da segunda metade do século XVIII, así como pezas de ourivaría doutras zonas da Diocese de Lugo, como unha cruz procesional de prata do século XVII de San Pedro de Sindrán (Monforte de Lemos) ou un acetre de prata do Santuario do Corpiño.

A exposición inclúe tamén un importante conxunto de documentos de arquivo, todos eles do Arquivo da Catedral de Lugo, incluíndo actas capitulares do século XVII ou os libros das Confrarías do Santísimo Sacramento dos séculos XVII, XVIII e XIX. Tamén se exporá unha Real Cédula do século XVIII cun donativo para o Santísimo Sacramento exposto na Catedral de Lugo.

Entre a selección de pezas hai tamén téxtiles, como a capa pluvial do Arcebispo de Santiago Bartolomé de Rajoy, presente na inauguración, hai 250 anos, do Tabernáculo de mármore da Capela Maior.

A exposición tamén contará unha selección de textos históricos e un vídeo que lembra o acontecido no 300 aniversario da Ofrenda, no ano 1969.

Exposición de fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso”

O 17 de xuño, trala entrega de premios aos gañadores do IV Concurso de fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso de Lugo” (ás 12:30h) inaugúrase unha exposición fotográfica cunha selección do presentado ao certame. Ata o 12 de xullo poderá visitarse a devandita mostra na entrada do Seminario Diocesano de Lugo, con horario de 8:30h a 14h e de 15:30h a 20h.

Tanto o concurso como a exposición axudan a recoñecer a riqueza patrimonial. a devoción eucarística e unha nova forma de achegarse a todo isto a través da obra e visión dos artistas.

A imaxe superior corresponde á foto de Francisco Javier Arzumendi, gañadora na sección “Patrimonio relixioso” e a foto inferior á foto de Ana Criado, gañadora no apartado “Eucaristía en Lugo”.

Máis información dos premiados

Exposición intercultural “Raíces” no Colexio salesiano “Divina Pastora”

O Colexio Salesiano “Divina Pastora” de Lugo acolle no salón de actos unha exposición intercultural aberta ao público desde o 8 ata o 12 de maio en horario de 17.30 a 19.00 horas.

A Exposición chámase RAÍCES e conta con numerosas pezas que recollen elementos do labor de centos de persoas que desde fai máis de 135 anos desvívense para que ningunha persoa no mundo, sen importar raza, sexo ou relixión, sufra as desigualdades sociais.

O visitante da exposición pode achegarse aos cinco continentes en que existe presenza da ONG “Jóvenes y Desarrollo” e as Misións Salesianas a través de obxectos significativos de cada un deles. O visitante sairá máis convencido de que co esforzo de cada un de nós outro mundo é posible.

Na mostra hai utensilios do día a día doutras culturas, pezas de artesanía realizadas nas Misións, unha cabeza humana reducida pola tribo shuar, instrumentos musicais de diferentes continentes ou máscaras das tribos máis recónditas do planeta.

Exposición sobre Cervantes no Seminario

Expo Cervantes autógrafos

A Biblioteca do Seminario exhibe durante o mes de maio unha exposición con motivo do IV Centenario da morte de Cervantes. Consta de catro partes:

  • Unha sección céntrase en diversas biografías ademais dunha edición facsímil que reúne por primeira vez os doce documentos escritos da súa propia man (na imaxe superior, dous deses autógrafos);
  • outra está dedicada á relación que estableceu Galicia con Cervantes a través dos seus escritores autóctonos;
  • unha terceira parte está integrada polos diversos estudos, ensaios e a pegada que deixou Cervantes na nosa cultura;
  • e, para rematar, diversas edicións de El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha, publicadas este ano para conmemorar o IV Centenario da súa morte.
A %d blogueros les gusta esto: