Presentación do número 59 da revista Lvcensia

Na aula magna do Seminario o venres 29 de novembro ás 18:30 h preséntase o número 59 da revista Lvcensia. Miscelánea de cultura e investigación, que edita a Biblioteca do Seminario Diocesano.

O acto estará presidido polo sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco e o director da publicación, D. Gonzalo Fraga. Mª José López Caldeiro falará de Santa María de Penamaior e o seu papel nunha variante do Camiño de Santiago.

A celebración dos trescentos cincuenta anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento permanentemente exposto na catedral de Lugo foi motivo de reunión de varios conferenciantes para falar deste evento. Lvcensia faise eco deste acontecemento cun artigo do Bispo diocesano alusivo aos conceptos tratados nestas conferencias.

Adolfo de Abel Vilela presenta un artigo sobre o mestre de obras Fulgencio Durán, centrándose no edificio do Pazo das Pombas. Pablo Ferrín explica os diversos usos dos chantos, acompañando o seu estudo con fotografías da parroquia de Bocamaos. Aurelia Balseiro homenaxea a un dos mecenas máis importantes do Museo, Antonio Fernández López. Miguel García-Fernández e Luis Manuel Ibáñez expoñen no apartado de “Texto” a documentación respecto ao burgo do Piñeiro, orixe da actual cidade do Cabe.

Outros artigos de interese versan sobre a Real Cédula do ano 1754 en favor do Cabido da Santa Igrexa de Lugo, documento que se conserva no Museo Provincial, sobre o órgano da catedral obra do franciscano Manuel Fernández Fernández e sobre as conclusións ás que chega Santos Ferro para a hipotética reconstrución do Priorado Santiaguista de Vilar de Donas.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 14 de novembro presentábase no Seminario o número 55 da revista que publica a Biblioteca da devandita institución. Hai 3 traballos relacionados con Meira: un sobre o priorato de Moreira, que dependeu do mosteiro de Meira (por Ana Suárez); a transcrición que Óscar González Murado fai do libro primeiro de bautizados, defuncións e casamentos de Meira e outro estudo sobre as pinturas murais da sala de reliquias de Santa María de Meira, a cargo de Yoani Jartín. Foi precisamente Yoani quen presentou ao público asistente os personaxes que aparecen, a peculiaridade das pinturas, e o recente traballo de restauración das mesmas.

 Tamén hai artigos sobre figuras destacadas na historia: Ramón Mª Aller, Lucas Antonio Ferro Caaveiro, Jesús Rodríguez López.

Puxo o colofón ao acto o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, quen destacou como Lvcensia reúne a colaboradores senlleiros (entre outros, Adolfo de Abel Vilela, Aurelia Balseiro, Nicandro Ares, de quen aparece un traballo póstumo) e investigadores novos. Este abrir camiños é importante para o futuro da revista.

Presentación do número 55 da revista Lvcensia

O martes 14 de novembro ás 18:30 h. na Aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo terá lugar a presentación do número 55 da revista Lvcensia. Durante devandito acto Yoani Jartín disertará sobre as pinturas murais na sala de reliquias de Santa María de Meira, localidade cun protagonismo especial nesta ocasión, pois se inclúese un traballo relativo a un priorato en Moreira (Castroverde), dependente do mosteiro de Meira e o texto final tamén se refire aos libros parroquiais da vila de Meira.
Os artigos deste número están relacionados co adro da Catedral, a colección numismática do Museo Provincial, os 50 anos de Caixa Rural, a biblioteca do Seminario e personaxes vinculados á cidade como Lucas Antonio Ferro Caaveiro e Jesús Rodríguez López.
Outra comarca da Diocese de Lugo á que se lle dedican varios artigos é a das terras de Deza (Lalín) con “Lendas da mourindade”, por unha banda, e Ramón María Aller Ulloa, por outra.
Outros traballos que se recollen no presente número son os referentes á toponimia ou á interpretación dunha ara romana.
A revista tamén conta cunha sección con comentarios ou recensións de libros de recente publicación e con referente lucense.
A biblioteca do Seminario Diocesano segue traballando para que puntual e semestralmente os lectores de LVCENSIA poidan gozar coa lectura dos traballos que nela se ofrecen.

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 30 de maio ás 18:30h na Aula Magna do Seminario Diocesano preséntase o último número da revista Lvcensia.

Durante a presentación intervirán o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e D. Ricardo Polín, investigador que falará do Hospital de San Gabriel en Vilabade (Castroverde).

Lvcensia súmase ás homenaxes tributadas a dúas entidades identificativas da cidade: C. B. Breogán e La Voz de Galicia, e lembra os descubrimentos de José Mª Penado en Santa Eulalia de Bóveda, hai 100 anos.

Nicandro Ares escribe sobre o hidrotopónimo Fondemera, o apelido toponímico Lestegás e o microtopónimo Penalumbre. Outro topónimo obxecto de estudo é o da Mosquera por parte do historiador Abel Vilela.

Sobre as tríades nas lendas da comarca do Deza escribe García Porral. E continúa a segunda parte do artigo de López Caldeiro sobre a vida cotiá en Vilartelín durante o Antigo Réxime. Tamén neste número ten continuación o tema dos conventos dominicos da Diocese de Lugo, que agora se centra no convento da Nosa Señora de Pantón e o convento de San Jacinto de Monforte de Lemos, un traballo de Prudencio Leza Tello e Pérez Formoso.

Outro tema tamén interesante é o da onomástica do bautismo no arciprestado de Bolaño estudado por Tamara González López.

Neste número David Varela reflexiona sobre as Xornadas de Teoloxía, que este ano invitaron a profundar na relación entre o cristianismo e o islam.

Lvcensia lembra o labor da lucense Teresa Losada f.m.m., coñecida como a monxa dos inmigrantes.

Gonzalo Fraga recorda neste número o valioso traballo dos segrares ao servizo da Catedral de Lugo. E José Molejón fálanos da capela musical.

Pechan a revista poemas do sacerdote Enrique Saavedra Lastra dedicadas ao Corpus lucense.

A %d blogueros les gusta esto: