Hoxe é Mércores Santo

Misa Crismal celebrada no ano 2022

Que celebramos na nosa Diocese o día do Mércores Santo?

O noso bispo, D. Alfonso Carrasco, preside e concelebra hoxe co presbiterio diocesano a Santa Misa Crismal ás 11.00 na Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo. Pola tarde, ás 20.30 h terá lugar a procesión do Santo Cristo do Perdón e da Nosa Señora da Piedade e un Viacrucis Penitencial organizado pola citada confraría.

A celebración da Santa Misa Crismal, ten un marcado carácter sacerdotal xa que son convidados a participar nela todos os sacerdotes do presbiterio diocesano. Ese día renovan as promesas da súa ordenación, reavívase a graza recibida na consagración, bendinse os Santos Óleos dos enfermos e catecúmenos e conságrase o Santo Crisma. Os arciprestes levan as crismeiras cos santos óleos aos respectivos arciprestados diocesanos. Como curiosidade, o aceite consagrado na Catedral procedeu durante algúns anos de Quiroga, ultimamente obséquiannos co prezado líquido elemento amigos da cidade irmá da diocese de Lugo, situada na parte centro-norte da comarca da campiña xienense (Xaén).

Aos sacerdotes lémbraselles que son chamados a ser pastores humildes e sinxelos no medio das súas comunidades e pescadores convidados por Cristo á misión. Pídeselle a Deus que renove neles o espírito de Santidade con que foron unxidos.

Aos fieis convídaselles tamén a participar nesta Eucaristía e a acompañar aos sacerdotes coa presenza, o afecto e a oración para que sempre sexan pastores segundo o corazón de Deus.

Ao concluír a Santa Misa, todos os sacerdotes participan co Bispo nunha comida de fraternidade no Seminario Diocesano.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese

Celebracións na Catedral o Mércores Santo: Misa Crismal, Vía Crucis

O mércores 31 de marzo ás 11.00h na S. I. Catedral celébrase a Misa Crismal, que preside o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebran os sacerdotes da Diocese. Nesta Eucaristía, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, son bendicidos os santos óleos que despois se reparten ás parroquias da Diocese para a administración dos sacramentos ao longo do ano.

Pola tarde, ás 18.15 h na Catedral faise entrega de medallas de ouro da confraría do Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade. Será un recoñecemento a 15 persoas polo seu apoio á confraría ao longo do tempo. Asistirán o Bispo e autoridades de Lugo (alcaldesa, presidente da Deputación, subdelegada do Goberno, coronel da Garda Civil).

E ás 18.30 h, tamén na basílica lucense, celébrase un Vía Crucis. Organiza a Confraría do Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade

Misa Crismal

 O mércores 28 de marzo, ás 11 h na Catedral de Lugo, o Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidirá a Misa Crismal na que concelebran os sacerdotes da Diocese.
Nesta celebración, que manifesta a comuñón do Bispo cos seus presbíteros, bendinse os óleos que despois se reparten ás parroquias da Diocese para a administración dos sacramentos ao longo do ano: Bautismo, Confirmación, Orde Sacerdotal,  Unción de Enfermos.

A %d blogueros les gusta esto: