Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante os incendios de Galicia

“Coidar da casa común. Solidarios coas vítimas dos incendios”

Ante a traxedia dos incendios forestais, que ademais das perdas materiais, sacrificou vidas humanas e causou grandes sufrimentos a milleiros de persoas, os Bispos da Igrexa en Galicia queremos manifestar a todos os que sofren a nosa solidariedade e solicitude fraterna.
 Compartimos ante todo a dor dos que choran aos seus familiares e amigos que perderon a vida e elevamos a nosa oración a Deus para que os acolla xunto a si. Quixésemos que nestes momentos fose real en todas as nosas parroquias da Igrexa en Galicia a experiencia da unidade, do compartir esforzos, dores e angurias, a proximidade do amor fraterno, de xeito que ninguén se senta só na necesidade; e agradecer, ao mesmo tempo, tantos xestos de solidariedade de amigos e veciños, que son un apoio imprescindible para manter a esperanza e a coraxe. Sentímonos particularmente unidos aos pobos e aldeas máis afectadas, unindo a nosa oración á súa, implorando de Deus o don da fortaleza e a confianza.

 Parécenos imprescindible igualmente condenar con toda claridade as accións de quen causa voluntariamente este tipo de incendios, que poñen en risco a vida de persoas e tamén danan gravemente e irresponsablemente o medio ambiente tan necesario para a vida. Como dixo o Papa Francisco, «un crime contra a natureza é un crime contra nós mesmos e un pecado contra Deus».
 Provocar un incendio é un xesto de grave inmoralidade, no que a persoa pon de manifesto unha actitude ante os irmáns e ante a natureza contraria ao ben querido por Deus.
Isto é moi evidente ante os sufrimentos que padece hoxe a nosa poboación, e especialmente ante o feito tristísimo de quen morreu por mor destes incendios.

 Pero é claro tamén se consideramos a consecuencia destas accións na natureza, que é creación de Deus, fonte de vida e de traballo, e que non debería ser destruída como agora vemos. Habemos de respectar a natureza e valorala, na súa bondade, harmonía e equilibrio, como un don que recibimos e un legado que debemos esforzarnos por transmitir ás xeracións futuras. Ao recibir de Deus o dominio sobre o mundo, o ser humano ocupa o seu lugar no planeta como don e privilexio. Por iso ten o deber de cultivar o respecto relixioso pola integridade da creación.

 Como en tantas ocasións o Papa Francisco manifestou, ven ben recordar que: «A natureza adoita entenderse como un sistema que se analiza, comprende e xestiona, pero a creación só pode ser entendida como un don que xorde da man aberta do Pai de todos, como unha realidade iluminada polo amor que nos convoca a unha comuñón universal» (Laudato si, 76).
Esta nosa “casa común” é unha condición absolutamente necesaria para a vida de todos. É un préstamo que cada xeración recibe e debe transmitir á seguinte xeración. De aí a enorme responsabilidade en canto ao seu uso.

 Quixésemos manifestar, en particular, o noso recoñecemento e apoio aos milleiros de persoas implicadas no operativo de loita contra o lume, os bombeiros, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os numerosos voluntarios, que se esforzan por salvar vidas, aliviar danos e evitar a perda de persoas e bens, mesmo á conta de cansazo e riscos persoais. En circunstancias a miúdo extremas, dannos un exemplo admirable de abnegación sen límites.

A partir das nosas comunidades cristiás, das Cáritas Diocesanas e doutras institucións eclesiais, mostramos a nosa dispoñibilidade para a acollida e a axuda incondicional de cantos a necesiten.

Pedimos a Deus que nos axude nestas circunstancias difíciles, especialmente a quen loita contra o lume, e que nos conceda saber estar e traballar unidos para recuperar a nosa terra, que vemos hoxe tan danada e que Deus nos deu para facer posible nosa vida.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago.
 

Foto: Ángel Manso | La Voz de Galicia

Ofrenda a san Froilán na Catedral de Lugo

O 5 de outubro celebrouse na Catedral a Misa solemne en honra a san Froilán, coa Ofrenda ao santo. Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco expresou como desexo que haxa paz, amor e se é necesario, sacrificios, evitando que se busque o poder dos uns sobre os outros.

 Na Ofrenda estivo presente unha representación do Concello de Lugo, encabezada pola alcaldesa, Lara Méndez e tamén tiveron o seu protagonismo oito nenas da Parroquia de Adai, que levaron ao altar produtos agrícolas.

 A música vocal correu a cargo do Orfeón Lucense.

XXVI Convivencia dos maiores de Samos


O bispo de Lugo, Mons  Alfonso Carrasco Rouco presidirá o domingo 21 a Eucaristía da XXVI Convivencia dos Maiores de Samos, que organiza a Fundación O Noso Lar. Será ás 12.30h. no Castro de Loureiro

A continuación, ás13.30h. o periodista Xulio Xiz presentará o libro “Vintecinco anos ao servizo da xente da nosa terra”.

Ás 14.00h. Haberá unha homenaxe aos maiores de 90 anos. E ás 14.30h. Un xantar de confraternidade.

Finalizarán os actos ás 17.30h. cun concerto de Millo Verde – Cantares dos pendellos de Agolada.

Lugo co Papa en Cracovia

A diocese de Lugo foi fiel unha vez máis aos encontros co Papa nas Xornadas Mundiais da Xuventude. O bispo, sacerdotes, seminaristas e laicos de Lugo están presentes tamén estos días en Cracovia. A peregrinación lucense está organizada pola delegación episcopal de Xuventude. Xa hai días que partiron para Polonia facendo paradas noutros lugares como Berlín, visitas aos campos de concentración alemanes, Poznan… participando os días previos ao encontro co Papa nas actividades programadas polas dioceses de acollida. Os peregrinos tamén foron acollidos nas casas de familias polacas.

[Ver álbum de fotos]

A %d blogueros les gusta esto: