Consideracións sobre as exequias nas Xornadas Nacionais de Liturxia

Nas Xornadas Nacionais de Liturxia celebradas en Lugo entre os días 23 e 26 de outubro, a intervención do Delegado Diocesano de Liturxia de Ourense, D. Ramiro González Cougil, incluíu unhas referencias ás exequias.

As exequias non son un sacramento, pero supoñen unha profesión da fe da Igrexa. Algunhas das verdades de fe que confesa a Igrexa cando se celebran exequias dentro da Eucaristía son as seguintes:

  • despois da morte ten lugar o xuízo de Deus

  • a morte do cristián celébrase á luz da Pascua de Cristo

  • a morte cristiá é un paso cara á vida perpetua

  • hai unha comuñón de fe e caridade entre os vivos e os defuntos; en virtude desa comuñón, os vivos podemos axudar cos nosos sufraxios, que purifican; a oración e a Eucaristía son unha axuda que podemos proporcionar desde este mundo.

    A Igrexa profesa a fe en que o amor de Cristo é máis forte cá morte.

    Co motivo das exequias pode haber un certo temor de non ter agradado a Deus, pero non hai ningún sentimento de condena.

    Nas exequias úsase unha linguaxe simbólica que inclúe elementos como os seguintes:

  • oración dos fieis ante o féretro,

  • cruz,

  • procesións á Igrexa e ao sepulcro,

  • canto,

  • silencio,

  • fórmulas rituais eucarísticas,

  • despedida do defunto, que se encomenda á comunidade do ceo,

  • aspersión con auga bendita e incensación do cadáver.

    Isto último non sempre é ben interpretado. Coa aspersión lémbrase que o defunto recibiu o bautismo. E unha das consecuencias disto é que os seus restos mortais son sagrados. E como outros elementos sagrados, recibe incenso.

San Xoán de Ávila fala do amor

Dos textos do novo doutor da Igrexa, san Xoán de Ávila, poden extraerse varias citas nas que fala do amor, como son as seguintes:

 

“E para que é a vida senón para amar? E o corazón que non ama, deste amor verdadeiramente non vive, moi fóra anda”

 

“O que non sabe de amor, non entenderá o que é a gloria”.

 

“Corazón nobre, non te deixes vencer senón do amor, aínda que che dean todo o mundo”.

“Non procura o amor o seu descanso, senón o dos outros”.

 

“Reino dos ceos é o amor de Deus; que quen a Deus ama, no ceo está”.

 

“No corazón onde hai amor afogan os pecados”.

 

“Máis mira Deus o afecto co que dades que o mesmo don”.

Devoción a San Froilán

Desde o momento mesmo do seu falecemento, San Froilán foi obxecto de veneración. O seu culto en Lugo está testemuñado desde os séculos medievais pois existe unha capela dedicada a el e celébrase o seu oficio litúrxico, que está incorporado ás cerimonias catedralicias.

No seu momento debeu ser unha devoción moi arraigada,  non tanto nos séculos baixomedievais, pero si a partir do século XVII.

Desde o ano 1600,  o día de San Froilán é “festa de táboa”, isto é, solemne e obrigatoria para todos os clérigos catedralicios. En 1605, é confirmado como patrón da cidade e da Diocese, polo que se introducirá a súa festa como obrigatoria en todas as igrexas. Pouco despois (1610) fúndase unha confraría para renovar e honrar a súa memoria. E cando en 1614 chega a reliquia a Lugo, a cidade espera con gran expectación e fervor o regreso dun dos seus fillos máis queridos.

Co testemuño da súa vida, san Froilán proporciónanos unha serie de ensinanzas, que motivan a devoción que se lle ten. Aínda que durante un tempo levou unha vida retirada, abandonouna e consagrouse ao ministerio da evanxelización con gran proveito para os seus oíntes . Tamén se implicou con toda a alma en organizar a vida monástica do seu tempo. En fin, a vida de san Froilán xirou sobre estes dous eixos: fe e amor. Fe en Deus e amor a El e á humanidade.

A %d blogueros les gusta esto: