Consideracións sobre as exequias nas Xornadas Nacionais de Liturxia

Nas Xornadas Nacionais de Liturxia celebradas en Lugo entre os días 23 e 26 de outubro, a intervención do Delegado Diocesano de Liturxia de Ourense, D. Ramiro González Cougil, incluíu unhas referencias ás exequias.

As exequias non son un sacramento, pero supoñen unha profesión da fe da Igrexa. Algunhas das verdades de fe que confesa a Igrexa cando se celebran exequias dentro da Eucaristía son as seguintes:

  • despois da morte ten lugar o xuízo de Deus

  • a morte do cristián celébrase á luz da Pascua de Cristo

  • a morte cristiá é un paso cara á vida perpetua

  • hai unha comuñón de fe e caridade entre os vivos e os defuntos; en virtude desa comuñón, os vivos podemos axudar cos nosos sufraxios, que purifican; a oración e a Eucaristía son unha axuda que podemos proporcionar desde este mundo.

    A Igrexa profesa a fe en que o amor de Cristo é máis forte cá morte.

    Co motivo das exequias pode haber un certo temor de non ter agradado a Deus, pero non hai ningún sentimento de condena.

    Nas exequias úsase unha linguaxe simbólica que inclúe elementos como os seguintes:

  • oración dos fieis ante o féretro,

  • cruz,

  • procesións á Igrexa e ao sepulcro,

  • canto,

  • silencio,

  • fórmulas rituais eucarísticas,

  • despedida do defunto, que se encomenda á comunidade do ceo,

  • aspersión con auga bendita e incensación do cadáver.

    Isto último non sempre é ben interpretado. Coa aspersión lémbrase que o defunto recibiu o bautismo. E unha das consecuencias disto é que os seus restos mortais son sagrados. E como outros elementos sagrados, recibe incenso.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: