O luns, 18 de xuño, ás 20 h na Catedral de Lugo, tomará posesión como novo cóengo o sacerdote David Varela Vázquez.
Sacerdote da Diocese de Lugo desde o ano 2006. Foi formador do Seminario Maior de Lugo e adscrito ao Equipo Sacerdotal da Parroquia de San Francisco Xavier (Lugo).
Actualmente é Director do Instituto Teolóxico Lucense, Reitor dos Seminarios Diocesanos, Director-Delegado do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso – Extensión de Lugo e Secretario do Lucense Eucharisticum Centrum.
Licenciado en Estudos Eclesiásticos polo Instituto Teolóxico Lucense e doutor en Teoloxía (Especialidade de Teoloxía Dogmática), pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma.
Mes: Xuño 2018
A Ofrenda de Galicia ao Santísimo
O domingo da oitava de Corpus, a cidade de Lugo volve vestirse de gala para celebrar e renovar a Ofrenda ao Santísimo na nosa Catedral. Este ano o Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia foi o Alcalde do Excmo. Concello de Betanzos, e respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela.
Dende o día primeiro de marzo de 1669 no que a Xunta do Reino de Galicia, en A Coruña, outorgou escritura favorable á petición do Ilmo. Cabido da Basílica lucense, coa finalidade de conseguir axudas para incrementar o alumeado no Altar Maior, onde está permanentemente exposto o Santísimo dende tempos inmemoriais, dende entón, nunca se interrumpiu tan significativa tradición. Nin as turbulencias político-sociais, económicas e incluso relixiosas, propias dos tempos de antes e de agora, foron capaces de acalar as solemnes celebracións eucarísticas coas invocacións dos oferentes e as respostas dos bispos respectivos. Tanto as invocacións como as respostas son hoxe unha fonte de riqueza histórica, literaria e espiritual. D. José Molejón, cóengo organista emérito da Catedral, contribuiu a esta rica memoria facendo a recompilación, ata o ano 2000, nun tomo editado polo Excmo. Concello de Lugo.
A conciencia da centralidade da Eucaristía e da presenza real de Cristo nas especies eucarísticas permanece clara na Diocese lucense e na nosa cidade. Cada ano celébrase con máis resplandor o Corpus. Recuperáronse, con gran participación, os tradicionais concursos de poesía e fotografía eucarística e patrimonial. Os concertos internacionais de órgano son a ledicia de moitos lucenses que enchen sempre o lugar da actuación. Os cursos de música contan cun alumnado fiel e desexoso de aprender a loar a Deus a través da cultura musical. O Centro Eucarístico Lucense, fundado cando comezou o episcopado do actual Bispo, estase a implantar con enteireza e contribuíndo a incrementar o estudo do apaixoante mundo eucarístico e patrimonial. Como moi ben afirma o Bispo Alfonso Carrasco, nunha recente publicación bilingüe baixo o título Fe Eucarística, pax. 45, (Lugo, 1918), “o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza este miserio da fe, ser a Diocese e a Cidade do Sacramento”.
Poetas de Lugo fixeron e fan memoria destes acontecementos relevantes. Velaquí algúns fragmentos para unha feliz memoria histórica. O Licenciado Molina, malagueño, cóengo de Mondoñedo no século XVI, citado entre os ananos ilustres de España nun poema titulado “Descripción del Reino de Galicia” escribía: “E nesta cidade tampouco non calo estar descuberto na igrexa maior o sacramento sen máis cobertor, que noutras igrexas non podo atopalo. A causa e segredo, querendo acadalo, de estar así posto tan gran sacramento, algunhas se din, mais o meu sentimento é que o mellor é decote adoralo” (Cf. Darío Xohán Cabana, Poetas de Lugo, 43, Lugo, 2007).
Valentín Lamas Carvajal, invítanos cuns versos do poema “De riola por Galicia” a volver a Lugo e visitar ao Santísimo:
“Vamos a Lugo, vamos alá,
ala que xa!
Pobo en Galicia tan relembrado,
a Xesucristo sacramentado
decote mostra na Catedral;
iste é o recordo dunha vitoria,
cantan os cregos himnos de groria,
brilan as luces no santo altar”.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese
“A Igrexa que non fai ruido”
Deste xeito quixo titular o seu Pregón da Caridade, pronunciado este pasado mércores no Círculo das Artes de Lugo, o cedeirense Bieito Rubido, periodista e director do diario ABC. O pregoeiro, ante un salón cheo de oíntes simpatizantes e colaboradores de Cáritas e acompañado polo Bispo da Diocese na tribuna, pronunciou un Pregón fundamentalmente testemuñal e moi ben fundamentado bíblica e teoloxicamente. Con referencias constantes a Xesucristo, coma o Deus dos pobres, e a doctrina recente dos dous Papas vivos, citou tamén á M. Teresa de Calcuta cando uns periodistas lle pediron unha mensaxe para os que se dedican á caridade: “Que vivan ben a Eucaristía”. Afirmaba así, o pregoeiro, que o escurecemento da práctica eucarística ten repercusións na calidade do compromiso caritativo.
Por outra banda, lembrou e citou a súa irmá relixiosa xosefina, misioneira na Amazonia en Perú. Afirmou, con claridade, que Cáritas non é unha ONG, pero si a organización global que máis atención presta no mundo aos necesitados; e engadiu: “é a organización máis seria, eficiente e comprometida cos pobres neste país”. Destacou a importante presenza social de Cáritas en Lugo e en España e o necesario labor realizado cos pobres durante a crise económica.
Afirmou, na liña de Cáritas, a necesidade de estar cerca dos pobres, de acompañalos e de escoitalos, xa que a pobreza é máis que un problema económico porque abrangue dimensións humanas, culturais, sociais e políticas. E, entre outras moitas laudables afirmacións, reinvindicou a necesidade de recuperar a sa tradición do Xoves de Corpus en Lugo como día festivo para celebrar con grandeza unha solemnidade tan significativa para a Cidade do Sacramento. Certamente, se Lugo perde esta identidade, perdería as súas raíces, a súa historia máis fonda para converterse nunha cidade irrelevante, ruidosa e infiel ao ser e a cultura que a constituiu e constitúe como anfitrioa das antigas cidades do Reino de Galicia.
Se Cáritas é a igrexa que non fai ruido, se a Igrexa é Cáritas, se a Eucaristía e a caridade son inseparables, os lucenses debemos recuperar a centralidade da Catedral como expresión e símbolo de verdadeira casa de Deus que é a Igrexa de Xesucristo, como espazo de silencio onde a natureza guiada pola luz e o vento, falan aos adoradores con asombro e tenrura da dor existencial dos irmáns que sofren e que, son hoxe, cristos vivos que evocan as verbas do Señor no Evanxeo: “Tiven fame e déstesme de comer”.
Sempre me pareceu moi relevante que nunha cidade exista a posibilidade de entrar nunha igrexa de portas abertas e mirar devotamente á presenza real de Cristo na Eucaristía. Na nosa Catedral, aí, na Capela Maior, está sempre; El sempre está. Ogallá que nunca os lucenses o deixemos só, nin na Eucaristía, nin nos irmáns necesitados.
Mario Vázquez
Vicario Xeral da Diocese de Lugo