A Ofrenda de Galicia ao Santísimo

O domingo da oitava de Corpus, a cidade de Lugo volve vestirse de gala para celebrar e renovar a Ofrenda ao Santísimo na nosa Catedral. Este ano o Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia foi o Alcalde do Excmo. Concello de Betanzos, e respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela.

Dende o día primeiro de marzo de 1669 no que a Xunta do Reino de Galicia, en A Coruña, outorgou escritura favorable á petición do Ilmo. Cabido da Basílica lucense, coa finalidade de conseguir axudas para incrementar o alumeado no Altar Maior, onde está permanentemente exposto o Santísimo dende tempos inmemoriais, dende entón, nunca se interrumpiu tan significativa tradición. Nin as turbulencias político-sociais, económicas e incluso relixiosas, propias dos tempos de antes e de agora, foron capaces de acalar as solemnes celebracións eucarísticas coas invocacións dos oferentes e as respostas dos bispos respectivos. Tanto as invocacións como as respostas son hoxe unha fonte de riqueza histórica, literaria e espiritual. D. José Molejón, cóengo organista emérito da Catedral, contribuiu a esta rica memoria facendo a recompilación, ata o ano 2000, nun tomo editado polo Excmo. Concello de Lugo.

A conciencia da centralidade da Eucaristía e da presenza real de Cristo nas especies eucarísticas permanece clara na Diocese lucense e na nosa cidade. Cada ano celébrase con máis resplandor o Corpus. Recuperáronse, con gran participación, os tradicionais concursos de poesía e fotografía eucarística e patrimonial. Os concertos internacionais de órgano son a ledicia de moitos lucenses que enchen sempre o lugar da actuación. Os cursos de música contan cun alumnado fiel e desexoso de aprender a loar a Deus a través da cultura musical. O Centro Eucarístico Lucense, fundado cando comezou o episcopado do actual Bispo, estase a implantar con enteireza e contribuíndo a incrementar o estudo do apaixoante mundo eucarístico e patrimonial. Como moi ben afirma o Bispo Alfonso Carrasco, nunha recente publicación bilingüe baixo o título Fe Eucarística, pax. 45, (Lugo, 1918), “o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza este miserio da fe, ser a Diocese e a Cidade do Sacramento”.

Poetas de Lugo fixeron e fan memoria destes acontecementos relevantes. Velaquí algúns fragmentos para unha feliz memoria histórica. O Licenciado Molina, malagueño, cóengo de Mondoñedo no século XVI, citado entre os ananos ilustres de España nun poema titulado “Descripción del Reino de Galicia” escribía: “E nesta cidade tampouco non calo estar descuberto na igrexa maior o sacramento sen máis cobertor, que noutras igrexas non podo atopalo. A causa e segredo, querendo acadalo, de estar así posto tan gran sacramento, algunhas se din, mais o meu sentimento é que o mellor é decote adoralo” (Cf. Darío Xohán Cabana, Poetas de Lugo, 43, Lugo, 2007).

Valentín Lamas Carvajal, invítanos cuns versos do poema “De riola por Galicia” a volver a Lugo e visitar ao Santísimo:

“Vamos a Lugo, vamos alá,

ala que xa!

Pobo en Galicia tan relembrado,

a Xesucristo sacramentado

decote mostra na Catedral;

iste é o recordo dunha vitoria,

cantan os cregos himnos de groria,

brilan as luces no santo altar”.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: