Cambian as formas, pero non a esencia

Este domingo é o día do Corpus Christi. Un dos días do ano, xunto co Xoves Santo, nos que nos axoenllamos de xeito singular ante Xesucristo, presente realmente co seu corpo e sangue na Eucaristía. Esta é a esencia: a presenza real de Xesucristo na Eucaristía.

Para axudarnos a recoñecer esa presenza e achegarnos a ela, sacramental de Deus entre nós, están as procesións, as alfombras de flores e os demais actos que se poidan celebrar con motivo da solemnidade do Corpus. Pero iso xa é secundario e un pouco máis circunstancial. Non nego a súa importancia, sobre todo cando temos no centro da nosa atención o que é esencial. Se non é así, temos que examinar como anda a nosa fe.

Así que, este ano, a alfombra temos que facela no noso corazón e deixarnos habitar por Xesús Eucaristía para que alimente a nosa fe e toda a nosa existencia.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

O misterio trinitario, familia de Deus

Misterio é unha verdade sobre natural que non podemos coñecer sen que se nos revele e que, aínda revelada, non podemos comprender nin explicar.

A incomprensión mistérica é lóxica, xa que o contido do misterio non se conclúe por dedución de principios científicos nin por constatacións empíricas, posto que o mistérico transcende a ciencia e a experiencia.

A pesar da súa incognosibilidade conxénita, o misterio non é irracional, posto que as súas verdades non son contrarias á razón nin á experiencia: supéranas, pero non as contradin.

Ante o misterio, a razón só pode concluír que o que ensina a revelación non é contrario ás leis da lóxica e, menos, contra as leis da natureza. A revelación supéraa, pero non se opón a elas.

Os misterios da revelación cristiá discorren a dous niveis: a nivel soteriolóxico, os que miran ao futuro (á nosa salvación), e os de carácter teolóxico, que nos falan do ser íntimo de Deus.

Os misterios de orde teolóxica ensínannos que Deus é un e único en natureza, e trino en persoas. Existe nel unha única natureza divina, eterna e infinita no seu ser e nos seus atributos; e os de orde soteriolóxico ensínannos que en Deus existe unha unicidade salvífica que comparten por igual as tres divinas persoas, aínda que en linguaxe catequético, atribuamos ao Pai, a creación; ao Fillo, a redención, e ao Espírito Santo, a santificación. Por esta dobre dimensión, Deus revélasenos como un e trino.

Hai, pois, en Deus unha unicidade de natureza, e pluralidade persoal. Isto lévanos á conclusión de que a Divindade é unha familia cuxos membros son iguais en dignidade, e o seu comportamento é exemplarizante para nós. Cada unha das persoas divinas é un don para as demais. A súa convivencia é comuñón, e o seu comportamento é de compracencia.

Na familia trinitaria temos os humanos o perfecto arquetipo das nosas familias: ela sérvenos de modelo para valorar ao outro, e de exemplo para servirlle como a un “Ti de Deus”.

Tamén os homes, membros da gran familia humana, somos iguais en dignidade. A nosa estimación mutua non debe de estar condicionada pola cor da pel, nin polo nivel cultural, nin pola calidade dos costumes, nin sequera polo credo que profesamos cada un.

Estas son connotacións periféricas que maquillan o rostro do veciño, pero non constitúen a esencia do seu ser. Aos outros hai que estimalos por ser persoas, a quen Deus ama por si mesmas.

O plan de Deus é que o mundo sexa unha familia ben avenida. As familias non se constrúen con pedras das nosas canteiras, nin con árbores dos nosos bosques. O material para construír familias humanas é o conxunto de persoas que, por vínculos de sangue ou outros vínculos legais, conviven dándose cada un a todos, e todos a cada un.

Isto quéreo Deus: querámoslo tamén as persoas.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Texto en castellano]

Imaxe: Bárbara Hernández

Solemnidade da Santísima e indivisa Trindade

O vindeiro domingo, unha vez terminada a Pascua, celebramos a solemnidade da Santísima Trindade. Agora nos seminarios denominan á materia que trata do Deus Un e Trino como o Misterio de Deus. Así o é, un só Deus e tres persoas verdadeiras, Pai, Fillo e Espírito Santo.

Non imos agora a tentar explicar este misterio. Coñecemos de Deus o que El quere que coñezamos ou o que é necesario para a vida presente. Podemos ter a seguridade de que é abondo, aínda que ás veces, movidos pola curiosidade, gustaríanos saber máis cousas de Deus.

Pero si que podemos achegarnos a algunha consecuencia que ten para nós, como é a íntima relación perfecta das tres persoas divinas nas entrañas do mesmo Deus, e a grandeza dun Deus persoal que posúe todo o bo en grao infinito. Pois ben, este Deus ofrécenos participar da súa intimidade e da súa grandeza. Agora cáusanos algo de desconcerto porque non alcanzamos a comprender, pero ao mesmo tempo sentímonos en confianza con El pola súa infinita bondade.

O domingo da Santísima Trindade tamén celebran o seu día os monxes e monxas, que na clausura dos seus mosteiros tratan de vivir a imaxe do Deus trinitario: compartíndoo todo en fraternidade e cultivando en silencio a intimidade con Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Pentecoste, a hora da substitución

Na historia do home está sempre a pegada de Deus.

Na creación do home está impresa a pegada de Deus Pai, que fixo ao home un pouco inferior aos anxos. Na redención está impresa a pegada de Deus Fillo, que se revestiu da natureza humana, enriquecéndoa coa súa santidade e rescatándoa co sangue da súa sacratísima humanidade. E na santificación do home está impresa a pegada do Espírito Santo, que en Pentecoste inaugura a vida da Igrexa, mantendo nela a unidade e a universalidade, como continuación da misión mesiánica de Cristo.

Certo que a creación, redención e santificación son pegadas do mesmo e único Deus, aínda que, con pedagoxía catequética, atribúanse distintamente a cada unha das persoas da Santísima Trindade.

Concluída a súa misión, o Pai dixo aos homes: “crecede e enchede a terra”.

Tamén Xesús expirou dicindo: “Todo está cumprido… Recibide o Espírito Santo…” E en cumprimento da promesa do Señor, o día de Pentecoste, estando os apóstolos reunidos, aparecéuselles o Espírito Santo, poñéndose encima de cada un deles. Desde aquel intre os Apóstolos, cheos do Espírito Santo, comezaron a falar en linguas estranxeiras, facéndose entender por todos os alí presentes procedentes dos máis diversos países.

A promesa de Xesús estaba cumprida. O Espírito Santo descendera sobre os Apóstolos e María Santísima.

Pero quen é e como é ese personaxe que vén continuar a obra de Cristo na Igrexa?. O Espírito Santo é a máxima autodoazón de Deus aos homes. O Espírito Santo é toda a forza de Deus sobre a debilidade humana. É toda a Luz de Deus sobre as tebras do mundo. É todo o Amor divino sobre o corazón dos seus fillos. Ao Espírito Santo non podemos definilo, porque transcende toda definición posible.

Temos que valernos de símiles para falar do Espírito Santo.

O evanxelista san Lucas di que é como un vento tempestuoso que nos pon en movemento cara a Deus; que é como o aire que respiramos, o cal impide que nos asfixiemos espiritualmente; que é como atmosfera que renova, purifica e permítenos seguir vivindo como cristiáns.

É como lume que purifica e acende; é o lume que Xesucristo veu traer á terra: o Amor.

A imaxe máis clarificadora é a que utilizou Xesús: “exhalou o seu alento sobre eles”. O Espírito é alento que dá vida divina ao que non a ten e que resucita ao que a perdeu.

Deus sérvese das criaturas segundo o beneplácito da súa vontade. Os seres irracionais non son responsables dos servizos que prestan, porque non son conscientes da utilidade que achegan. O comportamento de Deus coas persoas é distinto. A nós o Señor non nos utiliza: enriquécenos cos seus dons e carismas, e espera abundantes froitos de tan ricas dádivas.

A sementeira é garante de abundante colleita, pero a terra condiciona o froito.

As persoas somos inmensamente valoradas polo Señor, á vez que debedores dos dons do seu Espírito.

Nós somos a terra que condiciona os froitos deses dons. Coidémola para que a semente do Espírito produza en nós abundantes espigas, ricas en exemplar comportamento.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: