A historia non se escribe con «H»

En efecto, a palabra «historia» escríbese con «h» pero, o seu contido nútrese de acontecementos. Os acontecementos positivos enriquécena. Os negativos, deteriórana. Os niveis de comportamento humano son diversos: culturais uns, industriais outros; moitos sociais, e os máis éticos, que miran á moralidade do individuo… Todos eles son cotizables na avaliación da historia. A cultura eleva a competencia do home. A industria enriquece o nivel de vida das familias. O comportamento social favorece a convivencia veciñal. Todos estes valores contribúen á riqueza dun pobo, pero, postos a priorizar os niveis das distintas achegas, salta á vista que a primacía lle corresponde ao comportamento moral dos individuos.

A responsabilidade ética vénlle ao home pola súa condición social. As persoas somos seres sociais, e as nosas relacións van en tres direccións: Deus, os homes e o mundo. A Deus debémoslle o recoñecemento da súa soberanía absoluta e a aceptación da nosa adhesión á súa vontade. Aos homes debémoslles a valoración da súa dignidade, como supremo valor creado, e o respecto aos seus dereitos; e sobre o mundo, recoñecemos o noso señorío e as nosas responsabilidades.

Da nosa actitude ante estas 3 relacións, xorde o concepto do ben e do mal. Bo é o que se axusta á vontade de Deus, aos dereitos das persoas e ao respecto á natureza. Nunca é lícito facer o mal, nin sequera en función dun ben, posto que o fin non xustifica os medios. Poden darse circunstancias conflitivas, como o caso dunha causa con dous efectos: un bo e outro malo. Como proceder nestas situacións? Coidando, 1°, que a acción da que se segue dobre efecto sexa boa ou polo menos indiferente. 2°, que o efecto que se pretende sexa bo. Nunca se pode pretender facer algo malo, por boas que sexan as intencións, posto que o fin non xustifica os medios. 3°, que o efecto bo sígase antes ou polo menos, tan inmediatamente como o malo. E 4°, que exista un motivo suficientemente grave para permitir o efecto malo.

Neste e en todos os casos, a suprema norma de comportamento é a conciencia. Agora ben, a conciencia hai que formala doctrinalmente e capacitala operativamente, cultivando os bos costumes, das cales se integra a historia dos pobos.

A palabra «historia» escríbese con «h». A historia dos pobos constrúese co comportamento dos cidadáns.

Resumindo: «historia» palabra do dicionario, escríbese con «h». A historia dos pobos escríbese traendo á memoria os acontecementos das xeracións pasadas. A nós tócanos escribir a historia actual: fagámolo con «boa letra».

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

As persoas primeiro

Estamos sen dúbida nun tempo cheo de incertezas, de medos, de cambios, provocados por un virus global que mata, e que nos fai sentir débiles nun campo de batalla invisíbel pero real. Ao paso desta pandemia sanitaria estanse esborrallando sistemas produtivos, económicos, políticos, educativos e sociais, que se sostiñan en piares débiles, precarios, inxustos, desiguais…e unha vez máis, caen con maior impacto sobre as persoas máis vulnerables. Unha vez máis a crise, a pobreza, a miseria cébase coas mesmas persoas.

E por que non somos capaces de mudar, de transformar sistemas que afogan e que xeran inxustiza de xeito crónico?. Por que non somos capaces de poñer ás persoas no centro e ao redor xerar sistemas xustos e decentes, afastados de egoísmos e individualismos?. Por que non somos capaces de observar, de pensar, de sentir e de facer para acadar o ben común?. Dúbidas con e sen reposta, mentres millóns de persoas quedan atrás.

Este momento interpélanos e obríganos a actuar, a seguir avanzando con máis unión nun modelo social que non deixe a ninguén atrás. A seguir loitando por recuperar e garantir o dereito a unha vida digna. A seguir estendendo alternativas de vida máis sostible ante o deterioro medioambiental. A seguir defendendo o emprego decente porque “Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario”.

O día 7 de outubro, con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, temos a oportunidade de alzar a voz a través da iniciativa da Igrexa polo Traballo Decente e baixo o lema “Movémonos polo traballo decente, nos nosos barrios, ante as organizacións sindicais e nas institucións de goberno”, para reclamar un novo modelo produtivo que, en pleno impacto social da pandemia, garanta emprego digno e accesible.

O traballo é unha expresión da dignidade humana, que debe contribuír ao desenvolvemento da comunidade, satisfacer as necesidades das familias, en condicións de respecto, de participación e de non discriminación. Na situación actual a igrexa polo traballo decente ten o compromiso de difundir os síntomas do deterioro e gravidade da situación, como son a “galopante destrución de emprego, cunhas cifras de ERTE e paro disparadas; unha protección social que non está chegando ós que teñen dereito e peor o están pasando, como no caso do ingreso mínimo vital ou a prestación para as empregadas de fogar, e que deixa fóra a miles de persoas sen posibilidade de acceso por exercer a súa actividade na economía somerxida; e a persistencia de demasiados empregos considerados esenciais que manteñen condicións laborais tan precarias que rozan a indecencia”.

Este tempo tamén trae sinais de esperanza, xestos de unidade ante a adversidade, emocións e novas oportunidades están a agromar para coidarnos e transformar esta realidade.

Eloína Ingerto López

Directora Fundación JuanSoñador en Galicia

Evento que une a promoción do viño co patrimonio eclesiástico

Tras o éxito da cata de viños organizada o ano pasado no claustro da Catedral de Lugo esta semana acolle un dos actos que veñen programándose baixo o nome “Lucus In Vino Veritas”.

O sábado 3 de outubro EnVinissi organiza unha presentación de viños e comidas. Empresas do sector vinícola, con representación de adegas de toda a península ibérica con especial importancia das do territorio galego e con vinculación ás vías romanas, presentarán os seus caldos.

Os postos das adegas que participan abren ao público o 3 de outubro de 11 a 15 e de 18 a 22 horas.

Ás 11 h haberá un concurso de cata por grupos con Juanjo Treus.

A Asociación Provincial Cociñeiros Lugo ofrecerá unha zona gastro onde todos os asistentes poderán gozar dunha selección de tapas de 12.30 hs a 14 hs e de 20 hs a 21 hs.

Ás 13.00 hs Bruno Pena Oca Praia de Foz Hotel & Spa e David Rodríguez de Rinlo “A Mirandilla” prepararán un guiso de cristas de galo celta. E ás 19 hs Santi Almuiña (Mesón Colón) e Alejandro Méndez (Arrocería Os Cachivaches) presentarán unha selección de distintos peixes en salgadura.

A entrada será polo adro da Catedral. O acceso, con cabida limitada e con medidas sanitarias.

A %d blogueros les gusta esto: