A realidade presencial e virtual

Xa sabemos como está o do coronavirus. Vai facer un ano e xa ninguén se aventura a pór unha data na que poidamos vivir con certa tranquilidade. O que pensamos que ía ser cousa de quince días vemos como se prolonga máis e máis.

Todo isto fixo que tivésemos que migrar moitas cousas da vida ordinaria das parroquias á realidade virtual. Moitas desas cousas quedarán xa para sempre.

Algúns me din de broma (ou en serio) que agora xa se pode facer todo por internet e que xa non se necesita ter estruturas físicas, como as dun templo ou un salón parroquial.

Imos ver. Hai cousas que se poden facer por internet igual ou mellor que de forma presencial, como poden ser unhas sesións de formación ou encontros de reflexión. Pero hai outras, como é a celebración da Eucaristía que é só unha cura de urxencia, pero nada máis. Asistir só a misa por internet ou televisión, fóra dos enfermos e impedidos, é como pretender alimentar o noso corpo vendo programas de cociña nos medios de comunicación.

Comulgar é comer o corpo de Cristo cando se está en comuñón con Deus (estar en graza de Deus) e con todos os cristiáns. Comer é comer, non ver a comida nunha pantalla nin tampouco vela no prato e despois non comela, que é o que fai moita xente que vén a misa. Por iso, tampouco ten moito sentido celebrar a misa nunha comunidade na que non comulga ninguén, cousa que pasa moito ultimamente, sobre todo nos funerais.

En calquera caso, o que si podemos facer durante todo este tempo, que se prognostica longo, é aproveitar todos estes encontros virtuais, pero reais, que se nos ofrecen de xeitoo abundante. Son, sen dúbida, unha ocasión moi boa para formarnos na fe e atoparnos con outros cristiáns que buscan o mesmo ca nós en calquera lugar do mundo. Despois, cando todo isto pase se Deus quere, xa teremos ocasión de atoparnos de forma presencial, a poder ser, xa máis formados e cunha fe máis adulta.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Unha cruz sobre a porta do templo

Un amigo comentoume que un grupo político do seu concello organiza roteiros para mostrar os cruceiros da bisbarra e facíame a continuación esta observación: “Que lle contarán á xente sobre os cruceiros?” Eu contesteille que iso tiña pouca importancia porque un cruceiro ten un claro significado e cantas máis mentiras conten e máis manipulacións fagan, pois, máis desprestixio terán no futuro.

Pódense contar moitas historias, medias verdades e mesmo falsidades, pero as persoas estamos chamadas a coñecer a verdade e se descubrimos que alguén nos manipula ou engana, pareceranos mal, e como responderías ti?

Na revista Cairón nº 4 (Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns) faise unha presentación da cruz que está no tímpano sobre a porta románica de acceso na igrexa de S. Martiño de Amarante do Concello de Antas de Ulla. No escrito poden lerse os parágrafos seguintes: “No tímpano podemos observar un elemento escultórico universal, quizais o máis atraínte para os cristiáns, polo seu significado simbólico universal como é a cruz grega, cas súas catro aspas iguais… A cruz de catro brazos iguais, a grega, ten un carácter universal, que a encontramos en tódalas culturas do universo, moito antes de que o cristianismo a adoptase como referencia para personalizar nela a morte de Cristo” …”En todo elo, a cruz non deixa de ser un símbolo totalizador en súas ramificacións e variantes en diversas áreas culturais, místicas e relixiosas. Mais aquí estamos falando da cruz mística que os primeiros cristiáns adoptaron como símbolo nos seus primeiros inicios”. Cando fala da presencia de cruces nas culturas menciona as mesopotámicas, exipcias, gregas, celtas, aztecas e africanas.

O que sorprende é que non se faga referencia á civilización que deixou máis pegadas na nosa historia, a romana, e non se pregunta se a cruz forma parte da praxe dos romanos e, se é así, para que a utilizaban. Si, é certo que os romanos empregaban a cruz e facíano como instrumento de suplicio e pena de morte para certos delitos. Pero convén non esquecer que esta pena era para os que non tiñan a condición de cidadáns romanos.

A cruz non é un símbolo que adoptaron os primeiros cristiáns, senón que é unha realidade ineludible na súa orixe. Esta cruz está nun templo porque nel se reúne a asemblea (ekklesia) dos seguidores de un tal Xesús de Nazaret, que era un israelita da tribo de Xudá. O que nos manifesta é que a pena de morte lla aplicou o poder romano a través dun dos seus gobernadores e non o poder xudeu. Se a pena de morte lla aplicase o poder xudeu sería apedrado (lapidación).

Ante este feito xorden moitas preguntas como algunhas das que se formulan a continuación: Que fixo ese Xesús? Que dixo ante os seus oíntes? Por quen se tiña? Tivo un grupo de seguidores, como eran e como actuaron? Quen o acusou, de que e por que? Como se desenvolveu o proceso? Quen, cando, e por que asinou a súa pena de morte? Como actuaron no proceso os seus amigos? Que fixeron a continuación e uns días máis tarde? Que pasou no intermedio? Como é que apareceron e seguen existindo hoxe seguidores seus non pertencentes ó pobo xudeu, terminando como terminou? Que pegadas Del se ven na historia? Como a súa presenza transformou a historia e a incontables persoas? Que é iso de “a. C.” e “d. C.”? Que din e que fan os seus seguidores? É posible ter hoxe un diálogo-encontro con ese Xesús? Como é posible que na España actual haxa arredor de 13.000 españois que por causa Del se vaian á selva, a barriadas pobres de grandes cidades, a países en guerra… para dar testemuño Del e servir ás persoas que os poderes deste mundo descartan por improdutivas, febles, enfermas…?

Está ben que nos axuden a ver as influenzas históricas e culturais á hora de descubrir como se elaboran as representacións históricas da cruz, xa que, por exemplo, podemos percibir unha experiencia espiritual con matices diversos na cruz e Cristo de Velázquez e no de Dalí. Pero claro, sempre e cando non nos oculten o fundamental de por qué está a cruz presente entre os cristiáns, quen morreu nela, e que logo resucitou segundo nos mostran as pegadas dese feito que na historia se ven dende entón.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Infancia misioneira: futuro para os nenos

José Alfaro é un escolapio rioxano misioneiro en Nepal que se dedica ao que el coñece como a “fermosa arte de levantar escolas para a promoción dos máis pobres e pequenos deste mundo”. Vive nunha humilde casa sen electricidade nin auga corrente, sen baño nin teléfono, por decisión persoal, vivindo exactamente igual que a xente que o rodea, comendo o mesmo que eles: un prato de arroz cuxo custo diario é de cincuenta céntimos. Cada día percorre as pequenas e illadas localidades montañosas nepalís, onde viven os máis pobres. Nos últimos anos ampliou o número de escolas para dar cobertura a 3.335 mozos, aínda que, no último ano, debido á crise financeira e sanitaria sufriu grandes recortes. Aínda así, segue adiante. Ten 83 anos.

Primi Vela Goicoechea é unha irmá da Caridade de Santa Ana. En Mira Road, un dos barrios marxinais de Bombai, onde as familias non teñen nada que levar á boca, choran e morren de fame, esta relixiosa foi pioneira no Fogar para Nenas sen Casa Ankur, un proxecto para ofrecer educación e un futuro a nenas sen familia ou de familias desestruturadas. Acolle a 200 menores de entre 5 e 15 anos, rescatadas das rúas ou da escravitude infantil. Nenas que se dedicaban a enganar, roubar, drogarse, prostituírse… Para esta relixiosa zaragozana “Deus espéranos na rúa e esquina do noso barrio, maniféstase, interróganos e cuestiónanos”. Ten 76 anos.

José Luis Pérez Mudarra ten 65 anos. Acaba de xubilarse do seu traballo na Deputación de Lugo. Hai xa tempo que lle roldaba na cabeza a idea de ter unha experiencia misioneira. Proximamente viaxará a Angola onde, entre outros traballos, integrarase nun programa de pre-escolarización de nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, coñecido como as Escolinhas Omõla Wasandjuka. A finalidade deste tipo de escolas é a de potenciar o desenvolvemento integral dos nenos, preparalos para a etapa escolar que comeza aos 6 anos e loitar contra a mortalidade infantil, debida á malnutrición e a falta de axeitadas condicións hixiénicas.

Estes son tres exemplos do labor dos misioneiros cos nenos. Ao longo e ancho do noso planeta, a Igrexa realiza un labor subsidiario cos nenos e mozos. Alí onde ningunha autoridade pública quere pisar, atoparemos un misioneiro, realizando un labor de promoción e de xustiza en favor dos pobres da terra.

Este domingo a Igrexa española celebra a Xornada da Infancia Misioneira. Todo o diñeiro recadado nesta campaña irá destinado a proxectos en favor da infancia. Ao dar o noso donativo pensemos: alí onde hai un misioneiro ou unha misioneira, hai un fogar para nenos, un comedor, unha escola, un hospital… hai alguén que os educa, os axuda, promociónaos, dálles para comer, abrázaos e os ama coma se fosen fillos seus. Hai, en definitiva, futuro para a infancia Por que? Porque alí está Deus.

Jesús Santiago

Delegado de Misións da Diocese de Lugo

Un “adeus” e unha “benvida”

Adeus ao ano 2020 e benvido o 2021 que acabamos de estrear.

Boa ocasión para reflexionar sobre o “misterio do tempo”, que corre veloz e inexorable.

O tempo é un agasallo que nos fai Deus. Agradecémosllo de corazón. Pero preguntámonos: por que, sendo o tempo un ben por todos apetecido, Deus dánolo “racionado”?.

Talvez sírvanos de resposta a seguinte comparación: boa é a noite que aproveitamos para descansar. Con todo, mellor é o día, que nos serve para gañar o sustento. Por iso esperamos a aurora, precursora do día, aínda que a súa chegada obríguenos a despedir a noite.

Bo é o tempo, que nos permite realizarnos como persoas. Pero máis valiosa é a eternidade, que nos permitirá ver a Deus “cara a cara”.

No tempo, esperamos. – Na eternidade, posuiremos.

O tempo é mudable e limitado. – A eternidade é inmutable e permanente.

No tempo corremos o risco de perdernos. – Na eternidade, a seguridade é plena.

O tempo é un espazo para merecer. – A eternidade será un gozar para sempre.

Hai que mirar sempre adiante, pero sen deixar de mirar o que queda atrás, porque “a historia é mestra da vida”, e a historia pertence ao pasado.

No pasado escribimos moitas páxinas da nosa vida: unhas brancas e fermosas; outras grises e escuras; quen sabe se tamén algunhas negras e feas. Pero as máis importantes son as que aínda nos quedan por escribir. Unha delas é a do ano 2021, que nos regala Deus.

Deste novo ano podemos facer unha páxina fermosa ou unha páxina horrorosa. Todo depende da nosa vontade. Contamos co que nos ensina o Señor, cuxa doutrina é a luz que ilumina o noso camiñar. Contamos tamén coa súa graza, que nos axuda a superar as dificultades. E contamos coa voz da conciencia, que aproba o noso bo facer, e reproba os nosos incorrectos comportamentos.

Que nos falta?. Decidirnos e botar a andar. Pois ao choio! Para que o ano 2021 resulte a páxina máis bela da nosa vida aos ollos de Deus e dos homes.

Poñamos da nosa parte todo o que está nas nosas mans, e o demais o porá o Señor.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Querido Neno Xesús…

Este ano a incerteza apoderouse dos nosos corazóns, xerando unha angustia e unha desesperanza entre os homes e mulleres do noso mundo. A covid-19 trouxo consigo unha desestabilización emocional, cultural e social que nos arrincou da nosa rutina cotiá. Este tempo esixiu de nós unha resposta tremendamente humana, capaces de arrimar o ombreiro para axudar ao irmán que se vía inmerso en calquera necesidade ou problema.

E non foi doado. Para moitas familias foi moi doloroso. Nunca vivimos unha pandemia, está claro, aínda que moitos dos nosos maiores lembran vivir algunha situación semellante, cunha escaseza de recursos moito maior, pero tamén con outra incidencia no contaxio. Pero o máis doloroso é a cifra de falecidos neste tempo, onde non só é un número que cada día resoa nos medios de comunicación ou nas redes sociais coma se dunha cifra calquera se tratase; son vidas, nomes concretos, historias e familias.

Detrás de cada número hai un fogar que chora ao seu falecido e que, por desgraza, moitas veces non puideron nin sequera despedilo. Por iso, se este tempo esixe unha resposta humanizadora, que nos devolva o sentido da convivencia fraterna, a mirada deberíase pousar en Belén. Ti, Señor, alí, viñeches ao mundo. Neno como eras, descubríchesnos tamén o gran Corazón que posuías. A Igrexa sempre ensinou que o home descobre a súa verdadeira vocación e vida ao verse en Ti, o Home por excelencia (cf. Gaudium et spes, 22).

Quen nos ensinaría como actuar dun xeito humano co irmán senón Aquel que se fixo Home por amor e ensinounos a vivir nun xesto de caridade permanente!

Neste Nadal, na túa vinda a nós que celebramos novamente neste ano, Señor, que o teu agasallo a cada corazón sexa o da esperanza. Que a Luz que es Ti para o mundo fágase presente en cada home e muller, para que os ilumines a eles e poidan ser portadores á súa vez desta luz para outros.

Grazas, Xesús, por facer feliz a nosa vida co Nadal.

Nicolás Susena

Delegado de Pastoral Familiar

Dtor. do Centro de Orientación Familiar Diocesano

[Tomado da publicación “Lugo en familia“]

A %d blogueros les gusta esto: