Querido Neno Xesús…

Este ano a incerteza apoderouse dos nosos corazóns, xerando unha angustia e unha desesperanza entre os homes e mulleres do noso mundo. A covid-19 trouxo consigo unha desestabilización emocional, cultural e social que nos arrincou da nosa rutina cotiá. Este tempo esixiu de nós unha resposta tremendamente humana, capaces de arrimar o ombreiro para axudar ao irmán que se vía inmerso en calquera necesidade ou problema.

E non foi doado. Para moitas familias foi moi doloroso. Nunca vivimos unha pandemia, está claro, aínda que moitos dos nosos maiores lembran vivir algunha situación semellante, cunha escaseza de recursos moito maior, pero tamén con outra incidencia no contaxio. Pero o máis doloroso é a cifra de falecidos neste tempo, onde non só é un número que cada día resoa nos medios de comunicación ou nas redes sociais coma se dunha cifra calquera se tratase; son vidas, nomes concretos, historias e familias.

Detrás de cada número hai un fogar que chora ao seu falecido e que, por desgraza, moitas veces non puideron nin sequera despedilo. Por iso, se este tempo esixe unha resposta humanizadora, que nos devolva o sentido da convivencia fraterna, a mirada deberíase pousar en Belén. Ti, Señor, alí, viñeches ao mundo. Neno como eras, descubríchesnos tamén o gran Corazón que posuías. A Igrexa sempre ensinou que o home descobre a súa verdadeira vocación e vida ao verse en Ti, o Home por excelencia (cf. Gaudium et spes, 22).

Quen nos ensinaría como actuar dun xeito humano co irmán senón Aquel que se fixo Home por amor e ensinounos a vivir nun xesto de caridade permanente!

Neste Nadal, na túa vinda a nós que celebramos novamente neste ano, Señor, que o teu agasallo a cada corazón sexa o da esperanza. Que a Luz que es Ti para o mundo fágase presente en cada home e muller, para que os ilumines a eles e poidan ser portadores á súa vez desta luz para outros.

Grazas, Xesús, por facer feliz a nosa vida co Nadal.

Nicolás Susena

Delegado de Pastoral Familiar

Dtor. do Centro de Orientación Familiar Diocesano

[Tomado da publicación “Lugo en familia“]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: