A nova lei de educación

Educación. Como profe -desde hai pouco tempo- e como director pedagóxico -desde hai aínda menos tempo- quero hoxe falar deste tema. Desde que viñen a este mundo pasaron xa seis leis de educación. E como todo nesta vida: teñen os seus puntos positivos e negativos.

Con esta última normativa o primeiro que constato é que se equivocaron nos tempos; levamos semanas agardando decretos que regulen as etapas, claridade sobre as materias, como se configurará o vindeiro curso… E isto é unha mala planificación, sen máis. Aquí todos esperando a que sucedan as cousas. Se nos avisaron, sacabamos flocos de millo e sentabamos no sofá. Pretenderán que fagamos todo de présa e correndo. Se é que se ve vir…

A min non me importa moito que non haxa cualificación numérica final dunha materia, pero si que é un erro o tema da obtención do título da ESO. Que hai que maquillar cifras e que o abandono/fracaso escolar non sexa visible. O que debería quedar claro é que temos uns cocientes altísimos, nenos e adolescentes con dificultades para concentrarse e falta de madurez moi grandes, sen capacidade de xestión emocional, con problemas familiares moi gordos, moitos trastornos e enfermidades presentes, etc. Faltan recursos, faltan medios… Eu estou nun cole “pequeno” en canto a alumnos, pero grande en posibilidades, onde é máis doado acompañalos, coidalos, que crezan en todas as súas dimensións. É dicir, vendo esta realidade concreta e sabendo como é a situación doutros colexios, o que queda claro é que esta lei só vai de números, non de persoas. Segue importando máis o informe PISA que poder axudar aos nosos alumnos a crecer e formarse de maneira axeitada.

E falando de números, noto que as letras deixan paso á ciencia. Cada vez se afasta máis as humanidades, o pensamento, a razón, a historia… e iso é o que nos fixo grandes na historia! Porque un pobo só crece cando os seus cidadáns crecen, razoan e reflexionan sobre a súa vida e outros tantos temas. O demais é vivir detrás dunha masa, sendo un número.

E, por último, esta lei fala de esforzo por parte do alumno (disposición final primeira, artigo sexto, punto 4), mentres que o esforzo é o único que parece que non importa. Un paradoxo redondo, potenciando o que en verdade non fai falta.

Esta é a miña opinión. Moi reducida, moi pouco profundada neste lugar, con puntos positivos que vexo na lei, pero con máis desacertos e présas que outra cousa.

O peor: que todos esperamos a seguinte lei. Esa é a mentalidade que xeraron en nós, que isto sempre acaba sendo transitorio, cando é un dos elementos fundamentais da vida e crecemento da sociedade.

Nicolás Susena

[Texto orixinal]

Relixión en revisión

Debemos revisar os nosos conceptos e os nosos comportamentos relixiosos. Relixión significa relación con Deus. Esta é de dependencia, posto que Deus é o Creador, e nós somos criaturas. El é benfeitor e nós beneficiarios. El é pai e nós somos fillos. El é fiel, e nós estamos salpicados de infidelidades. El busca o noso ben, e nós vivimos da súa xenerosidade.

As nosas relacións co Señor miran ao pasado, pois del recibimos a existencia. Démoslle grazas. Miran ao presente, xa que en Deus movémonos e existimos. Adoremos a súa providencia, e miremos ao futuro, cara ao cal camiñamos con esperanza. O primeiro valor é o amor. As obrigacións acusan carencia de amor. Só o amor abonda. Onde hai amor sobran as leis. A imposición de leis é un mal necesario para suplir a carencia de amor.

A un bo pai de familia non é necesario imporlle a obrigación de dar pan aos seus fillos: o seu corazón de pai converte as súas obrigacións paternas en necesidades ineludibles. Dicirlle a unha nai que debe preocuparse do ben dos seus fillos, sería ferir os seus máis íntimos sentimentos. Cada fillo que trouxo ao mundo, é un anaco do seu corazón materno. Porque ten fillos, traballa, sacrifícase, entrégase… Eles son o seu corazón que pon en movemento todo o seu dinamismo maternal. Isto está claro nos milagres dos que nos fala o Evanxeo. Cada milagre realizado por Xesús ao longo da súa vida, é proba da súa divindade e expresión do seu amor entrañable. Se non existise amor, non existiría Deus. Deus e o amor identifícanse. Isto está claro no milagre da sanación do leproso do que nos fala o Evanxeo. Xesús se compadece do pobre leproso e cúralle do dobre mal que lle afectaba. Curoulle o padecemento da lepra e curoulle tamén do illamento ao que sometian as leis de entón, en evitación de que a enfermidade se contaxiase aos demais veciños do pobo. Dobre padecemento atormentaba ao pobre enfermo de referencia: o tormento da lepra que ía carcomendo a pel do seu rostro e, sobre todo, a dor moral de verse expulsado da comunidade veciñal, en evitación de que a súa enfermidade persoal puidese converterse nun mal endémico.

Está claro. Xesús ten corazón: compadécese dos nosos males e congratúlase dos nosos bens. A providencia proclama gratitude respecto ao pasado; serenidade no presente, e esperanza para o futuro.

Cremos na divina providencia. Deus preséntanos unha partitura, cuxos pentagramas son as etapas do noso devir. Nelas imos gravando as tonalidades dos nosos comportamentos, de xeito que a composición harmónica da nosa partitura vivencial, sexa de tal calidade moral, que a Santísima Trindade poida compracerse comprobando o seu acerto espiritual cando o tempo deixe de ser tempo, e nós podamos sentirnos satisfeitos por ser fieis ao Señor, todos os días da nosa vida.

Este é linguaxe de eternidade. Escoitémolo.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa

Neste mundo que perdeu a capacidade de amar que nos humaniza, non hai outro camiño de humanización que podamos vivir e ofrecer que non sexa recuperar esa capacidade de amar, facéndoa tamén amizade social. É o amor o que nos permite recoñecer a dignidade de cada persoa, e o que nos fai creativos para ofrecer respostas ás inxustizas que a negan.

O amor permítenos mirar e ver cos ollos de Deus, coa súa mesma mirada, e formular os nosos xuízos con xustiza e misericordia, para actuar á maneira de Deus, que coida de todos os seus fillos por amor.

Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa: Construír o futuro cos migrantes e os refuxiados. A presenza dos migrantes e os refuxiados representa un enorme reto, pero tamén unha oportunidade de crecemento cultural e espiritual para todos. Grazas a eles temos a oportunidade de coñecer mellor o mundo e a beleza da súa diversidade. Podemos madurar en humanidade e construír xuntos un “nós” máis grande. Na dispoñibilidade recíproca xéranse espazos de confrontación fecunda entre visións e tradicións diferentes, que abren a mente a perspectivas novas. Descubrimos tamén a riqueza que encerran relixións e espiritualidades descoñecidas para nós, e isto estimúlanos a profundar as nosas propias conviccións.

Construamos o futuro, fagámolo xunto cos nosos irmáns e irmás migrantes e refuxiados. Construámolo hoxe!

Da Folla Parroquial de San Francisco Xavier

A cruz dos naufraxios

Galicia está no extremo occidental do Imperio Romano, e este na súa lexislación tiña establecida como pena de morte a crucifixión para os que non fosen cidadáns romanos, de xeito que servise de escarmento e escarnio público e ademais a agonía ía acontecer nun período de tempo máis ben longo. As cruces eran situadas nun lugar visible, ben fose nunha vía de comunicación o nun pequeno monte na beira da cidade.

No extremo oriental do Imperio Romano foi condenado á morte na cruz Xesús o Nazareno. Dende entón a cruz é fundamentalmente un signo de consolo para o que sofre, pois nela percíbese a solidariedade do Deus de Xesús connosco, e tamén o apoio dos que queren ser os seguidores de Xesucristo continuando a súa misión co alento do seu Espírito.

Estes días está na parroquia de S. Francisco Xavier de Lugo a CRUZ DE LAMPEDUSA, vinculada á Cruz de Xesucristo, que leva consigo moitos xestos e experiencias importantes de sufrimento para os cidadáns de hoxe, para que non apartemos a mirada dos que sofren hoxe e nos comprometamos coa súa liberación.

A Cruz de Lampedusa debe o seu nome a unha pequena illa, Lampedusa, situada ao sur de Italia, preto de Libia, que vén sendo a principal porta de entrada a Europa para moitos migrantes. A primeira viaxe apostólica do Papa Francisco, o 8 de xullo de 2013, foi a Lampedusa a pouco máis de tres meses do comezo do seu pontificado. Uns días antes naufragara un barco con refuxiados no que morreron 349. Calcúlase que preto de 20.000 persoas pereceron no mar entre Libia e Italia nos últimos 20 anos, e que a illa estase convertendo a miúdo nun gran campo de refuxiados. O Papa celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, e ante o mar Mediterráneo, que leva camiño de ser un gran cemiterio de migrantes, o Papa denunciou: “Onde está o teu irmán? Quen é o responsable deste sangue? Ninguén! Todos responden igual: non fun eu, eu non teño nada que ver… caemos na globalización da indiferenza”.

A cruz foi construída polo artista Franco Tuccio aproveitando as táboas dos barcos naufragados na illa. O 9 de abril de 2014 o Papa recibiuna como agasallo da fundación italiana Casa dello Spiritu e delle Arti, unha entidade de Milán que traballa en favor dos pobres, e ao bendicila dixo: “Non podemos seguir vivindo anestesiados ante a dor allea. Leven a todas partes a Cruz de Lampedusa como símbolo, para achegar e non esquecer o drama e a realidade dos inmigrantes…”. Dende entón a fundación puxo en marcha a Viaxe da Cruz de Lampedusa por diversos lugares para promover a solidariedade e a paz, e combater a globalización da indiferenza.

Estes días son momentos oportunos para facer ante a cruz unha pequena parada no camiño das nosas vidas, revisar como está sendo o noso camiñar persoal e social, e logo volver ao camiño con actitudes anovadas e forzas novas. Este deterse debe facernos ser conscientes entre outras cousas de:

-As realidades de grave sufrimento seguen presentes nas nosas sociedades e non podemos apartalas do noso camiñar pola vida. Prescindir dos que están sufrindo sería deshumanizarnos.

-Os inmigrantes e refuxiados existen, non só os de Ucraína. A maioría deles sofren moitas penalidades de todo tipo, e son membros da única humanidade existente!

-Ter que saír da propia terra por fame, miseria, explotación, violencia ou persecución de calquera tipo é un atentado contra os dereitos humanos.

-A solidariedade cos empobrecidos e perseguidos é unha obriga para toda persoa que queira ter un mínimo de responsabilidade, que queira ser persoa. Por iso con razón no Código Penal aparece o delito de DENEGACIÓN DE AUXILIO, e pode aplicarse con xustiza se non axudamos aos que están en perigo.

-Nas nosas sociedades estamos consentido que se lle dea máis valor ao capital ca ás persoas e os seus dereitos, os cartos son antes que os seres humanos, o que é unha grave inxustiza.

-Fálase do dereito a divertirse das persoas e dos mozos pero, aparece ese dereito nalgunha declaración dos Dereitos Humanos? O que si aparece é o dereito a ser atendido cando alguén se atope necesitado, e todos teremos a obriga de dar resposta a ese dereito dun irmán.

-Xa hai países que externalizan aos solicitantes de asilo a outros países máis pobres, mentres se tramita o seu permiso de entrada ou o seu rexeitamento. Parécenos isto humano e xusto?

Moitas máis reflexións, preguntas e compromisos de vida nos poden xurdir ante a Cruz de Lampedusa. Non perdamos esta oportunidade!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Sen compromiso non hai traballo decente

As organizacións promotoras da iniciativa Igrexa por un Traballo Decente (ITD) unimos as nosas voces na celebración do traballo e san Xosé Obreiro, para reafirmar que sen compromiso non hai traballo decente. Para conseguilo, é necesario o compromiso de homes e mulleres que queiran abordar os problemas relacionados co emprego, desde a solidariedade, o ben común, e a defensa da xustiza social en todo lugar e momento, a nivel persoal, ambiental e institucíonal.

Se ha uns anos a inserción laboral estaba unida a procesos de inserción social asistimos agora con estupor ao fenómeno da precariedade e a inestabilidade laboral, que fai que moitas persoas non poidan saír da pobreza a pesar de ter un ou múltiples traballos con horarios demenciais e salarios de miseria; especialmente mozos, mulleres e mígrantes. Estas situacións de exclusión intensifícanse entre as persoas de orixe estranxeira que se atopan en situación administrativa irregular, porque non teñen posibilidade de acceso ao mercado laboral regular nin ao sistema de protección.

Vense sometidas á necesidade de sobrevivir durante tres anos no noso país para alcanzar iso que chamamos arraigamento social… que non é máis que unha longa carreira de obstáculos para sobrevivir.entre múltiples dificultades ante a mirada indiferente, de sorpresa ou de indignación da cidadanía autóctona: Quen non coñece a estas alturas a algunha persoa de ben que desexa traballar no noso país e non pode facelo legalmente porque non lle está permitido? Quen non coñece a empregadores que non poden contratar polo mesmo motivo?

As entidades sociais que traballamos a diario no mundo da inserción laboral sabemos ben destas e outras múltiples situacións que botan continuamente a mulleres, mozos e migrantes á explotación e a aporofobia. A concatenación de crises que vimos sufrindo nos últimos anos reafirman a idea da orixe estrutural dos problemas sociais e úrxennós a que deamos resposta social á necesidade dun cambio no sistema produtivo que prioriza o beneficio económico fronte á dignidade das persoas, procedan de onde procedan, sexan como sexan. No noso compromiso como Igrexa polo Traballo Decente defendemos a dignidade do traballo como unha prioridade humana e, por iso, unha prioridade cristiá e un compromiso de toda a Igrexa.

Reivindicamos a igualdade salarial entre mulleres e homes, creación de emprego xuvenil de calidade, promoción dunha contorna de traballo seguro, que as persoas empregadas de fogar teñan acceso aos mesmos dereitos, regularización urxente de persoas migrantes, acceso a medidas de protección social.

Reclamamos, xunto ao papa Francisco, o traballo «especialmente traballo decente e non de calquera xeito», como garantía para a inclusión, o desenvolvemento e a dignidade das persoas.

Dulce María Salvadores Cobas

A %d blogueros les gusta esto: