Intervencións no Congreso “O Mundo das Catedrais”

O 15 de xuño a Diocese de Lugo estará representada no Congreso Internacional VIII Centenario da Catedral de Burgos: O Mundo das Catedrais.

Ese día intervirá o director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, coa comunicación “A evolución dos órganos da Catedral de Lugo durante a Idade Moderna”. E pola súa parte, o delegado Episcopal de Liturxia da diocese, José Antonio Ferreiro Varela, e o director do Departamento de Patrimonio Histórico-Artístico, Jesús Salvador López, presentarán unha investigación que leva por título: “Iconografía de San Froilán. A devoción polo Patrón na Catedral de Santa María de Lugo”.

Apertura da igrexa do Salvador de Vilar de Donas para a súa visita

A partir do día 15 de xuño abrirase para a súa visita a igrexa do Salvador de Vilar de Donas. Este templo románico é ben de interese cultural de Galicia, monumento nacional desde 1931. Abrirá para a súa visita co seguinte horario: mércores e xoves de 16:00 a 20:00h; venres, sábado e domingo de 10:00 a 13:00h. e de 16:00 a 20:00 horas. Esta apertura será posible grazas á iniciativa da Diocese e ao traballo e entrega dos misioneiros combonianos responsables da pastoral na zona de Palas de Rei, onde permanecen abertas diariamente as igrexas de:

– – Santiago de Lestedo, de 11:30 a 14:00h. e de 15:30 a 17:30h. de luns a domingo;

– – San Xulián do Camiño de 9:00 a 13:30h. de luns a domingo

– – San Tirso de Palas de Rei de 7:30 a 14:00h. e de 16:00 a 20:00h. todos os días da semana.

A estas igrexas súmase, como queda dito, a do Salvador de Vilar de Donas.

Restauremos o mundo

Onde abunda o mal, ninguén está cómodo. É o que sucede no mundo actual. Hai tanta maldade nesta terra, que nos resulta incómodo vivir nela.

Ante esta situación caben dúas opcións: destruíla ou restaurala. Se non nos interesa este mundo porque cheira mal, destruámolo. Pero se nos interesa, e non nos gusta, restaurémolo e gustaranos.

O proxecto xa o temos: sérvenos o mesmo que utilizou o Eterno Pai para crear o primeiro mundo e que lle saíu bo e fermoso. Para iso utilizara bos materiais, boa terra, boa luz, boas augas, bos montes, bos vales… Incluso o home saíralle bo, moi bo, con capacidade de dicir a última palabra. Deus arriscouse facendo libre ao home, e este falloulle, e facendo mal uso da súa vontade, deteriorou o mundo que o Señor lle regalou. Isto desgustou ao Creador, pero non desistiu do seu primeiro proxecto, e decretou a restauración do mundo. Pero agora non se fía do home, e confía a restauración ao seu propio Fillo Xesucristo, e este acometeu a “recreación do mundo”, aproveitando moitos dos materiais do primeiro mundo: o mesmo sol, as mesmas augas, a mesma terra, as mesmas estrelas… Pero a peza máis importante do primeiro mundo, o corazón do home, corrompeuse, está inservible. Hai que pensar nun “recambio de pezas”. O esqueleto de Adán é aproveitable, pero o seu corazón está inservible: hai que pensar nun transplante de corazón. A operación é de alto risco e só a pericia dun experto cirurxián ofrece garantías. Tal cirurxián non existe na terra, ten que vir do ceo. E de alá mándanolo o Señor, encargándolle que traia consigo o corazón a trasplantar, xa que ningún dos da terra é aproveitable.

Xesucristo acepta o labor; baixa do Ceo e ponse ao choio. Toma o seu corazón santísimo e, utilizando a anestesia do seu divino amor, colócao no tórax do home pecador. A intervención foi todo un éxito: xa temos un home novo, un corazón novo, un mundo fermoso, unha humanidade redimida. Conectemos os nosos corazóns co corazón de Cristo, que ten capacidade para bombear sangue de bondade a todos os seus membros, que somos nós.

E alegrémonos, xa que as cousas melloraron notablemente. O primeiro mundo tiña un bo corazón, obra de Deus; pero era un corazón humano vulnerable. O corazón do novo mundo é divino. Gocémonos e colaboremos con el para que todo sexa fermoso aos ollos de Deus e dos homes de boa vontade. Adán escoitou ao diaño e este enganouno. Escoitemos nós a Xesús, e estaremos seguros de que o noso comportamento nos manterá fieis ao Señor.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Todos en camiño

Estamos en camiño, miremos ao futuro. Tivemos principio. Non teremos termo. Somos rosas de eternidade. O noso mañá está en construción. Un dobre arquitecto dirixe a obra. A Deus débese o proxecto: a El e a cada un débese a execución. Do proxecto encárgase o Señor. Para a realización conta coa nosa colaboración, e nós coa súa graza e a nosa vontade. Todo un milagre da providencia. Os santos caen cara arriba. Aquí fallan as leis da física, pero imponse a forza da graza e a vontade persoal de cada persoa. Aquí parece coma se Deus renunciase a parte da súa autonomía e cedese ao home boa parte da súa responsabilidade e das súas posibilidades, pero non parte das súas responsabilidades. Porque Deus así o quixo. A última palabra queda reservada ao home. Entramos no campo do misterio, pero sen saírnos do ámbito da providencia. Como se conxuga a providencia e a paternidade do Señor?. Mantémonos no misterio que nos retén na escuridade, pero sen marxinarnos no espazo da verdade.

O mundo é escenario de santificación, pero non é camiño de ceo; a nada que nos descoidamos, imos á perdición. Á vista da experiencia hai que formular o noso devir salvífico, nos seguintes termos: “camiñante, non hai camiño; faise camiño ao andar”. Xesús díxonos: “Eu son o camiño, a verdade e a vida”. Quen abandona esa senda, corre o risco de equivocarse de meta. O mundo é un labirinto de encrucilladas que dificulta tomar decisións; por iso as rutas das peregrinacións están sinalizadas con abundantes indicacións que facilitan ao camiñante a ruta a seguir no seu fatigoso camiñar. As abundantes cunchas do peregrino prestan este servizo ao devoto camiñante, como tamén llo prestan os abundantes cruceiros graníticos dos nosos relixiosos sendeiros e as estatuas de singulares peregrinos, cuxas pegadas permanecen esculpidas en pedras, polas plantas encalecidas dos nosos avós que regaron as corredoiras dos nosos vales coa suor da súa fe, feita devoción e sacrificio.

A suor do camiñar evapórase co fresco da tarde, pero a transformación do peregrino é patente ao regreso do seu relixioso camiñar: atopouse co Señor, e este encontro converteuno nun home novo. Agora no fogar hai estrea de aptitudes: hai un esposo distinto; un veciño novo no pobo; un ambiente distinto no fogar. Onde está Deus, todo é novo e mellor; e isto sucedeulle ao peregrino que se atopou co Señor, ao final da súa peregrinación. Esta era a meta e esta foi a felicidade.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: