Autonomía e relixión

Autonomía de Deus e relixiosidade do home son dous conceptos dificilmente compatibles. Crer e ter fe non se identifican. Para crer abonda a cabeza. Para ter fe requírese o corazón. Crer é admitir as verdades reveladas por Deus. Fe é fiarse plenamente de Deus, que nos fala.

A diferenza está en que para crer abonda a cabeza e a graza. Para ter fe, requírese o corazón e a graza.

Relixiosidade significa relación do home con Deus. Pero Deus, pola súa autonomía conxénita, non depende de ningún outro elemento creado. A este respecto, hai que recoñecer que fe e relixiosidade non se identifican, pero compleméntanse. Todas as persoas somos seres racionais, e Deus tamén o é.   El quere comunicarse connosco, e o seu vocabulario son as súas obras e as súas palabras.

Segundo a Biblia, a fe é a fonte de toda a vida relixiosa. Relixión significa relación do home con Deus, e de Deus co mundo. Deus ten un designio de redentor sobre o mundo, e para levalo a feliz termo, establece diálogo co home, revelándonos o seu plan salvífico, e pedíndonos a nosa colaboración. Tal colaboración consiste en que nós aceptemos a súa invitación, renunciando a preguntarlle a Deus o “porqué” do seu proxecto, manténdonos en prudente silencio, xa que nos estamos movendo en espazos de fe. A fe non é claridade, pero é firmeza. A fe, máis que admitir o que se nos comunica, é fiarse de quen nos fala. Isto non significa que as verdades de fe sexan irracionais: superan o noso raciocinio, pero non son contrarias á nosa razón.

Falando de misterios, non podemos dar razón de porqué cremos. Seguimos sen comprender o misterio, pero estamos seguros de que nos mantemos na verdade porque bebemos na fonte do ben e da verdade. Pola súa banda, o Señor, que todo o fai ben, presenta cribles os misterios, confirmándoos coas súas obras.

Cando o home pisou terra por primeira vez, a planta do seu pé ocupou o espazo cero da creación, pero non deixaba de percibir diversos fenómenos na natureza, sen poder explicar a súa fenomenoloxía. Naquelas circunstancias algúns individuos creron descubrir o específico de tales fenómenos, e manifestaban o seu punto de vista aos seus contemporáneos. Con todo, pasado algún tempo, xurdían outros sabios que se crían con máis luces e desmentáan as teorías dos seus antepasados, e presentaban novas perspectivas para explicar os fenómenos que contemplaban os seus ollos.

Eses sabios non eran relixiosos, e non facían referencia algunha á transcendencia, polo cal as súas achegas pronto caeron por terra.

Providencialmente Deus suscitou a homes relixiosos, cuxos sentimentos sobrenaturais lles moveron a mirar ao ceo, e concluíron que nas alturas, tiña que haber un ser superior autor de tales prodixios, e falaron de Deus e das súas marabillas. Foron os homes de Deus do Antigo Testamento, que, como profetas, anunciaron un futuro Mesías, que poría moi clara a providencia do Señor, dicíndonos que se non cremos as súas palabras, aceptemos as súas obras, as cales confirman os seus ensinos.

En efecto, o Mesías é a Palabra de Deus, cuxa infalibilidade é incuestionable. Creámolo.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Frear a desigualdade está nas túas mans

Estamos na semana grande de Mans Unidas, organización da Igrexa en España que loita contra a fame no mundo desde hai xa case 65 anos.

O lema da campaña deste ano, «frear a desigualdade está nas túas mans», convídanos, unha vez máis, a facernos responsables da situación e a pór todo o que está nas nosas mans para cooperar co desenvolvemento dos lugares máis empobrecidos e excluídos do planeta.

Este lema lévanos a pensar naquelas palabras de Xesucristo, «dádelles vós para comer», e noutros moitos milagres nos que liberaba das distintas escravitudes aos que se achegaban a El.

Non se trata de encher estas liñas con datos das persoas que pasan fame no mundo ou das que non teñen acceso á sanidade ou á educación. Sabemos dabondo que non todas as persoas teñen nin os mesmos medios nin as mesmas oportunidades. Aínda que estamos na era da información, agora non se fala destas cousas nin vemos imaxes na televisión de nenos esfameados nin co ventre inchado como hai anos. Pero que non se vexan non quere dicir que non existan.

Non podemos autoenganarnos con iso de que «ollos que non ven, corazón que non sente», porque a realidade é a que é e denúncianos: a desigualdade converteuse na maior ameaza e o maior desafío mundial. Para moitas persoas, pensar en desigualdade e en fame é pensar nun reto imposible, un problema sen solución ante o que non se pode facer nada.

A obrigación, polo menos moral, de axudar aos demais é algo natural no ser humano. O normal é que as persoas nos axudemos na medida das nosas posibilidades. En principio non necesitariamos máis alicientes para facelo, abondaría unicamente co sentimento humanitario.

Pero os cristiáns temos unha motivación máis e maior, xa que Xesucristo veu poñer os medios para alcanzar unha nova orde para os homes: o Reino de Deus, que, como di un dos prefacios da Misa, é «un reino eterno e universal, o reino da verdade e da vida, o reino da santidade e a graza, o reino da xustiza, o amor e a paz».

Trátase dun Reino xa inaugurado, pero que chegará á súa plenitude até o fin dos tempos. Estamos aínda en camiño, mais queremos vivir xa desde agora e adiantar ao tempo presente as condicións dese Reino, que está chamado ser plenificado: que todo o mundo poida vivir en xustiza, amor e paz. Ou, dito doutro xeito, que todos, sen excepción, podamos ter os medios suficientes para levar unha vida digna no material e o espiritual.

Con todo, Deus, aínda que fai milagres, non fai maxia. As nosas mans están chamadas a ser as mans de Deus. Deus pensounos autónomos e deunos a capacidade de loitar coas nosas propias mans contra a fame, a desigualdade e as inxustizas.

Por humanidade, como colaborador do Creador, como anticipo do Reino de Deus, frear a desigualdade está nas túas mans. Colabora con Mans Unidas!

Miguel Angel Álvarez Pérez

Consiliario de Mans Unidas Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: