Elixir configurar a vida

Esta afirmación é de aplicación para toda persoa humana en calquera situación, pois mesmo non decidir é unha elección. As condicións libres para decidir deben ser: unha aspiración constante para ampliar os horizontes do vivir humano e unha realidade que estea na base das decisións xa tomadas.

Os migrantes e refuxiados son unha preocupación constante na Igrexa, xa que son persoas afectadas por inxustizas e sufrimentos, tamén en situación de empobrecemento. Por iso non estraña que o 24 de setembro fose a 109 Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados, o que manifesta un compromiso constante con eles a prol da súa liberación e emancipación.

O lema elixido para a xornada deste ano é: “Libres para elixir se migrar ou quedarse”. Este lema pon o eixo da vida social na LIBERDADE como base fundamental do vivir humano. Esta demanda de liberdade supón unha esixencia para moitas institucións que destaco a continuación:

a) Para os gobernos dos países tanto de emigración como de inmigración, co que a ambos se lles demanda que posibiliten as condicións necesarias para que nos países respectivos haxa esa liberdade. A centralidade da liberdade leva consigo a denuncia das ditaduras que a queren impedir mesmo por lei. A algúns deses réximes hoxe se lles chama “iliberales”, cunha linguaxe politicamente neutra para que pasen máis ben desapercibidos.

b) Tamén supón esixir que na relación entre os estados desapareza todo colonialismo e imperialismo. Ese tipo de relación de dominación debe ser desterrada para pasar a unhas relacións de colaboración entre os diversos países.

c) A demanda de liberdade é un chamamento a todas as institucións internacionais para que fagan xustiza no planeta, e esta posibilite un auténtico desenvolvemento dos países en todos os lugares, así como que se garantan as condicións socioeconómicas necesarias para un exercicio real da liberdade para todas as persoas. É unha tarefa esixente dadas as realidades que vemos no noso arredor. As institucións cos seus representantes non poden dimitir desa responsabilidade compartida e inaprazable.

d) Igualmente pon de manifesto o necesario compromiso que toda persoa de boa vontade e todos os cidadáns temos para traballar a favor da liberdade de todas as persoas da humanidade. Isto esixe que promovamos o ben común mundial.

A mensaxe do papa Francisco deste ano 2023 chámanos a comprometernos contra as causas das migracións forzadas ao dicir: “Entre as causas máis visibles das migracións forzadas contemporáneas atópanse as persecucións, as guerras, os fenómenos atmosféricos e a miseria. Os emigrantes escapan debido á pobreza, ao medo, á desesperación. Para eliminar estas causas e acabar finalmente coas migracións forzadas é necesario o traballo común de todos, cada quen de acordo coas súas propias responsabilidades“.

É de xustiza que todos traballemos en garantir a participación equitativa de todos no ben común, no respecto aos dereitos humanos fundamentais e no acceso ao desenvolvemento humano integral. Ao migrante débeselle garantir que poida tomar a decisión con información correcta e condicións serenas. Hoxe faise necesario reivindicar o dereito a non ter que emigrar e a poder vivir na propia terra con paz e dignidade.

A poboación estranxeira en España achégase o 14 % e en Galicia supera o 4 %, aos que se poderían sumar os xa nacionalizados como españois. Viven en situación irregular administrativa uns 500.000, sendo uns 150.000 menores de idade.

Na cultura europea dende o nacemento de Xesús nun cortello e deitado nun pesebre cerca de Belén sábese que a intemperie é o lugar de Deus. A fuxida de Xesús a Exipto e a súa afirmación de que “fun migrante e acolléstesme” convérteo no inmigrante por antonomasia, e acompaña aos migrantes nas rutas migratorias, nos CIE, nas deportacións… Xesús na Cruz móstralles unha radical solidariedade.

É tarefa humanizadora para toda persoa “ser facedor de pontes de encontro” entre persoas, culturas, relixións e países, cada un ao seu nivel de responsabilidade. Niso haberá que superar os medos e o etnocentrismo sendo conscientes de que só hai unha única humanidade.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Inauguración da nova sede de Cáritas de Sarria

 

O xoves 21 de setembro tivo lugar a inauguración e bendición da nova sede de Caritas Interparroquial de Sarria, acto que presidiu o Bispo de Lugo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. E tamén interviu a directora de Cáritas Diocesana de Lugo Dª Amparo González Méndez.

A inauguración foi na Parroquia Nosa Señora do Rosario – Rúa Formigueiros 0, 3º. Esta sede consta de catro despachos nos que se ofrecerá asesoramento inicial, asesoramento xurídico, orientación para o emprego, etc. Tamén conta cunha sala de reunións e unha aula de formación.

A Igrexa e a educación (I)

Nos albores dun novo curso académico, a ninguén na provincia de Lugo lle resulta indiferente a aposta educativa que a Diocese lucense realizou nos últimos meses. Ao Colexio Diocesano San Lorenzo e Seminario Menor súmanse outros dous colexios e unha escola infantil. A preocupación da Diocese pola formación das novas xeracións é clara, pero non nova.

A Igrexa católica sempre tivo unha particular preocupación polo cultivo da ciencia e a súa transmisión. Xa nos primeiros séculos aparecen as chamadas Escolas catequéticas en Alexandría, en Cesarea e en moitos outros lugares, nas que se ensinaba gramática, filosofía e teoloxía.

Durante a Alta Idade Media un exército de monxes dedícase a custodiar nos seus mosteiros os restos dunha cultura que se desmorona debido ás invasións bárbaras. Reúnen multitude de tratados científicos e grandes obras literarias, estúdanos e cópianos para poder transmitilos a outros centros e á posteridade. Os mosteiros benedictinos foron o último baluarte da cultura naqueles séculos difíciles, caracterizados por continuas guerras. Destacan sabios como Santa Hildegarda de Bingen, abadesa benedictina e autora de eruditos tratados de medicina e botánica.

Na Plena Idade Media xorden as primeiras universidades baixo o amparo da Igrexa. Nelas cultívanse a teoloxía, a filosofía, a medicina, o dereito civil e o dereito canónico. É incontable a pléiade de doutores que iluminaron coa súa ciencia tales institucións e o mundo enteiro.

Nesta época, que poderiamos chamar cristiá, pese ao apelativo de escura e supersticiosa que algúns pretenden atribuírlle, florecen as ciencias e as artes baixo a éxida da Igrexa. No campo da literatura aparecen as grandes obras mestras de todos os tempos e lugares: o Cantar de mio Cid en España,  Chanson de Roland en Francia, Divina Comedìa de Dante en Italia, Parzival de Wolfram von Eschenbach en Alemaña. O mesmo ocorre no campo da arquitectura, como proba a beleza excepcional das catedrais góticas de Colonia, Milán, Burgos, Canterbury e París. E que dicir dos monumentos científicos? A Summa de Santo Tomé de Aquino en teoloxía; os comentarios de San Alberto Magno a Aristóteles en filosofía, as Summulae de Pedro Hispano en lóxica, o Decretum de Graciano en dereito canónico e as Partidas de Alfonso X “o Sabio” en dereito civil. No campo das ciencias experimentais destaca a egrexia figura de Roger Bacon, frade franciscano e un dos iniciadores do método científico. E non podemos esquecer aos profesores do Merton College da Universidade de Oxford, que no século XIV decidiron aplicar as matemáticas á física, sendo, pois, precursores da física moderna.

A Idade Antiga e a Idade Media son testemuñas do vivo interese da Igrexa católica pola ciencia e a educación. Veremos que as seguintes épocas tamén o son. Continuará…

Ignacio Felpeto

Sacerdote da Unidade pastoral de Castroverde

Peregrinación a Santiago de presos e funcionarios de Bonxe

Tras varias décadas organizando o cárcere de Bonxe, en colaboración coa Pastoral Penal, unha peregrinación anual polo Camiño Primitivo, este ano retómase, tras quedar suspendida no ano 2020. O ano pasado gañárase o Xubileu, xunto con outras prisións españolas, e decidírase reanudar as peregrinacións a pé. Durante cinco días, oito presos, catro funcionarios e un voluntario farán o Camiño Primitivo, despois de que o capelán da prisión de Bonxe, José Río, impartise a bendición do peregrino na Catedral de Lugo.

O Deus da alianza

Deus creou ao home para ter a quen amar e posto a amar, ama para sempre. Todo amor pide correspondencia e a correspondencia ao amor de Deus debería ser amalo a El e a aqueles aos que Deus ama. Nunha palabra, amar a Deus como pai e amarnos uns a outros como irmáns. Inexplicablemente, este plan do Creador non se levou a cabo. Os homes pretenden construír unha torre que chegue ata o ceo para non ter que depender de Deus. E Caín deu morte ao seu irmán Abel para non ter que compartir o mundo con el.

A pesar deste comportamento decepcionante do home, o amor de Deus mantense íntegro no seu divino corazón e non decreta destruír ao home, senón facer unha nova amizade con El.

O antigo pobo de Israel declarouse fiel ao Señor. Pero, co tempo, e ao contaxio con outros pobos pagáns, moitos israelitas apartáronse da relixión monoteísta dos seus antepasados e daban culto aos ídolos das canles e a outras falsas divindades.

Ante esta situación, o Señor propúxolle unha alianza a pobo infiel: Xosué, lugartenente e máis tarde sucesor de Moisés, convocou ás tribos de Israel e díxolles: “Eu e a miña familia non abandonaremos ao Deus dos nosos pais, que nos sacou da escravitude de Exipto… e protexeunos nos camiños que percorremos no medio doutros pobos. Vós, se non queredes servir ao Señor, buscade a quen servir”. Eles contestaron: “Tamén nós serviremos ao Señor; El é o noso Deus e nós somos o seu pobo”.

Estas palabras dos israelitas eran sinceras pero as súas actitudes eran inconstantes e unha e mil veces os seus comportamentos desmentiron as súas palabras. Ante a promesa da Eucaristía, na que Xesús promete darnos a súa carne como comida e o seu sangue como bebida, moitos dos seus seguidores abandonárono e mesmo os discípulos sentiron a tentación de marcharse. Entón resistiron a tentación dicindo: “Onde imos acudir, se só Ti tes palabras de vida eterna?”. Con todo, esta seguridade de ser fieis ao Mestre quedou desmentida o Venres Santo: traizón de Xudas; tres negacións de Pedro e o abandono dos demais. A pesar de todo, a fidelidade de Xesús mantense estable e continua amándonos co amor de sempre.

Penso que nin nas tribos israelitas reunidas en Siquén, nin no corazón dos Apóstolos houbo actitude maliciosa algunha, senón moita debilidade, pero unha vez que toman conciencia da súa caída piden perdón e recuperan a súa condición de amigos do Señor. Esta é tamén a nosa historia: o santo bautismo limpounos o pecado orixinal pero a nosa natureza quedou ferida e proclive ao mal e nel incidimos un día e outro tamén. Lamentamos esta situación e dóennos as nosas infidelidades ao amor de Deus. Pero consólanos saber que a súa misericordia é infinita e que antes cansariamos nós de ofendelo que El de perdoarnos.

Agradezcámoslle tanta bondade e tanta comprensión. Prometámoslle os nosos esforzos para superar as nosas debilidades; e collidos da súa man, camiñemos animosos coa esperanzas de que as nosas vidas terán un desenlace feliz.

Cargamos as pilas de esperanza e de ánimo para abordar os problemas da vida con enteireza de fillos de Deus. Poñamos nós o esforzo e El poñerá o éxito.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

A %d blogueros les gusta esto: