A Igrexa e a educación (I)

Nos albores dun novo curso académico, a ninguén na provincia de Lugo lle resulta indiferente a aposta educativa que a Diocese lucense realizou nos últimos meses. Ao Colexio Diocesano San Lorenzo e Seminario Menor súmanse outros dous colexios e unha escola infantil. A preocupación da Diocese pola formación das novas xeracións é clara, pero non nova.

A Igrexa católica sempre tivo unha particular preocupación polo cultivo da ciencia e a súa transmisión. Xa nos primeiros séculos aparecen as chamadas Escolas catequéticas en Alexandría, en Cesarea e en moitos outros lugares, nas que se ensinaba gramática, filosofía e teoloxía.

Durante a Alta Idade Media un exército de monxes dedícase a custodiar nos seus mosteiros os restos dunha cultura que se desmorona debido ás invasións bárbaras. Reúnen multitude de tratados científicos e grandes obras literarias, estúdanos e cópianos para poder transmitilos a outros centros e á posteridade. Os mosteiros benedictinos foron o último baluarte da cultura naqueles séculos difíciles, caracterizados por continuas guerras. Destacan sabios como Santa Hildegarda de Bingen, abadesa benedictina e autora de eruditos tratados de medicina e botánica.

Na Plena Idade Media xorden as primeiras universidades baixo o amparo da Igrexa. Nelas cultívanse a teoloxía, a filosofía, a medicina, o dereito civil e o dereito canónico. É incontable a pléiade de doutores que iluminaron coa súa ciencia tales institucións e o mundo enteiro.

Nesta época, que poderiamos chamar cristiá, pese ao apelativo de escura e supersticiosa que algúns pretenden atribuírlle, florecen as ciencias e as artes baixo a éxida da Igrexa. No campo da literatura aparecen as grandes obras mestras de todos os tempos e lugares: o Cantar de mio Cid en España,  Chanson de Roland en Francia, Divina Comedìa de Dante en Italia, Parzival de Wolfram von Eschenbach en Alemaña. O mesmo ocorre no campo da arquitectura, como proba a beleza excepcional das catedrais góticas de Colonia, Milán, Burgos, Canterbury e París. E que dicir dos monumentos científicos? A Summa de Santo Tomé de Aquino en teoloxía; os comentarios de San Alberto Magno a Aristóteles en filosofía, as Summulae de Pedro Hispano en lóxica, o Decretum de Graciano en dereito canónico e as Partidas de Alfonso X “o Sabio” en dereito civil. No campo das ciencias experimentais destaca a egrexia figura de Roger Bacon, frade franciscano e un dos iniciadores do método científico. E non podemos esquecer aos profesores do Merton College da Universidade de Oxford, que no século XIV decidiron aplicar as matemáticas á física, sendo, pois, precursores da física moderna.

A Idade Antiga e a Idade Media son testemuñas do vivo interese da Igrexa católica pola ciencia e a educación. Veremos que as seguintes épocas tamén o son. Continuará…

Ignacio Felpeto

Sacerdote da Unidade pastoral de Castroverde

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: