A Catedral de Lugo ten un novo servizo para as visitas culturais e turísticas

O deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo, informa da novidade aos medios de comunicación

 O 18 de xuño púxose en práctica o convenio de acompañamento na xestión integral da visita turístico-cultural á Catedral de Lugo que o Cabido acordou coa empresa ArtiSplendore. A finalidade é dar unha resposta axeitada e profesional ao incremento de visitas turísticas e ao crecente número de peregrinos que acoden á Basílica.

Este tipo colaboración é unha fórmula coñecida e aplicada noutras catedrais galegas, españolas e estranxeiras.

A Catedral de Lugo ten unha particularidade excepcional: é un templo eucarístico coa exposición permanente do Santísimo no seu altar maior, e por tanto é, en primeiro lugar, centro de oración e culto. Esta dimensión é irrenunciable e, precisamente por iso, é necesario garantir o ambiente de recollemento.

A xestión e organización do culto e a vida litúrxica son responsabilidade do cabido catedralicio e a empresa ArtiSplendore limitarase exclusivamente á xestión das visitas culturais e turísticas á Catedral. Búscase a convivencia entre a dimensión celebrativa e de culto, coa visita cultural: por unha banda, mantense o acceso libre e gratuíto de todas as persoas que vaian rezar ou ás celebracións eucarísticas e, por outro, hai un acceso ordenado e controlado daquelas persoas só interesadas en visitar o templo como lugar cultural, de maneira que nunca se entorpeza o necesario ambiente de silencio e oración.

ArtiSplendore presta un servizo profesional de acollida, acompañamento e explicación tanto da Catedral, como do Museo Diocesano – Catedralicio e das torres. As visitas culturais e turísticas comprenderán:

– Un servizo de audioguías, para que o visitante goce do patrimonio da Catedral dunha forma amable e didáctica. Os guións reproducidos combinan investigación histórica e sensibilidade para superar as expectativas do visitante. Os idiomas dispoñibles nos dispositivos serán os seguintes: español, galego, inglés, francés, e portugués. Proximamente haberá unha audioguía para o público infantil.

– Articketing será outro servizo tecnolóxico: unha plataforma de xestión de venda de entradas a través de múltiples canles de venda.

Outras accións irán encamiñadas a un maior coñecemento da Catedral fóra de Galicia.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: