A Misa tamén é para os vivos

A ver como o digo. Cando nas parroquias avísase de que a Misa de tal día é por tal persoa, xa sabes que ese día vai estar a igrexa chea. Non falla, é así. De igual xeito, na Misa diaria en moitas igrexas da cidade ou das vilas a afluencia de fieis está marcada polas intencións de misas que estean anunciadas.

Non vou ser eu o que diga que non serven de nada as misas polos defuntos. Non o digo porque ben sei que é o mellor que podemos facer por eles: rezar e ofrecer a santa Misa. Lémbranolo un texto do Segundo Libro dos Macabeos que se le con moita frecuencia nas misas de exequias: «É unha idea piadosa e santa rezar polos defuntos para que sexan liberados do pecado». E en moitas ocasións o mesmo Xesucristo convídanos a pedir con insistencia ao seu Pai aqueles que necesitamos.

Tamén me vexo na obrigación de lembrar que en todas, repito, en todas as misas de calquera día do ano e por calquera motivo, pídese sempre por todos os defuntos. Polo xeral, a parte final das distintas pregarias eucarísticas sempre está reservada para pedir polos defuntos: por algún en concreto e sempre por todos.

Lembro estas cousas porque teño a impresión de que moita xente pensa que as misas só son actos para lembrar aos defuntos ou para pedir por eles.

Dito isto, hai que lembrar que as misas son tamén, e sobre todo, para os vivos. Somos nós, os que aínda peregrinamos por este mundo, os que máis estamos necesitados da graza de Deus.

Se boto a mirada cara atrás e, simplemente, fago un pequeno recordo de persoas falecidas que coñecín, sexan da miña familia ou non, decátome perfectamente de que son eu o que necesito moito máis da graza de Deus que todos estes defuntos que coñecín. Xa saben aquilo de que «Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra» (Xn 8, 7b). Supoño que moitos de vós estaredes a pensar en que os vosos pais ou avós eran moito mellores que vós.

Se observo a miña vida e fago un simple exame de conciencia vexo claramente que os supero a todos en debilidade e pecado. Por tanto, son eu o que de verdade necesita ir a Misa para que Xesucristo repare o meu corazón ferido polo pecado. Tamén o di o mesmo Cristo con outras palabras: «Non teñen necesidade de médico os sans, senón os enfermos» (Mt 9, 12).

Se lemos calquera formulario para a celebración da Eucaristía que trae o Misal veremos que, como dixemos máis arriba, sempre hai unha parte na que se pide polos defuntos (se a Misa é de exequias todas as oracións son os polos defuntos), pero todos os demais momentos da celebración están pensados para os vivos: para pedir perdón; para escoitar a Deus que nos fala pola súa Palabra; para pedir polas necesidades do mundo; para dar grazas por todo o que nos concede Deus; para alimentar e fortalecer a nosa vida espiritual; para pedir polos demais, para invocar a protección de Deus; para pedir a intercesión dos santos e que imitemos o exemplo da súa vida…

Por iso, aínda que lembremos na Misa con todo o afecto aos nosos defuntos, non podemos ser tan inxenuos como para pensar que nós non necesitamos de nada a Deus. E moito menos, podemos caer no colmo de ir a un funeral e non lembrarnos para nada do defunto, reducindo todo a un mero acto social ao que nos consideramos obrigados a ir para que nos vexan.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Original en castellano

Imaxe: Exe Lobaiza

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: