A quen queres máis: ao pai ou á nai?

Estamos demasiado afeitos aos dualismos e a ter que escoller entre dúas opcións: A quen queres máis: ao pai ou á nai? Esta é a pregunta típica que lles facemos aos nenos sen saber o dano que podemos provocar na súa inocencia e bondade. O normal é que contesten que queren aos dous. Pero nós non quedamos satisfeitos e volvemos insistir. Este é só un pequeno exemplo para non ter que comentar aquí outros casos que poidan ferir sensibilidades.

Cando o Evanxeo preséntanos a parábola do pai que lles pide aos seus dous fillos que vaian traballar á viña (un di que vai, pero despois non o fai; e o outro di que non vai, pero ao final é o que se pon ao choio) tamén se nos suscita unha cuestión que, a primeira vista, parece que nos obriga a elixir: “Quen dos dous cumpriu a vontade do seu pai?” Neste caso a resposta é clara. A vontade cumpriuna: o que “fixo”, non o que “dixo”. Xa saben iso de que “obras son amores e non boas razóns”.

Moitos van atopar neste texto evanxélico unha xustificación para a súa forma de pensar e o seu estilo de vida, precisamente por ese dilema do que falaba ao principio. Non vai faltar quen diga que non fai falta rezar (dicir), nin ir a Misa para facer obras boas. Tampouco vai faltar quen diga que os que intentamos rezar e imos a Misa somos os peores porque “dicimos” moito, pero “facemos” pouco ou nada. Se cadra non lles falta razón, pero tampouco ten por que ser así. Non todo ten que ser unha disxuntiva. Precisamente para os cristiáns isto é un reto: que as nosas obras correspóndanse coas nosas palabras. As dúas cousas son posibles. Non é necesario escoller nin pelexarnos porque só unha sexa a importante. Non, as dúas son importantes, como non vai ser importante a coherencia!

Pero… por que imos ter que escoller só unha cousa cando podemos escoller as dúas? Aínda que, no suposto caso de que non nos quede outra solución que escoller entre dúas opcións, terémonos que inclinar polas obras e non polas palabras.

Xa que hoxe imos de ditos e refráns sigo con outro máis: “Non se pode a un tempo repicar e andar na procesión”. É certo. Hai cousas incompatibles, pero outras non o son. Nós, os cristiáns temos a sorte de poder e deber loar a Deus (rezar, falar con Deus, dicir) e facer o ben e a vontade de Deus ao mesmo tempo. Con outras palabras repetíronnos isto mesmo os Papas Xoán Paulo II e Benedicto XVI: “Non teñades medo de Cristo! El non quita nada, e dáo todo”. Cristo non nos impide actuar, máis ben todo o contrario. El sempre nos anima a facer o ben, a actuar con caridade e a ser coherentes. Para iso temos o exemplo da coherencia da súa vida.

Ás veces optamos por escoller para asegurarnos no mínimo. Xa saben, “máis vale paxaro en man que cento voando” ou “quen moito quere agarrar pouco lle dan a apreixar”, non vaia a ser que, se queremos todo, quedemos sen nada.

Termino con outro refrán, “A Deus rogando e co martelo dando”. As dúas cousas son necesarias.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Falando [Baixiño]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: