Advento-misericordia Ano Santo

Advento é soñar un mundo novo, advento é soñar a felicidade, advento é soñar unha humanidade nova, unha humanidade en marcha, en busca

Advento é soñar co Neno Xesús, soñar con ese neno que nos trae a alegría de vivir, devólvenos a inocencia perdida e reúnenos a todos no seu berce. Berce de vida, de ilusión, de fraternidade, de perdón, advento é soñar.

Advento é ver a realidade desde os ollos da fe, desde os ollos limpos que loitan por un mundo mellor, un mundo fraterno, un mundo humano onde o divino faise presente na humanidade.

Advento é esforzo dunhas mans por construír unha casa para todos, unhas mans abertas para acariñar, para saudar, para aplaudir, para tender pontes de encontro entre as persoas.

Advento é un corazón aberto para acoller a tenrura e a compaixón do Neno Deus.

Advento é un corazón aberto para amar, para doarse, para entregarse ao servizo dos nenos, dos mozos, dos adultos, dos anciáns, dos necesitados de agarimo, de comprensión, de misericordia.

Advento é soñar e ter a coraxe de facer realidade ese soño desde a sinxeleza e a humildade.

Advento é realidade, presente e futuro. Advento é o vento que sopra aire fresco nos pulmóns dos que buscan incansablemente un mundo novo ao estilo de Xesús de Nazaret.

Advento é inicio dun proxecto inmenso: Deus faise un de nós, toma carne humana.

Advento desde Isaías, María, Isabel, Xoán Bautista, todos en procura e todos cos ollos, as mans, o corazón abertos para acoller a vontade de Deus Pai e facer posible o “soño”: Deus encárnase e salva polo seu Fillo á humanidade.

Advento sopra, Espírito Santo axúdanos a non ter medo a acoller este aire novo que nos trae o advento, Espírito Santo ven ás nosas vidas, ven ás nosas comunidades e fainos dóciles para acoller a Salvación.

Manuel Areán Fernández

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: