Advento, tempo de esperanza

O home vén ao mundo con multitude de indixencias. A súa carencia é total: se non o alimentan, morre de fame; se non lle procuran roupa de abrigo, morre de frío; se non lle ensinan a ler, será analfabeto para sempre…

A carencia é pobreza, pero non todas as carencias son iguais. A contía e o valor das carencias condicionan as nosas pobrezas. É máis pobre o que carece de pan, que o que carece de cultura ou de prestixio social…

Todos temos deficiencias físicas e deficiencias psíquicas. Pero non sexamos pesimistas, xa que neste mundo en que nós vivimos abunda máis o positivo có negativo. Suplantemos o derrotismo pola esperanza de que o que hoxe é un fracaso, mañá será éxito. A esperanza é virtude conxénita no home. O agricultor que hoxe sementa gran na terra, faino coa gozosa ilusión de que o trigo que hoxe arroxa no suco, mañá será pan na súa mesa… Así nolo lembra o salmista: “Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen”. Os agricultores “Cando van, van chorando os que levan a semente. Ao viren, veñen cantando os que traen os monllos”.

Todos os homes vivimos de esperanza. Desde que nacemos, miramos ao futuro: vivimos en esperanza. Cando se perde toda visión de futuro, xorde a frustración. O presente é o futuro realizado, e o futuro é o presente aínda non cumprido. E posto que o “hoxe” condiciona o “mañá”, o presente é o futuro “prerealizándose”. Isto quere dicir que, en boa medida, somos construtores do noso mañá. Pero para que a nosa empresa sexa exitosa, requírese unha motivación que xustifique o noso sacrificio. Tal motivación nace da valoración do fin a conseguir, da garantía do éxito buscado e dos medios de que se dispón en función do labor emprendido.

A esperanza é máis que “gardar”, é colaborar co Señor, o cal, ao crearnos, confiounos unha misión a realizar, dicíndonos: “crecede e multiplicádevos, e sometede a terra” (Xén. 1,28). O labor do home é traballar no perfeccionamento do mundo material e espiritual. A experiencia dinos que as nosas mans melloraron notablemente o hábitat dos nosos antepasados. Aínda recoñecendo que queda moito por facer na nosa contorna, non podemos ignorar que o noso mundo avantaxa moito ao dos nosos avós.

Valoramos os adiantos que a man do home propiciou a estes tempos en que nos tocou vivir; pero non nos deteñamos no camiño, pois aínda falta moito para chegar á meta. Somos colaboradores do Señor, sigamos preocupándonos por un mundo mellor.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Cóengo da S. I. Catedral Basílica de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: